Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 22 de outubro de 1999 Páx. 12.525

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 270/1999, do 30 de setembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

Por Decreto 250/1997, do 25 de agosto (DOG do 17 de setembro), constituíuse o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, por segregación do Ilustre Colexio Nacional de Enxeñeiros Técnicos Forestais.

O devandito colexio, reunido en asemblea constituínte procede á aprobación dos seus estatutos, solicitando á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado

na materia de colexios oficiais ou profesionais e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

ESTATUTOS DO COLEXIO DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS FORESTAIS

DE GALICIA

TÍTULO I

Disposicións xerais, funcións e fins do colexio

Artigo 1º

1. O Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, que agrupa a tódolos titulados, axudantes de montes, peritos de montes e enxeñeiros técnicos das especialidades forestais, é unha corporación de dereito público, e personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento das súas finalidades e para o exercicio das súas funcións.

2. O colexio, na súa estructura interna e dinámica funcional, rexerase por principios democráticos e de solidariedade.

3. O ámbito do colexio abarca o territorio de Galicia que, para efectos colexiais, se considera dividido en tantas demarcacións como provincias existiran en cada momento.

4. O colexio manterá as pertinentes relacións vinculantes co Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Forestais do ámbito estatal radicado en Madrid.

5. A sede e o domicilio do colexio radica en Santiago de Compostela.

Artigo 2º

Son finalidades fundamentais do colexio as seguintes:

1. A ordenación do exercicio da profesión, especialmente orientada ó servicio da sociedade, das administracións públicas e as entidades xurídicas e oficiais.

2. A representación da profesión diante dos mencionados estamentos.

3. A defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

Todo isto entendido baixo o estricto respecto da Constitución, do Estatuto de autonomía e do resto do ordenamento xurídico.

Artigo 3º

Correspóndelle ó Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, para o cumprimento dos seus fins, o exercicio das seguintes funcións:

1. Te-la representación e defensa da profesión diante da Administración, institucións, tribunais, entidades particulares, con lexitimación para ser parte en tódolos litixios que afecten ós intereses profesionais e exerce-lo dereito de petición, de acordo coa lei.

2. Facilitarlle ós colexiados o exercicio da profesión.

3. Fomenta-la plena ocupación entre os colexiados, colaborando, cando sexa necesario, coa administración e a iniciativa privada.

4. Procura-la harmonía e a colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre os colexiados.

5. Intervir en vía de conciliación ou arbitraxe, en cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados.

6. Organizar actividades e servicios de interese para os colexiados de carácter profesional, formativo, cultural, informativo, asistencial, de previsión e outros análogos, en pro do seu sostemento económico cos medios necesarios.

7. Facilitarlles ós tribunais, de conformidade ás leis, a relación dos colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos nalgún asunto xurídico, ou designalos por eles, segundo conveña.

8. Distribuír equitativamente entre os colexiados aqueles traballos profesionais que se tramitan por medio do colexio.

9. Adopta-las medidas que conduzan a evita-lo intrusismo profesional.

10. Redacta-las tarifas dos honorarios, que terán carácter orientativo e as súas condicións de aplicación nos traballos profesionais e sometelas á súa aprobación.

11. Visa-los documentos relacionados cos traballos profesionais dos colexiados ademais de esixi-los visados en todos aqueles casos en que sexa preceptiva a actuación dun profesional deste colexio.

12. Xestiona-lo cobramento de percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, por petición dos colexiados, nos casos e condicións que se determinen regulamentariamente.

13. Facer cumpri-lo aboamento das cotas e achegas económicas dos colexiados que sexan necesarias, cos límites establecidos polo órgano colexiado competente.

14. Prestar ós colexiados axuda xurídica, cando o soliciten, en cuestións derivadas do exercicio profesional.

15. Emitir informe preceptivamente cando sexa requirido para iso sobre os proxectos de lei e disposicións de carácter xeral de calquera rango que se referisen ás funcións e actividades profesionais.

16. Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutisen honorarios profesionais.

17. Participar nos consellos e organismos consultivos da Administración na materia competencia da profesión.

18. Exerce-las funcións que lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudios, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos fins do colexio que poidan ser solicitadas ou que se acorde formular por iniciativa propia.

19. Estar presente nos padroados e consellos sociais das universidades.

20. Participar na elaboración dos plans de estudios das Escolas Universitarias de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, e emitir informe preceptivamente sobre plans doutras ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coa actividade forestal, así como á posible creación de Escolas Universitarias de Enxeñería Técnica Forestal, manter contacto permanente con elas e prepara-la información necesaria para facilita-lo acceso á vida profesional dos novos graduados.

21. Exerce-la representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

22. Ordena-la actividade profesional dos colexiados velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido ós dereitos dos particulares e exerce-la facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

23. Asesora-los colexiados nos asuntos relacionados coa Administración cando afecten ó exercicio profesional.

24. Cumprir e facer cumprir ós colexiados as leis xerais e disposicións relacionadas coa profesión, estes estatutos, así como tamén a norma e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

25. Calquera outra función que redunde en beneficio dos intereses profesionais, culturais, sociais e económicos dos colexiados.

TÍTULO II

Dos colexiados

Artigo 4º

Terán dereito a pertencer ó Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia as persoas físicas que estean en posesión dos títulos oficiais de enxeñeiro técnico forestal, perito de montes ou axudante de montes, e reúnan as condicións que se determinen nestes estatutos aínda que non exercesen a profesión.

Artigo 5º

É requisito indispensable para o exercicio da profesión de enxeñería técnica forestal en calquera das súas especialidades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a incorporación ó Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, como colexiado de número, cando o domicilio profesional único ou principal se atope dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este requisito non poderá ser esixido, no suposto de libre prestación de servicios, a aqueles nacionais dos estados membros da Comunidade Europea que estiveran previamente establecidos, con carácter permanente, en calquera dos ditos estados, de acordo, en cada caso, con aquilo que dispoñan as normas comunitarias aplicables á profesión de enxeñeiro técnico forestal; todo isto, sen perxuízo da obriga de notifica-la súa actuación ó colexio e cumpri-los requisitos que se establezan, coa achega da documentación esixible que se fixe.

Tamén poderán actuar profesionalmente no ámbito territorial do colexio, os colexiados da profesión doutros colexios do Estado español, logo da autorización e cumprimento das normas que regulamentariamente se establezan, en virtude dos correspondentes convenios que se asinen cos organismos profesionais competentes ou, en virtude da normativa que sexa de aplicación, co fin de quedaren suxeitos coas condicións económicas que en cada suposto se poidan establecer, ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

Artigo 6º

1. O colexio estará integrado por dúas clases de membros:

-Colexiados de honra.

-Colexiados de número.

2. Son colexiados de honra aquelas persoas ás que se lles outorga tal título, sexan ou non enxeñeiros

técnicos forestais, polos servicios que rendesen ou prestaran en favor da profesión.

A distinción de colexiado de honra outorgarase por acordo da Asemblea Xeral Ordinaria.

3. Para o recoñecemento dos méritos daquelas persoas, colexiados ou non, que prestaran destacados servicios ó colexio ou contribuíran notablemente ó prestixio da profesión, establécense as seguintes distincións por orde de maior mérito:

a) Título de colexiado de honra.

b) Medalla de honra.

A forma e as condicións para outorgar estas distincións estableceranse regulamentariamente.

4. Para ser colexiado de número terá que acreditar estar en posesión do título oficial de enxeñeiro técnico forestal en calquera das especialidades forestais, axudante de montes ou perito de montes, ou ben, título estranxeiro equivalente, sempre que en virtude de convenio de reciprocidade entre ámbolos países o Goberno do Estado español outorgara as ditas titulacións e autorización expresa para poder exerce-la carreira como enxeñeiro técnico forestal legalmente requirida para o exercicio da profesión, e estivera dado de alta no colexio.

Artigo 7º

A incorporación ó colexio, será necesario solicitala por escrito ó decano do colexio, xuntándolle á solicitude o título ou testemuña notarial deste, ou ben, resgardo de ter feito o pagamento dos dereitos de expedición. Declaración xurada de non estar sometidos a inhabilitación profesional ou colexial, como consecuencia dunha sentencia xudicial ou expediente administrativo ou disciplinario. Aboa-la cota de entrada, e cumpri-las prescricións que regulamentariamente se establezan.

Cando un solicitante procedese doutro colexio, a documentación referente á titulación será substituída por un certificado expedido polo colexio de procedencia, utilizando o modelo adoptado polo Consello Xeral de Colexios, no que se exprese se ten cubertas as súas obrigas colexiais, se non está expulsado e se non está sometido a sanción que o inhabilite para o exercicio profesional.

A Xunta de Goberno acordará o que crea procedente sobre a solicitude de inscrición, comunicándollo ó interesado.

Artigo 8º

Perderase a condición de colexiado:

a) Por petición propia, sempre que non teña obrigas profesionais ou corporativas pendentes de cumprimento.

b) Por incumprimento reiterado, sen xustificación, das súas obrigas económicas co colexio de acordo co que dispoñan nas normas destes estatutos sobre do réxime disciplinario e no regulamento.

c) Por expulsión do colexio acordada segundo o disposto nestes estatutos, así como no Regulamento de réxime interior, podendo o interesado interpoñer recurso diante da Xunta Rectora dentro do prazo dun mes. A resolución deste recurso poderá ser impugnada diante da xurisdicción contencioso-administrativa.

d) Por sentencia xudicial firme, que inhabilite o colexiado para o exercicio da profesión.

Tódalas situacións de baixa serán acordadas pola Xunta de Goberno e postas en coñecemento da Xunta Rectora.

Artigo 9º

Os colexiados teñen dereito:

1. Exerce-la profesión no ámbito de Galicia. Exerce-la profesión no resto do Estado español ou nos estados membros da Unión Europea mediante as oportunas habilitacións ou comunicacións que se establezan en virtude do convenio cos organismos profesionais competentes, ou da normativa que sexa de aplicación. No estranxeiro, en virtude das validacións e convenios oportunos coas autoridades e os organismos profesionais competentes.

2. Ser asistidos, asesorados e defendidos polo colexio na forma e nas condicións fixadas nas cuestións que se susciten en relación cos seus dereitos e intereses lexítimos de carácter profesional, e moi especialmente, cando se vexan obstaculizados no pleno e recto exercicio das súas atribucións.

3. Participar activamente na vida corporativa, especialmente asistir a tódalas asembleas, con voz e voto, e ser elector e candidato para os cargos do colexio e das súas institucións.

4. Utiliza-los servicios que o colexio estableza na forma e condicións que se determinen.

5. Presentar, para o rexistro e/ou visado, documentos relacionados coa súa actividade profesional, quedando constancia e garantía da súa actuación.

6. Cobra-los honorarios dos traballos de visado mediante o colexio na forma e condición fixados regulamentariamente.

7. Propoñe-la convocatoria e inclusión dun asunto na orde do día dunha reunión ou Asemblea Xeral, por petición dunha décima parte dos colexiados.

8. Recibir información regular sobre a actividade corporativa e de interese profesional mediante os instrumentos informativos que se creen regulamentariamente, como tamén intervir no trámite de información colexial nos asuntos que correspondan.

9. Escribir nas publicacións informativas do colexio, sen máis limitación que as contidas nestes estatutos. En ningún caso se podera altera-lo texto do escrito sen consentimento do autor.

10. Examina-los arquivos e rexistros que reflictan a actividade do colexio, na forma e nas condicións regulamentarias.

11. Obter información sobre aspectos corporativos do seu interese e se acaso, certificación dos extremos que afecten particularmente, como tamén ter vista e audiencia nas reunións do colexio que o afecten de maneira directa.

12. Formular denuncias diante do órgano de goberno do colexio sobre de actuacións profesionais sancionables dos colexiados, achegando as probas que o xustifiquen.

13. Remata-la los traballos que lle sexan solicitados ó colexio por organismos oficiais, entidades ou particulares, e que lle correspondan, respectando a quenda previamente formada.

14. Xestiona-lo cobramento dos honorarios mediante o colexio e obter deste recoñecemento pola súa reclamación, sempre que se cumprisen os requisitos fixados regulamentariamente.

15. Exercer tódolos dereitos que se deduzan destes estatutos.

16. Interpoñer diante da Xunta de Goberno do colexio recurso de queixa contra a actuación do delegado territorial ou provincial, ou dalgún membro da propia Xunta de Goberno, cando esta se considere inxusta, lesiva ou contraria ás disposicións legais ou os acordos dos órganos de goberno do colexio.

Artigo 10º

Son deberes do colexiado:

1. Asistir ós actos corporativos na forma que regulamentariamente se determine.

2. Cumprir dilixentemente tódalas prescricións que conteñan estes estatutos e os regulamentos que estes desenvolvan e tódalas outras disposicións emanadas dos órganos de goberno do colexio.

3. Poñer en coñecemento do colexio os casos de intrusismo profesional que coñezan.

4. Pagar puntualmente as cotas, tanto ordinarias como extraordinarias, que sexan aprobadas para o sostemento do colexio.

5. Facilitarlle ó colexio, na forma que se determine regulamentariamente, os datos que procedan para a elaboración da guía de colexiados ou por razóns estatísticas.

6. Observar, na súa actuación, a deontoloxía profesional á que fai referencia o artigo 12º e seguintes.

7. Someter ó visado colexial os encargos e traballos profesionais, nos casos e formas establecidas, e tramita-la minuta dos honorarios por petición do colexiado, por medio do colexio, empregando para iso os formularios e documentos que regulamentariamente se estipulen.

8. Non prexudicar, por acción ou omisión, os dereitos profesionais ou corporativos doutros colexiados.

9. Someter ó colexio as cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados coa arbi

traxe e conciliación do colexio, en primeiro termo, e ó Consello Xeral de Colexios en alzada.

10. Participar activamente e responsablemente na vida corporativa, e acepta-los cargos para os cales foron escollidos, salvo causa xustificada.

11. Non difundir informacións declaradas confidenciais pola normativa colexial.

12. Prestar declaración diante do comité disciplinario por petición deste, na forma que estatutariamente se determine.

13. Comunica-los cambios de residencia ou domicilio, así como as ausencias superiores a tres meses.

14. Nos traballos profesionais que realicen, observar tódalas normas e preceptos que establece a lexislación vixente, os dictados polo colexio e polo Consello Xeral e aqueloutros dirixidos a manter e eleva-lo prestixio, dignidade e ética profesional.

15. Velar polo estricto cumprimento da normativa vixente, especialmente nas cuestións referidas á persecución do intrusismo; fomenta-las actuacións dos profesionais de enxeñería técnica forestal, nas competencias que o requiran, e procurar, por tódolos medios que estean ó seu alcance, remedia-lo desemprego profesional dos colexiados.

TÍTULO III

Organización do colexio

Sección primeira

Órganos e funcións

Artigo 11º

O colexio terá os seguintes órganos:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) As asembleas provinciais.

d) Os delegados provinciais.

Artigo 12º

1. A Asemblea Xeral do colexio é o órgano de expresión da vontade de tódolos seus colexiados residentes neste territorio e en relación con este. Polo tanto todos eles, como os seus órganos de goberno, están obrigados ó cumprimento dos acordos que aquela adopte.

2. A Asemblea Xeral gozará de plenas atribucións e máxima autonomía dentro do ámbito de Galicia.

3. A asemblea estará formada por tódolos colexiados de Galicia e presidiraa o decano acompañado polos outros membros da Xunta de Goberno.

Artigo 13º

1. No derradeiro trimestre de cada ano terá lugar a Asemblea Xeral Ordinaria do colexio, para a aprobación dos seus orzamentos internos, e cada dous anos, para a renovación de parte dos cargos directivos da Xunta de Goberno.

2. A convocatoria faraa o decano, con expresión da orde do día.

3. A Asemblea Xeral do colexio reunirase con carácter extraordinario, coa convocatoria previa do decano, ben por iniciativa propia, por acordo da Xunta de Goberno ou a proposta do 10% dos colexiados de Galicia.

4. As convocatorias faranse cunha antelación mínima de vinte días. Para as asembleas extraordinarias este prazo quedará reducido á metade. As citacións faranse por escrito ó domicilio dos colexiados, consignando no escrito, a data, lugar e hora deste.

5. A Asemblea Xeral do colexio terá lugar ordinariamente na sede deste.

Artigo 14º

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída na primeira convocatoria cando entre os presentes e os representantes exista maioría absoluta. En segunda convocatoria, que se verificará na mesma citación por un transcurso mínimo de media hora, quedará así mesmo cos que estean presentes e representados.

2. Os acordos adoptaranse por maioría, entre os asistentes e os representantes, agás para aqueles acordos que requirisen un quorum especial de acordo con estes estatutos.

3. Só se poderán adoptar acordos sobre asuntos que figuren na orde do día.

Artigo 15º

Son atribucións da Asemblea Xeral:

1. Aproba-la acta da asemblea anterior.

2. Defini-las liñas de actuación económica e aproba-los orzamentos do colexio e as súas liquidacións.

3. Aprobar fontes de ingresos especiais para a economía interna do colexio.

4. Aprobar e modifica-la deontoloxía profesional.

5. Aprobar e modifica-lo réxime disciplinario.

6. Resolve-los asuntos que correspondan á Asemblea segundo estes estatutos e os asuntos que figuren na orde do día.

Artigo 16º

1. A Xunta de Goberno do colexio posúe a actuación e a coordinación desta e entre os seus colexiados en todo o territorio galego. As súas funcións desenvolveranse na sede do colexio en Santiago de Compostela.

2. A Xunta de Goberno está constituída polos seguintes membros: decano, que ten a máxima representación do colexio, secretario, tesoureiro e dous vocais.

Artigo 17º

A convocatoria ás sesións da Xunta de Goberno faraa o decano, mediante a remisión da orde do día

e a información previa sobre os asuntos que se vaian tratar.

Non se poderá adoptar ningún acordo sobre asuntos que non figuren na orde do día, agás os de extraordinaria urxencia, considerada por maioría dos dous tercios dos asistentes.

As convocatorias faranse polo menos con 5 días de antelación, agás os casos de sesións urxentes que poderá convocarse co tempo imprescindible para a citación.

Como mínimo, a Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria cada 3 meses. Na reunión do derradeiro trimestre de cada ano prepararase e confeccionarase a orde do día da asemblea.

A Xunta de Goberno reunirase con carácter extraordinario, coa convocatoria previa do decano ou a petición da terceira parte, con un mínimo, dos seus membros.

Artigo 18º

Corresponden á Xunta de Goberno, para o cumprimento dos seus fins, o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

1. Desempeña-la representación e defensa da profesión diante da Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten ós intereses profesionais e exerce-lo dereito de petición, de acordo co establecido nas leis.

2. Facilitarlle ó colexiado o exercicio da profesión.

3. Fomenta-la plena ocupación entre os colexiados. Por iso, colaborará sempre que sexa necesario coa Administración e a iniciativa privada.

4. Procurar harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre estes.

5. Intervir en vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

6. Organizar actividades e servicios de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, informativo, asistencial, de previsión e outras similares, procurando o seu sostemento económico cos medios necesarios.

7. Facilitarlles ós tribunais, de acordo coas leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos en asuntos xurídicos, ou designalos eles, segundo proceda.

8. Distribuír equitativamente entre os colexiados aqueles traballos profesionais que se tramiten por medio do colexio.

9. Adopta-las medidas conducintes a evita-lo intrusismo profesional.

10. Visa-los documentos relacionados cos traballos profesionais que se vaian executar no territorio do colexio e esixi-lo visado.

11. Xestiona-lo cobramento das percepcións, remuneracións e honorarios profesionais, con carácter xeral ou por petición dos colexiados, nos casos e condicións que determinen estes estatutos.

12. Propoñerlles á asemblea as cotas e aportacións económicas extraordinarias dos colexiados que sexan necesarias, dentro dos límites establecidos polo órgano colexial competente.

13. Prestarlles ós colexiados axuda xurídica, cando o soliciten, en cuestións derivadas do exercicio profesional.

14. Emitir informe sobre os proxectos de lei ou disposicións de calquera rango que se referisen ás funcións profesionais, dictadas polo/s parlamento/s autónomo/s, as xuntas xerais ou institucións de rango inferior, e elevalos ó Consello Xeral para a súa redacción definitiva.

15. Emitir informe dos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios profesionais.

16. Participar na elaboración dos plans de estudio e informa-las normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión; manter permanente contacto con estes e prepara-la información necesaria para facilita-lo acceso á vida profesional dos novos titulados.

17. Participar nos consellos e organismos consultivos da Administración nas materias competencia da profesión.

18. Representar ó colexio nos padroados universitarios.

19. Exercer tódalas funcións que lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con ésta mediante a realización de estudios, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos fins do colexio que poidan serlle solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.

20. Desempeña-la representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

21. Ordena-la actividade profesional dos colexiados velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido ós dereitos dos particulares e, exerce-la facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

22. Cumprir e facer cumprir ós colexiados as leis xerais e as disposicións relacionadas coa profesión, estes estatutos e os seus regulamentos ademais das normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

23. Resolver por laude por instancia das partes interesadas as discrepancias que poidan xurdir sobre cumprimento das obrigas emanadas dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión.

24. Elabora-los regulamentos de réxime particular e sometelos á aprobación da asemblea.

25. Dirimi-los conflictos que poidan suscitarse entre as diferentes delegacións.

26. Adopta-las medidas necesarias para que os colexiados cumpran as resolucións dos órganos do colexio.

27. Velar para que se cumpran as funcións disciplinarias con respecto ós colexiados.

28. Confecciona-los orzamentos e a liquidación dos orzamentos anteriores e sometelos á aprobación da asemblea.

29. Organizar institucións e servicios de asistencia e de previsión e colaborar coa Administración para a aplicación, ós profesionais colexiados, do sistema de Seguridade Social máis adecuado.

