Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 14 de outubro de 1999 Páx. 12.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 1999 pola que se convocan dúas xornadas de estudio sobre fiscalidade forestal.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, dúas xornadas de estudio sobre fiscalidade forestal, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

-Presenta-la nova normativa fiscal dos montes veciñais en man común.

-Analiza-las circunstancias de aplicación da normativa fiscal.

A primeira das xornadas servirá para presenta-las problemáticas de aplica-la actual normativa fiscal dos montes veciñais en man común, e a segunda, que terá carácter complementario e continuador da anterior, estará orientada a dar resposta ás cuestións expostas na xornada do día 3 de novembro.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O novo réxime fiscal das comunidades de montes veciñais.

-A fiscalidade e a consolidación da institución veciñal.

-O novo réxime fiscal de estimación obxectiva dentro do IRPF para os propietarios forestais.

-A fiscalidade como instrumento incentivador da xestión forestal sostible.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega, membros das xuntas rectoras dos montes veciñais en man común e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Horario: as sesións de ámbalas dúas xornadas serán pola tarde, a partir das 16 horas.

Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid 2-4, polígono das

Fontiñas, Santiago de Compostela) os días 3 e 16 de novembro de 1999.

5. Inscrición.

Prazo: remata o venres, día 29 de outubro de 1999.

Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

As solicitudes do persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e dos interesados en xeral cubriranse segundo o modelo que figura como anexo I desta convocatoria.

As peticións dos membros das xuntas rectoras dos montes veciñais constituídas serán cubertas conforme o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Número de prazas: limitado á capacidade do local.

Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, o día 2 de novembro, ós seguintes números da EGAP: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate da segunda xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ámbalas dúas xornadas, cando a súa asistencia a estas sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública