Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 13 de outubro de 1999 Páx. 12.194

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 16 de setembro de 1999 pola que se crea o polígono de viveiros denominado O Grove R, do distrito marítimo do Grove, e se establece como zona de reserva para reparqueo de moluscos.

A evolución dos últimos episodios de mareas vermellas nas rías galegas e os resultados obtidos co funcionamento de zonas para o reparqueo de moluscos sinalan a conveniencia de crear novos polígonos de viveiros dedicados exclusivamente a minora-los efectos das biotoxinas.

Os ditos polígonos deberán situarse en lugares que presenten niveis baixos de toxicidade por fenómenos de floración fitoplanctónica, co fin de evitar na medida do posible a incidencia negativa que os episodios de mareas vermellas supoñen para a producción e comercialización de moluscos bivalvos na Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto, vistas as peticións do sector en demanda de zonas de reparqueo para autodepuración e tendo en conta os estudios realizados, esta consellería, facendo uso das facultades que lle concede á letra d) do artigo 6, e o artigo 63, da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, así como o Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º

Créase o polígono de viveiros denominado O Grove R, do distrito marítimo do Grove, coa capacidade, situación e circunstancias que se indican no anexo desta orde.

Artigo 2º

Declárase de interese especial de acuicultura o polígono de viveiros O Grove R e establécense como zona de reserva para o reparqueo de moluscos a totalidade das cuadrículas que constitúen o citado polígono.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións que foran precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Denominación do polígono: O Grove R, situación xeográfica:

Coordenadas, vértices:

Vértice A: 42º 30' 15'',05 N8º 51' 47'',47 W

Vértice B: 42º 30' 14'',35 N8º 51' 38'',27 W

Vértice C: 42º 30' 07'',13 N8º 51' 34'',34 W

Vértice D: 42º 30' 07'',89 N8º 51' 43'',54 W

Estas coordenadas foron obtidas da carta nº 9.262, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña (Cádiz) referida ó porto de Marín.

Superficie total ocupada: 46.000 m

Capacidade: 9 cuadrículas.

Destino previsto: reparqueo de moluscos.