30. Tratar de consegui-lo máximo nivel de traballo dos colexiados, colaborando coa Administración na medida que resulte máis adecuada.

31. Velar porque se cumpran as condicións esixidas nos estatutos e regulamentos para a presentación e proclamación de candidatos para os cargos directivos das delegacións.

32. Propoñerlle á asemblea a reforma do regulamento.

33. Propoñerlle á asemblea a concesión do título de colexiado de honra e da medalla de honra.

34. Autoriza-la convocatoria da asemblea, sempre que o soliciten, polo menos, a metade dos membros da Xunta de Goberno.

35. Interpretar e vixia-lo cumprimento dos acordos adoptados na asemblea.

36. Orienta-las actuacións do colexio en pro dos seus fins profesionais.

37. Controlar, asesorar e coordina-las actuacións das delegacións.

38. Manter actualizadas as listas dos colexiados e os seus datos profesionais e corporativos.

39. Propoñerlle á asemblea a creación ou disolución das delegacións.

40. Crear cargos e seccións, e delega-las competencias que consideren para o desenvolvemento das súas funcións, de acordo co regulamento.

41. Fixa-la orde do día da asemblea.

42. Nomea-los delegados provinciais de acordo co artigo 25º.

43. Tódalas outras funcións que redunden en beneficio dos intereses profesionais, culturais, sociais e económicos dos colexiados.

Artigo 19º

Considerarase validamente constituída a Xunta de Goberno cando estean presentes, polo menos, a metade dos seus compoñentes. Non obstante, se non se chegase a reuni-lo quorum necesario para a súa constitución, despois de transcorrida unha hora, os presentes pasarán a trata-los temas que por maioría consideren urxentes.

No caso de convocatoria urxente cada compoñente poderá desempeña-la representación doutro.

Os acordos serán adoptados por maioría dos asistentes, e en caso de empate decidirá o voto de calidade do decano.

Artigo 20º

O decano da Xunta de Goberno ten as seguintes atribucións:

a) Desempeña-la representación legal do colexio do seu ámbito territorial, con facultades de delegar e acorda-lo exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, delegadas expresamente pola Xunta de Goberno.

b) Convoca-las reunións da asemblea e da Xunta de Goberno.

c) Fixar de acordo coa Xunta de Goberno, a orde do día da asemblea.

d) Presidi-las reunións da asemblea e da Xunta de Goberno.

e) Presidir e modera-las comisións e reunións ás que asistan.

f) Velar polo cumprimento das prescricións regulamentarias dos acordos adoptados polos órganos xerais e das disposicións xerais.

g) Autorizar coa súa sinatura as actas das reunións dos órganos colexiais.

h) Autoriza-lo carné de colexiado.

i) Visar tódalas certificacións que expida o secretario.

j) Autoriza-los libramentos e as ordes de pagamento.

k) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sempre sen prexuízo da lexitimación que estableza a lei.

l) Autoriza-los informes e as comunicacións que oficialmente dirixan o colexio, ás autoridades, corporacións ou particulares.

m) Asina-los documentos necesarios para a apertura de contas correntes bancarias e os talóns ou cheques expedidos pola tesourería para repartir cantidades.

n) Dar posesión ós membros da Xunta de Goberno e estende-las credenciais.

o) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

Artigo 21º

O vicedecano, cando exista, exercerá todas aquelas funcións que lle delegue o decano, e substituirao en casos de ausencia, enfermidade, suspensión, dimisión, cesamento e defunción; nos tres últimos casos, para o resto do mandato, e nos outros, polo tempo en que se manteñan as circunstancias que poidan motiva-la substitución.

Artigo 22º

Independentemente dos dereitos e obrigas especiais que lle confiran os acordos da respectiva Xunta de Goberno, corresponderalle ó secretario:

a) Levantar acta das reunións.

b) Expedi-las certificacións.

c) Prepara-lo despacho para dar conta á Xunta de Goberno dos asuntos do colexio e das comunicacións colexiais.

d) Redacta-la memoria anual.

e) Asinar el ou co decano, en caso necesario, as ordes, a correspondencia ordinaria de trámite normal e outros documentos administrativos.

f) Ter conta dos documentos do arquivo que pertenzan ó colexio e a responsabilidade da súa custodia.

g) Ter conta do libro de actas das asembleas ordinarias e extraordinarias, e das reunións da Xunta de Goberno.

h) Ter conta el, axudado polo persoal de oficina en quen poida delegar, o rexistro de colexiados.

i) Exerce-la autoridade directa sobre o persoal administrativo e subalterno, ó que fará cumprir coas súas obrigas específicas e cos acordos da Xunta de Goberno.

Artigo 23º

Será misión do tesoureiro:

a) Administrar e custodia-los fondos pertencentes ó colexio sendo responsable deles.

b) Autorizar coa súa sinatura, conxuntamente coa do decano, os recibos, os cobramentos e os pagamentos.

c) Informar á Xunta de Goberno dos non pagamentos.

d) Leva-los libros de contabilidade necesarios de forma legal.

e) Asina-la correspondente conta de ingresos e pagamentos mensuais para sometelos á aprobación da Xunta de Goberno; e reuni-los correspondentes

ó ano en curso, coas súas xustificacións, presentalos á aprobación da asemblea.

f) Facer chegar a tódolos colexiados, por medio da memoria anual, o balance da situación económica.

g) Redacta-los orzamentos do colexio e sometelos á Xunta de Goberno.

Artigo 24º

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma constituirase unha asemblea territorial, que estará composta por tódolos colexiados da demarcación e presidida polo delegado provincial. Esta asemblea terá carácter consultivo, deliberatorio e informativo. Será competencia da asemblea a ratificación do delegado provincial recollido no artigo 25º, así como a proposta de remoción deste acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 25º

O delegado provincial, representa o colexio diante de toda clase de organismos, entidades e corporacións no seu ámbito territorial.

Os delegados provinciais son os responsables diante da Xunta de Goberno do sentir dos colexiados nas provincias da Comunidade Autónoma. Serán nomeados pola Xunta de Goberno e ratificados pola asemblea provincial correspondente. Eles asumirán a representación desta Xunta de Goberno no seu territorio nos casos en que non sexa necesaria a decisión desta e substituirán o decano por delegación expresa deste. Haberán de asistir a tódalas reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto e poderán representa-la provincia nas asembleas. Asumirán cantas funcións teñan delegadas pola Xunta de Goberno.

Correspóndelle presidi-las asembleas territoriais de colexiados que convocará por propia iniciativa, seguindo as instruccións da Xunta de Goberno, ou por petición de máis do 10% dos colexiados da súa demarcación.

Actuará diante da Xunta de Goberno como vocal e, como voceiro dos colexiados do seu territorio, os que manterá informados das reunións da xunta e, en xeral, de todo canto afecte ós intereses de todo tipo dos colexiados. A súa actuación poderá ser impugnada diante da Xunta de Goberno, absténdose nestos casos de participar.

Nas asembleas provinciais desenvolverá a tarefa de secretario o de máis recente colexiación que se atope presente no momento de iniciarse a asemblea.

O delegado provincial poderá ser cesado por iniciativa da Xunta de Goberno, ou por iniciativa do 10% dos colexiados do territorio provincial. En todo caso, será precisa a ratificación da asemblea provincial. O novo delegado provincial será nomeado

pola Xunta de Goberno e igualmente ratificado pola asemblea correspondente.

Sección segunda

Dependencia funcional

Artigo 26º

1. Estructurarase a organización administrativa a través dos seguintes elementos:

a) O secretario, que exercerá as funcións de preparar e aplica-los acordos da Xunta de Goberno levando a xerencia das disposicións e actividades dos órganos e servicios, ademais do rexistro e o arquivo.

b) Os servicios xerais que establece o colexio, dentro das previsións orzamentarias, tales como previsión asistencial, financeira, perfeccionamento profesional, traballo e bolsa de traballo, cultural, de publicacións, xurídico, ordenación e asesoramento profesional e outros.

2. Os xefes de servicio xerais dependen xerarquicamente do secretario, por delegación do decano do colexio e funcionalmente do delegado do servicio correspondente.

3. O secretario depende xerarquicamente do decano do colexio.

Artigo 27º

1. O secretario, que será un colexiado, exercerá a súa función coordinadora cos servicios xerais, comunicará e aplicará os acordos da Xunta de Goberno levando a xerencia das actividades do colexio, como tamén o rexistro e o arquivo. Desenvolverá no seu ámbito as xestións, a organización de actividades culturais e formativas, os arquivos e outros. As funcións de visado, levaraas a cabo o tesoreiro.

2. O secretario é o xefe do persoal da oficina do colexio, por delegación do decano.

3. Os empregados, ou responsables entre eles que se designen, dependerán funcional e xerarquicamente do secretario.

Sección terceira

Bases de réxime electoral

Artigo 28º

A elección dos membros da Xunta de Goberno será por un período de 4 anos e terá que recaer en colexiados residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tódolos cargos poderán ser reelixidos unha ou varias veces.

Tódolos cargos serán honoríficos, sen embargo, e cando as circunstancias e a carga de traballo así o precisen, a Xunta de Goberno poderá someter á Asemblea Xeral a necesidade de retribución ou gratificación de determinados cargos.

Artigo 29º

A elección dos cargos axustarase ás seguintes normas:

1. A elección será por candidaturas, terá lugar mediante votación secreta, facéndose a proclamación por maioría de votos dos colexiados, tanto presentes como aqueles que os envíen por correo. Non se admite a delegación do voto para a elección de cargos.

2. Serán electores e elixibles tódolos colexiados que no momento da votación non se encontren nalgunha das situacións previstas no artigo 8 destes estatutos.

3. O dereito ó voto exercerase persoalmente ou por correo, acordo co que se estableza no Regulamento de réxime interior con obxecto de garanti-la súa autenticidade.

4. Os colexiados que desexen presentarse á elección dos cargos da Xunta de Goberno deberán comunica-la súa candidatura por escrito ó decano, de acordo co establecido no regulamento de réxime electoral, a Xunta de Goberno dará a coñecer a tódolos colexiados a relación completa das candidaturas presentadas.

5. As candidaturas poderán realizar pola súa conta, entre os demáis colexiados, a propaganda que crean conveniente.

Elixidos os membros da Xunta de Goberno, estes deberán tomar posesión dos seus cargos, dentro do prazo dun mes seguinte á data en que se dean por finalizadas as eleccións.

Artigo 30º

Para os efectos disciplinario e administrativo dos artigos 39 e 42 destes estatutos esixirá unha Xunta Rectora, en tanto non se constitúa formalmente o Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Forestais, composta pola Xunta de Goberno máis os delegados provinciais que neste caso terán voz e voto.

TÍTULO IV

Ordenación do exercicio profesional

Artigo 31º

1. Todo colexiado poderá exerce-la súa profesión libremente en calquera punto do ámbito de Galicia.

2. Estableceranse os tipos de visados e as normas e requisitos que han de cumprirse para a súa obtención, de acordo co Consello Xeral.

3. O segredo profesional, respecto a materias reservadas coñecidas con ocasión do desenvolvemento dun traballo, constitúe un deber e un dereito lexítimo.

4. Establécese como a principal finalidade do colexio a defensa da profesión, resulta un dereito e unha obriga o feito de colexiarse para todo o mundo que se atope no exercicio profesional en calquera das súas formas.

Artigo 32º

Toda actuación profesional dos colexiados axustarase sempre á deontoloxía profesional. En calquera caso ninguén poderá realizar ningunha actuación que atenda ó desprestixio da profesión ou á dignidade profesional ou persoal doutro colexiado.

Artigo 33º

O exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal é incompatible:

a) Cos cargos de presidente do Goberno, ministro, secretario de Estado, subsecretario, director xeral e similares da Administración pública.

b) Cos restantes cargos que as leis reguladoras establecidas expresen tal incompatibilidade.

TÍTULO V

Réxime económico

Artigo 34º

1. O colexio deberá contar cos recursos necesarios para atender debidamente as finalidades e funcións encomendadas ás solicitudes de servicio dos seus membros, os cales quedarán obrigados a contribuír ó sostemento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

2. Os recursos económicos do colexio serán sufragados na proporción que se estableza regulamentariamente das cotas ordinarias mínimas que satisfagan os colexiados.

3. Tamén constituirán recursos propios do colexio as achegas que con carácter extraordinario acorde o Pleno para atender necesidades imprevistas.

4. Serán recursos ordinarios do colexio:

a) Os beneficios, as rendas e os intereses de toda clase que producisen os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

b) As cotas de entrada dos colexiados, contías que se determinarán en asemblea.

c) As cotas periódicas ou ordinarias, as cales serán fixadas tamén por Asemblea Xeral. A forma de pagamento determinaa a Xunta de Goberno.

d) O tanto por cento sobre os honorarios, ou da contía económica dos traballos que corresponda devengar ós colexiados pola redacción de toda clase de traballos profesionais. Esta porcentaxe será fixada da mesma maneira que a sinalada no punto anterior e establecerase regulamentariamente.

5. Serán recursos extraordinarios do colexio:

a) As subvencións, doazóns, herdanzas ou legados que sexan outorgados polo Estado, a Administración autonómica, corporacións oficiais, entidades públicas ou privadas, colexiados ou particulares.

b) Os dereitos por estudios, informes ou dictames que emita a Xunta de Goberno.

c) Os dereitos pola utilización dos servicios que teñan establecidos para prestacións singulares.

d) Os que se establezan con carácter xeral mediante o reintegro ou selos para o cumprimento das finalidades asistenciais, formativas e de ordenación do traballo profesional.

e) As contías que por calquera outro concepto non especificado se poidan percibir.

Artigo 35º

1. Os orzamentos xerais elaboraranse segundo os principios de eficacia e economía, e incluirán a totalidade dos ingresos e gastos colexiais no exercicio económico.

2. A Xunta de Goberno elaborará os orzamentos xerais para a súa presentación e aprobación pola Asemblea Xeral.

3. Os orzamentos aprobados no poderán conter variacións de contía de recursos que non se tramitarán regulamentariamente.

4. Mentres non se aprobe o orzamento, quedará automaticamente prorrogado o anterior.

5. O orzamento do colexio aprobarase en asemblea.

6. Os orzamentos, contas e balances daránselles a coñecer ós colexiados, correspondéndolle a administración á Xunta de Goberno.

TÍTULO VI

Réxime disciplinario e recompensas

Sección primeira

Réxime disciplinario

Artigo 36º

1. O exercicio profesional supón a aceptación do réxime disciplinario establecido polo colexio nos seus estatutos.

2. Quedan limitadas as faltas disciplinarias exclusivamente ás infraccións dos dereitos colexiais e da deontoloxía profesional, establecida con carácter xeral.

3. Como requisito previo e inescusable esixirase, para impoñer calquera sanción disciplinaria, a instrucción dun expediente, ó cal, en todo momento, terá acceso o interesado.

4. Ademais de iniciarse o expediente, o comité disciplinario, á vista da denuncia e das probas presentadas, terá que abrir unha información para decidir sobre a súa procedencia ou recusa-las denuncias que non reúnan os requisitos e as garantías regulamentariamente esixidas.

5. Ninguén poderá ser sancionado se non fose probada fidedignamente a súa falta e poderá esgota-los recursos que se lle concedan.

6. O comité disciplinario propoñerá a decisión á Xunta de Goberno do colexio.

7. A Xunta de Goberno tomará a decisión e trasladaralla ós afectados para o seu cumprimento. A decisión poderá ser recorrida diante da Xunta Rectora, de se-lo caso, diante do Consello Xeral cando así veña establecido polos seus estatutos e de acordo co disposto na disposición transitoria segunda, no tempo e forma que regulamentariamente se establezan.

8. Os colexiados sancionados non poderán ocupar ningún cargo colexial en tanto non teña cancelada a súa sanción.

Artigo 37º

1. As faltas que poden dar orixe á sanción disciplinaria cualifícanse de moi graves, graves, e leves.

a) Son faltas moi graves:

a.1) O exercicio profesional cando incorrese en calquera causa de incompatibilidade, declarada legalmente.

a.2) Os actos e as omisións que constitúan unha ofensa grave á dignidade da profesión.

a.3) Cometer delictos dolosos, en calquera grao de participación como consecuencia do exercicio da profesión.

a.4) A embriaguez e/ou toxicomanía habituais que afecten gravemente ó exercicio da profesión.

a.5) A realización de actividades, constitución de asociacións e afiliación a estas, cando teñan como obxecto ou realicen funcións que sexan propias do colexio e interferisen nelas nalgún caso.

a.6) A reiteración en falta grave.

a.7) O intrusismo profesional e o seu encubrimento.

a.8) A condena en sentencia firme, por feitos gravemente ofensivos.

a.9) O incumprimento reiterado, sen xustificación, do pagamento das cotas ou da porcentaxe que, sobre os honorarios profesionais que no exercicio libre da profesión perciban os colexiados, e se acordara ingresar no colexio para o seu sostemento e atención ós seus fins propios.

b) Son faltas graves:

b.1) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos de goberno.

b.2) A falta de respecto por acción ou omisión ós que ocupen cargos electos, cando actúen no exercicio das súas funcións.

b.3) Os actos de desconsideración manifesta con outros colexiados no exercicio da actividade profesional.

b.4) A competencia desleal.

b.5) A embriaguez ou drogadicción, con ocasión do exercicio profesional.

b.6) Os actos e omisións descritas como faltas moi graves, cando polas súas circunstancias non tivesen entidade suficiente para merecer esta consideración.

c) Son faltas leves:

c.1) A falta de respecto ós que ocupen cargos electos, cando non constitúan falta moi grave ou grave.

c.2) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c.3) A infracción leve dos dereitos profesionais.

c.4) Os actos descritos como faltas graves cando polas súas circunstacias non teñan entidade suficiente para merecer esta consideración.

37.2 As sancións que se poden impoñer son:

a) Por faltas moi graves:

a.1) Expulsión do colexio.

a.2) Suspensión do exercicio profesional por un tempo superior a tres meses e inferior a dous anos.

b) Por faltas graves:

b.1) Suspensión do exercicio profesional por un tempo non superior a tres meses.

c) Por faltas leves:

c.1) Amoestación por escrito.

c.2) Reprensión privada.

Artigo 38º

O colexio sancionará todos aqueles actos dos colexiados que constitúan infracción culpable destes estatutos, regulamento de réxime interior ou acordos adoptados polos seus órganos de goberno.

Artigo 39º

Para a imposición de sancións incoarase previamente o oportuno expediente, acordo este que compete á Xunta de Goberno, que para tal fin designará unha comisión de disciplina constituída por cinco colexiados como máximo, un deles será membro da Xunta de Goberno e os restantes designaranse entre os colexiados máis antiguos ou máis cualificados, recalando a presidencia da devandita comisión no de maior antigüidade colexial.

No expediente que se instrúa, será escoitado o afectado, quen poderá facer alegacións e achegar a este cantas probas considere convenientes na súa defensa. Ultimado o devandito expediente, a comisión, xunto coa proposta de sanción, elevarao á Xunta de Goberno para a súa resolución e acordo.

Artigo 40º

Contra as sancións disciplinarias de calquera tipo impostas pola Xunta de Goberno, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso administrativo diante da Xunta Rectora que resolverá no prazo de

tres meses, resolución que esgota a vía administrativa, e contra a que poderá recorrerse ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Sección segunda

Recompensas

Artigo 41º

As recompensas, a concesión corresponde á Asemblea Xeral, serán as seguintes:

1. Felicitacións ou mencións honoríficas.

2. Solicitude, a quen corresponda, de concesión de condecoracións oficiais.

3. Publicación con cargo ós fondos do colexio daqueles traballos de destacado valor técnico ou científico.

4. Aqueloutros premios de tipo económico que a Xunta de Goberno, por si mesma ou por proposta das delegacións territoriais, propoña.

TÍTULO VII

Réxime xurídico

Artigo 42º

O colexio, en canto actúe no exercicio das funcións públicas, axustará a súa actuación ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse en todo caso como funcións públicas do colexio, o control das condicións de ingreso na profesión, da evaliación de informes preceptivos ó visado de proxectos, e a potestade disciplinaria.

A Lei 30/1992 citada aplicarase así mesmo de forma supletoria, en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre de colexios e estes estatutos.

Artigo 43º

Contra os acordos emanados dos órganos do colexio poderase interpoñer recurso diante da Xunta Rectora no prazo dun mes a partir da súa comunicación.

Unha vez esgotada a vía corporativa, os actos do colexio suxeitos ó dereito administrativo serán recorribles diante da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 44º

Son nulos, de pleno dereito, os actos emanados dos órganos do colexio nos que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

2. Os dictados por órgano manifestamente incompetente.

3. Os que teñan un contido imposible.

4. Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se dicten como consecuencia deste.

5. Os dictados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen a regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

6. Os actos expresos ou presuntos contrarios ó ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

7. Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

Son anulables os actos que incorren en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

TÍTULO VIII

Reforma dos estatutos

Artigo 45º

Para propoñer á Administración a reforma destes estatutos, necesitarase o acordo de Asemblea Xeral do colexio, adoptado por maioría simple dos concorrentes a ela, é dicir, presentes e representados.

Disposicións transitorias

Primeira.-A Xunta Xestora, unha vez sexa ratificada pola Asemblea Xeral, terá carácter de órgano de goberno para os efectos do disposto na Lei de colexios profesionais, durante o tempo no que non se constitúa a Xunta de Goberno, mediante o correspondente proceso electoral.

Segunda.-A Xunta Rectora é un órgano creado para os efectos disciplinarios e de recurso, actuando con tales funcións mentres non exista un Consello Xeral de Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais que, de acordo coa Lei de colexios profesionais e os seus propios estatutos, asuma as ditas funcións, momento no que se entenderá substituída a Xunta Rectora polo dito Consello Xeral ou órgano deste que asuma tales funcións.