Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 21 de outubro de 1999 Páx. 12.504

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Jema Creaciones Infantiles, S.A., no concello de Ferrol (A Coruña), e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 98/876).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Jema Creaciones Infantiles, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Pega s/n, Trasancos (Santa Cecilia), Ferrol (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 16 de novembro de 1998, a citada empresa solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, e derrogado polo R.D. 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, actualmente vixente.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Un motor alternativo de 291 kW alimentado por gasóleo C.

-Un xerador síncrono trifásico de 350 kVA.

-Un transformador de 400 kVA e relación de transformación 20 kV/380 V.

-Un transformador para servicios auxiliares de 100 kVA e relación de transformación 20 kV/380 V.

-Instalacións de almacenamento de combustible, conexión, protección, mando, sinalización e medida.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 29 de decembro de 1998, pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 11 de febreiro de 1999 e no BOP da Coruña do 9, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-O proxecto está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autoriza-la instalación da planta de coxeración á empresa Jema Creaciones Infantiles, S.A., que se situará nas súas instalacións do termo municipal de Ferrol, na provincia da Coruña.

Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998 e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 de dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así coma o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria