Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 06 de outubro de 1999 Páx. 11.973

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 261/1999, do 17 de setembro, polo que se desenvolve a regulación da obra benéfico-social das caixas de aforros galegas.

I

Na Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, reitérase o dobre carácter destas institucións: por unha parte, trátase de entidades financeiras e como tales sometidas ás regras de intervención pública características deste tipo de institucións que, con carácter xeral, se establecen pola lexislación básica do Estado, desenvolvida e complementada pola normativa das comunidades autónomas; mais, por outra parte, pola súa orixe e vocación, as caixas de aforros son tamén entidades fundacionais con vontade de contribuír á promoción socioeconómica das áreas territoriais onde operan, a través da súa obra benéfico-social.

Neste decreto desenvólvese esta segunda dimensión das caixas, regulada nos artigos 35 e 48 ó 52 da referida Lei 4/1996.

II

Varios son os criterios legais básicos que se utilizan no desenvolvemento normativo da obra benéfico-social das caixas.

En primeiro lugar, tanto a lei como o seu desenvolvemento regulamentario están presididos polo propósito de acadar un equilibrio entre o respecto á liberdade de cada caixa para decidi-los destinos concretos da súa obra benéfico-social sen renunciar, ó mesmo tempo, a orientar, de acordo co labor encomendado no artigo 35 da Lei 4/1996, do 31 de maio, a coherencia global do conxunto da obra benéfico-social das caixas galegas, promovendo e estimulando o establecemento de mecanismos de colaboración para estes fins tanto entre as propias caixas como entre as caixas e outros entes ou persoas, públicos ou privados, interesados nestes quefaceres, de forma que poidan acometerse proxectos de maior envergadura ou que o seu impacto territorial e persoal se estenda máis alá da área de actuación dunha soa caixa, alcanzando a toda Galicia. Ademais da propia vontade das caixas, a colaboración entre elas para abordar proxectos prioritarios de envergadura aparece favorecida pola posibilidade da achega

complementaria de fondos públicos.

Un segundo criterio consiste en tomar como referencia para o cálculo das dotacións á obra benéfico-social o beneficio consolidado, se é o caso, do grupo empresarial que nuclea a caixa, en paralelo á forma na que se abordou o tema, nalgunha forma complementario, da solvencia na normativa básica do Estado. En efecto, na Lei 13/1992, do 1 de xuño, de recursos propios e supervisión en base consolidada de entidades financeiras, pártese da idea de grupo de entidades financeiras para definir e cuantifica-los recursos propios mínimos, a solvencia, en definitiva,

de cada entidade. A dinámica do mercado e as estratexias empresariais conduciron á diversificación de productos e á especialización, sendo frecuente que as ampliacións da gama de productos financeiros dunha entidade se levase a cabo a través de empresas filiais que, por tal razón, constitúen puros instrumentos da entidade matriz. Por conseguinte, se se trata de valora-lo grao de solvencia da entidade financeira matriz, parece razoable considera-lo grupo no seu conxunto, que é o que nos dará a auténtica perspectiva buscada; os recursos propios que hai que considerar e os riscos serán, pois, os que resulten das contas consolidadas e, así mesmo, os resultados consolidados constituirán a referencia para realiza-las dotacións pertinentes.

É evidente que as mesmas razóns asisten á obra benéfico-social. A mesma magnitude que serve como referencia para calcula-las dotacións que esixe a solvencia será a utilizada para as dotacións da obra benéfico-social, dado que ambos son os destinos alternativos e complementarios dos resultados das caixas de aforros.

O desenvolvemento regulamentario da obra benéfico-social faise partindo dunha premisa fundamental que é a garantía da solvencia. A solvencia non é un criterio preeminente sobre o destino benéfico-social dos recursos, senón o seu inevitable antecedente lóxico: só unha institución plenamente solvente pode outorgar estabilidade e permanencia á obra benéfico-social. Por conseguinte, na medida en que aparecen como destinos complementarios, é importante configura-la obra benéfico-social de forma que en ningún caso poida converterse nun destino competitivo da solvencia. A secuencia de distribución de resultados que establece a normativa básica é clara e este desenvolvemento normativo non só a respecta, o cal é obrigado, senón que a reforza.

III

O decreto está dividido en cinco capítulos. No primeiro, baixo a rúbrica de Disposicións xerais, delimítase o seu obxecto e ámbito de aplicación, que se circunscribe ás caixas de aforros con domicilio social en Galicia. Esta limitación, que non pretende contradici-lo previsto na Lei 4/1996, do 31 de maio, xustifícase polas importantes diferencias que se poden atopar entre as caixas galegas e as que, actuando en Galicia teñen o seu domicilio social fóra. Óptase, por tanto, por regular de xeito separado estas, abarcando este decreto as galegas, deixando para unha posterior regulación as foráneas.

Así mesmo, defínese a obra benéfico-social propia e en colaboración e desenvólvense os mecanismos de colaboración con outras institucións como forma de producir sinerxias na obra benéfico-social das caixas.

No capítulo segundo establécense as regras para determina-la dotación destinada á obra benéfico-social, desenvólvese os criterios básicos que permiten fixa-los recursos propios computables para os efectos de determina-lo coeficiente de solvencia, así como a determinación do excedente de referencia, que constituirá a base para efectua-la dotación.

No terceiro capítulo regúlase a xestión da obra benéfico-social, definindo dous xeitos de facelo, ben directamente pola propia caixa, ou ben indirectamente a través de fundacións ou outros entes creados para o efecto, ós que se lles transfiran fondos procedentes da obra benéfico-social.

Regúlase igualmente o sistema de elaboración e aprobación do orzamento da obra benéfico-social, as súas modificacións e as preceptivas autorizacións administrativas enmarcadas dentro do previsto no capítulo IV do título III da Lei 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

O cuarto capítulo do decreto regula os destinos da obra benéfico-social, isto é, os proxectos de gasto que leven a cabo, ben directamente a propia caixa ou ben a través de fundacións ou outros entes. Así mesmo, abordando o labor de orientación outorgado á Xunta de Galicia, ábrese a posibilidade de asinar convenios que definan as porcentaxes mínimas de aplicación da obra benéfico-social ás áreas de actuación derivadas do establecido no artigo 49.1º da Lei 4/1996, do 31 de maio. De non ser posible a sinatura destes convenios, a Consellería de Economía e Facenda, oída a Federación Galega de Caixas de Aforros, ó abeiro do labor orientador encomendado no artigo 35 da devandita lei, e con respecto á liberdade da caixa na elección concreta do gasto, procedería a determinar estes límites.

Finalmente, no capítulo quinto desenvólvense os mecanismos de control da obra benéfico-social, tanto os que teñen a súa orixe nos órganos da propia caixa como os de carácter público. En canto á caixa, o consello é o responsable último da obra benéfico-social fronte á asemblea. No que se refire ós controis públicos, a intervención céntrase en intentar conxurar calquera risco que os proxectos de gasto da obra benéfico-social puideran introducir na solvencia da entidade, en comprobar que os destinos deles sexan coherentes coa situación socioeconómica de Galicia, dentro dos labores de orientación que ten encomendadas a Xunta de Galicia, e que foran efectivamente aplicados ás finalidades previstas no orzamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto a regulación da obra benéfico-social das caixas de aforros con domicilio social en Galicia, en desenvolvemento das previsións do capítulo IV do título III da Lei 4/1996, do 31 de maio.

Artigo 2º.-Tipos de obra benéfico-social.

As obras benéfico-sociais poderán ser propias ou en colaboración. Terán a consideración de propias

cando o financiamento total e a administración sexan por conta da caixa de aforros exclusivamente, e o sostemento sexa achegado principalmente por ela; serano en colaboración, cando non se cumpra algunha das anteriores condicións.

Artigo 3º.-Obra benéfico-social en colaboración.

1. As caixas de aforros de Galicia poderán colaborar entre si ou con outras institucións ou persoas privadas ou públicas para a creación, mantemento ou administración de obras benéfico-sociais financiadas con cargo ás súas respectivas dotacións.

O instrumento xurídico no que se formalice a dita colaboración será utilizable exclusivamente para o dito propósito, someténdose expresamente á normativa de control e fiscalización aplicable á obra benéfico-social.

2. A Xunta de Galicia favorecerá a creación de mecanismos permanentes de colaboración entre as caixas para o desenvolvemento da súa obra benéfico-social así como entre estas e as entidades privadas ou públicas con análogas funcións.

Capítulo II

Regras para determina-la dotación destinada á obra benéfico-social

Artigo 4º.-Recursos propios computables.

De acordo coa súa finalidade e natureza fundacional, as caixas destinarán a totalidade dos seus excedentes que non teñan que aplicarse a reservas por mandato legal, á dotación de reservas voluntarias e á creación e mantemento de obras benéfico-sociais.

Para determina-lo coeficiente de solvencia utilizado para o cálculo das dotacións mínimas á obra benéfico-social establecidas no artigo 48.2º da Lei 4/1996, do 31 de maio, computaranse os recursos propios deducidos dos estados contables consolidados o 31 de decembro, unha vez pechado o exercicio, e antes da distribución do beneficio.

Artigo 5º.-Excedente de referencia.

O excedente que servirá de referencia para cuantifica-las dotacións á obra benéfico-social será o que resulte da contabilidade levada de acordo coas normas que sexan de aplicación.

Artigo 6º.-Beneficio consolidado.

No caso de caixas de aforros que encabecen un grupo consolidable de entidades de crédito nos termos establecidos pola lexislación básica de recursos propios, o excedente de referencia será o atribuíble á caixa que resulte dos estados contables consolidados.

Capítulo III

Xestión da obra benéfico-social

Sección primeira: formas de xestión e competencias

Artigo 7º.-Formas de xestión da obra benéfico-social.

A obra benéfico-social poderá xestionarse directamente pola propia caixa de aforros, ou ben dun xeito indirecto, ó través de fundacións ou outros entes creados para o efecto. En ámbolos casos de formas de xestión deberá ser aprobada pola asemblea xeral e someterse á autorización da Consellería de Economía

e Facenda, na forma prevista nos artigos 15º e 17º deste decreto. Así mesmo, cando a xestión se realice ó través doutros entes, a caixa deberá xustificar axeitadamente os motivos desta xestión indirecta.

Á obra benéfico-social xestionada indirectamente seranlle de aplicación os mesmos principios e criterios que á xestionada directamente.

Artigo 8º.-Creación e disolución de fundacións e outros entes.

A creación e disolución de fundacións e outros entes que xestionen de xeito indirecto todo ou parte da obra benéfico-social dunha caixa de aforros corresponde á asemblea xeral desta, así como a elaboración e aprobación dos seus estatutos e modificacións posteriores, os cales se comunicarán á Consellería de Economía e Facenda.

Os seus estatutos deberán conter expresamente o sometemento á normativa de control e fiscalización en materia de obra benéfico-social.

Artigo 9º.-Competencias do consello de administración.

O consello de administración será responsable da adecuada xestión da obra benéfico-social e, como tal, renderá anualmente contas ante a asemblea da execución e liquidación do orzamento correspondente.

O consello de administración poderá delega-las facultades de administración e xestión da obra benéfico-social na comisión delegada creada para ese fin, de acordo co artigo 43 da Lei 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforro galegas. En todo caso, deberase dispoñer dunha xestión profesionalizada dos investimentos da obra benéfico-social, conforme o disposto no artigo 52 da Lei 4/1996, do 31 de maio.

Sección segunda

O orzamento da obra benéfico-social

Artigo 10º.-Elaboración e aprobación do orzamento.

1. O consello de administración elaborará anualmente o orzamento da obra benéfico-social e someterao á aprobación da asemblea xeral. No orzamento anual da obra benéfico-social figurarán separadamente os ingresos previsibles e os gastos proxectados para o exercicio.

2. Nos termos previstos na normativa legal, correspóndelle á asemblea xeral a creación de obra benéfico-social, así como a aprobación e liquidación dos orzamentos anuais para estes fins.

Artigo 11º.-Orzamento de ingresos.

No orzamento anual de ingresos diferenciaranse con claridade os procedentes de exercicios anteriores dos correntes e, dentro destes últimos, os que teñen a súa orixe nas dotacións, os procedentes de activos ou actividades da propia obra benéfico-social e aqueles que procedan de subvencións ou contribucións de terceiros.

Artigo 12º.-Orzamento de gastos.

O orzamento anual de gastos da obra benéfico-social agrupará, en primeiro lugar, os proxectos de gasto

en curso e, a continuación, aqueloutros proxectos que se pretendan iniciar no exercicio orzamentario de que se trate.

Nos orzamentos de gasto diferenciaranse os dedicados a administración e xestión da obra benéfico-social.

O orzamento de gastos da obra benéfico-social, tanto xestionada directa como indirectamente, deberá desagregarse ó máximo posible e a idéntico nivel.

Artigo 13º.-Proxectos de gasto.

Cada proxecto de gasto incluído no orzamento deberá conte-los seguintes extremos:

Primeiro.-A identificación do proxecto atendendo á natureza e finalidade do gasto, de acordo co dito no artigo 21º desta norma.

Segundo.-A especificación de se o proxecto implica un só pagamento, varios pagamentos sucesivos en número finito e contía coñecida ou un gasto recorrente de carácter temporal indefinido.

Terceiro.-Indicadores que permitan apreciar tanto a eficiencia na utilización dos recursos como a eficacia dos seus resultados.

Artigo 14º.-Remanentes.

Parte do orzamento da obra benéfico-social poderá quedar como remanente en previsión de que os excedentes obtidos en exercicios futuros non permitan atende-la completa realización de novas actividades ou o mantemento das existentes.

O importe total do remanente non poderá superar, durante máis de dous anos seguidos, o 90% do orzamento anual, agás mediante autorización expresa e excepcional da Consellería de Economía e Facenda, atendendo a causas axeitadamente xustificadas pola caixa.

Cando do ritmo de execución do orzamento se prevexa un incremento do remanente superior ó previsto inicialmente, deberase poñer en coñecemento da Consellería de Economía e Facenda, con explicación dos motivos que provocan este feito.

Artigo 15º.-Autorizacións.

Corresponde á Consellería de Economía e Facenda autoriza-los acordos aprobados pola asemblea xeral relativos á determinación dos excedentes e á súa distribución, de conformidade coa normativa básica estatal e demais disposicións que resulten de aplicación. En concreto a Consellería de Economía e Facenda deberá autorizar:

a) A dotación a reservas.

b) As dotacións orzamentarias anuais para o sostemento das obras benéfico-sociais.

c) As asignacións para a creación de novas obras benéfico-sociais. Con este fin remitirase á citada consellería o correspondente expediente no que se xustificará o seu interese social, importe do investimento que se vai realizar e, se é o caso, gasto anual orzado para o seu mantemento.

Artigo 16º.-Denegación das autorizacións.

O outorgamento das autorizacións ás que se refire o artigo anterior poderá denegarse polas seguintes causas:

1. Incumprimento da normativa básica na dotación de reservas.

2. Incumprimento das porcentaxes establecidas no artigo 48.2º ou 48.4º da Lei 4/1996, do 31 de maio, para a dotación á obra benéfico-social.

3. Falta de concreción nos orzamentos de ingresos e gastos incumprindo as regras de elaboración deles, contidas nos artigos 10 ó 14, deste decreto.

4. Inaplicación dos límites mínimos da obra benéfico-social nas áreas de actuación que se definan ó abeiro do previsto no artigo 21º.

5. Cando os proxectos propostos no orzamento de gastos non cumpran o previsto nos artigos 49.1º e 50.2º da Lei 4/1996, do 31 de maio.

Artigo 17º.-Presentación dos orzamentos para a autorización.

Para efectos da súa autorización, as caixas de aforro deberán remitir á Consellería de Economía e Facenda, antes do 28 de febreiro de cada ano as propostas de distribución de excedentes e orzamentos para obras benéfico-sociais que, aprobados polo consello de administración, foran sometidos ou propoñan someter á aprobación da asemblea xeral. Así mesmo, deberán presentar antes desa data a liquidación do exercicio precedente.

A autorización da devandita consellería non se producirá mentres non exista aprobación da asemblea xeral. Para tal efecto deberá remitirse á Consellería de Economía e Facenda certificación do acordo da asemblea no prazo máximo de quince días desde a súa realización, procendendo a consellería a autorizar ou denegar no prazo máximo dun mes contado desde a recepción da antedita certificación, sendo de aplicación o previsto no artigo 43 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

En todo caso, a aprobación da asemblea xeral deberá producirse no primeiro semestre do ano.

Artigo 18º.-Período transitorio.

Durante o período que media entre o inicio de cada exercicio económico e a autorización administrativa do orzamento anual para a obra benéfico-social, que vai concede-la Consellería de Economía e Facenda, as caixas de aforro poderán levar a cabo gastos de mantemento de obras xa establecidas. Polo que respecta ós investimentos, só poderán executarse no devandito período aqueles de carácter plurianual que foran autorizados en exercicios anteriores ou os de carácter extraordinario que resulten inaprazables. Destes últimos deberá darse conta previamente á Consellería de Economía e Facenda. En ámbolos casos deberán incorporarase ós orzamentos do exercicio en curso, e someterse á tramitación regulamentaria conforme a normativa en vigor.

Artigo 19º.-Modificacións orzamentarias.

A asemblea xeral poderá autoriza-lo consello de administración para que na execución do orzamento poidan redistribuírse partidas con motivo de cambios nas previsións de valoración dos investimentos ou dos gastos de mantemento das obras.

Estas modificacións non poderán exceder do 20 por 100 do orzamento total.

Artigo 20º.-Liquidación.

Transcorrido o período orzamentario, o consello de administración renderá contas da súa execución, debendo aproba-la asemblea xeral a liquidación do exercicio precedente.

Na liquidación, que deberá remitirse á Consellería de Economía e Facenda, de acordo co previsto no artigo 17º, desagregaranse os diferentes gastos ocasionados por cada proxecto e analizaranse as desviacións producidas con respecto ó orzamento, indicando as súas causas.

Capítulo IV

Destinos da obra benéfico-social

Artigo 21º.-Ámbitos de actuación da obra benéfico-social.

Para optimiza-la utilización dos fondos da obra benéfico-social coa finalidade de orientalos cara ós sectores e actividades nos que se cumpra de mellor xeito a vertente social das caixas de aforro, poderanse establecer convenios entre estas entidades e a Consellería de Economía e Facenda, nos que se determinarán os límites mínimos da dotación á obra benéfico-social do exercicio que deberán aplicar nas áreas de actuación derivadas do establecido no artigo 49.1º da Lei 4/1996, do 31 de maio.

De non levarse a cabo estes convenios, a Consellería de Economía e Facenda, logo de oída a Federación Galega de Caixas de Aforro, e ó abeiro do labor orientador encomendado no artigo 35 da Lei 4/1996, do 31 de maio, respectando a liberdade da caixa na elección concreta do gasto, poderá determina-los anteriores límites.

Os proxectos incluídos nas áreas de actuación anteriores poderanse exceptuar dos trámites previstos nos artigos 49.4º e 50.2º da Lei 4/1996, do 31 de maio, e o artigo 13º.3 deste decreto.

Artigo 22º.-Destino dos gastos.

As dotacións que as caixas de aforro fagan á súa obra benéfico-social para financiar proxectos de gasto situados no territorio galego, aplicaranse ás actuacións e destinos que se deriven do previsto no artigo anterior.

As caixas de aforro galegas poderán, así mesmo, con cargo ás súas dotacións para obra benéfico-social, financiar proxectos de gasto situados fóra de Galicia:

-Por participar solidariamente en proxectos de axuda humanitaria.

-Por tratarse de áreas nas que normalmente opera a caixa.

-Por constituír núcleos nos que exista unha significativa presencia de poboación de orixe galega.

-Por ser de interese socio-económico para Galicia.

Os proxectos de gasto situados fóra de Galicia requirirán unha identificación singular e expresa nos orzamentos que a caixa remitirá á Consellería de Economía e Facenda para a súa autorización, conforme o previsto no artigo 17º deste decreto. Para a determinación destes proxectos terase en conta o previsto no parágrafo anterior e a normativa legal vixente.

Capítulo V

Control da obra benéfico-social

Sección primeira

Control polos órganos da caixa

Artigo 23º.-Información que hai que subministrar.

1. A caixa deberá elaborar toda a información pertinente respecto dos destinos das dotacións da obra benéfico-social xestionada tanto directa como indirectamente, adaptándose ás normas que puidera dicta-la Consellería de Economía e Facenda.

2. En todo caso, as contas da obra benéfico-social que sirvan de base para a rendición de contas, presentarán separado o valor dos activos destinados a:

a) Obra benéfico-social propia.

b) Obra benéfico-social en colaboración.

c) Administración da obra benéfico-social propia.

d) Obra benéfico-social xestionada indirectamente.

e) Outros fins.

Así mesmo, detallarase o montante das operacións e transaccións que a obra benéfico-social realizará coa caixa e as empresas do grupo.

Artigo 24º.-Xestión indirecta.

1. O orzamento anual e a liquidación da obra benéfico-social xestionada indirectamente, a través de fundacións ou entes creados para o efecto, presentaranse, por medio do consello de administración, á asemblea xeral da caixa, a cal decidirá sobre a dotación que procede para o sostemento daquela.

O orzamento anual da obra benéfico-social xestionada indirectamente consignará a descrición das actuacións proxectadas e a estimación do seu custo. Na liquidación do exercicio anterior acreditarase a aplicación das cantidades transferidas ás actuacións proxectadas, describindo o grao de cumprimento destas. Esta documentación remitirase tamén á Consellería de Economía e Facenda dentro dun estado consolidado da totalidade da obra benéfico-social.

2. A caixa supervisará a xestión económica das fundacións ou entes que xestionen fondos de obra benéfico-social, para verifica-la aplicación destes fondos ás actividades e fins previstos no orzamento; para estes efectos, en calquera momento poderá a caixa requirir, do padroado da fundación ou órgano que corresponda do ente, a información precisa.

Artigo 25º.-Comisión de control.

A comisión de control informará a asemblea xeral sobre o orzamento da obra benéfico-social e vixiará o seu cumprimento. Así mesmo, pronunciarase sobre os informes que debe elabora-lo consello de administración para a rendición de contas.

Anualmente enviará á Consellería de Economía e Facenda un informe no que se analizará o cumprimento do orzamento e os fins da obra benéfico-social.

Sección segunda

Control público

Artigo 26º.-Control e inspección.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Facenda, e respectando a autonomía de cada caixa, velará para que as dotacións á obra benéfico-social non comprometan a solvencia da institución e para que os proxectos de gasto que decidan as caixas cumpran a normativa aplicable en materia de obra benéfico-social; con este fin, poderá solicitar cantos datos e documentos precise, así como realiza-las inspeccións pertinentes.

Artigo 27º.-Informes complementarios.

A Consellería de Economía e Facenda poderá solicitar dos auditores externos a elaboración de informes complementarios de carácter específico sobre as materias obxecto de control.

Artigo 28º.-Garantías de solvencia.

Cando as obrigas anuais recorrentes da caixa para a atención da obra benéfico-social en curso excedan durante dous anos consecutivos do 75% da dotación anual da propia caixa á obra benéfico-social, a Consellería de Economía e Facenda poderá opoñerse á dotación de novos proxectos mentres non se restableza aquela proporción.

Disposición transitoria

Os artigos do 10 ó 19 deste decreto serán de aplicación ó primeiro orzamento de obra benéfico-social que aproben as caixas de aforro de Galicia, desde a entrada en vigor desta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións que sexan convenientes para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda