Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 06 de outubro de 1999 Páx. 11.978

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de setembro de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a concesión dunha axuda para a realización dun proxecto de investigación sobre o aproveitamento industrial das cunchas de mexillón.

O Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento PGIDT 1999-2001 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, téñense en conta outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste apartado encádrase esta convocatoria, dentro do programa de Investigación Mariña, e con ela preténdese a realización dun proxecto de investigación específico, de interese para esta consellería, por parte dun equipo de investigación integrado en institucións públicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A. Convócase unha única axuda destinada realización dun proxecto de investigación sobre aproveitamento industrial das cunchas de mexillón, que ten por obxectivo estudia-las súas posibles aplicacións nos distintos campos industriais, así como a viabilidade técnica e económica dos procesos propostos.

O proxecto desenvolverase da seguinte forma:

1. Avaliación e dimensionamento do problema que representa a cuncha de mexillón en Galicia.

2. Estudio desde o punto de vista químico, físico e microestructural das cunchas de mexillón.

3. Ensaios de procesamento nos que se investigará o comportamento do material fronte á calcinación, moendas, secado e demais operacións unitarias, así como ensaios semi-industriais que permitan predici-lo seu comportamento fronte ás operacións habituais en plantas de procesamento de materias.

4. Ensaios de uso en laboratorio e escalada dos resultados obtidos a nivel industrial, como mínimo nos sectores de agricultura como encalante, de cementos como achega de calcaria e de materiais como fase reforzante.

5. Estudio da viabilidade técnica e económica dos procesos propostos.

B. Para a concesión da axuda obxecto desta convocatoria destinaranse ata un máximo de 4 millóns de pesetas que se imputarán aplicación orzamentaria 012.04.721.A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999 e 2000, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 1999: 3.200.000 ptas.

Ano 2000: 800.000 ptas.

e en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2º

A axuda poderá ser solicitada por equipos de investigación integrados en institucións públicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes no modelo oficial que se publica como anexo a esta orde, co visto e prace do representante legal do correspondente organismo, asinadas por investigadores de centros públicos radicados na Comunidade Autónoma, presentaranse (por triplicado) no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación de Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

-Composición do equipo que levaría a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo.

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo.

No caso de que o proxecto presentado prevexa a participación de investigadores pertencentes a diferentes organismos públicos radicados na Comunidade Autónoma (proxecto coordinado), deberá designarse un investigador principal responsable da totalidade do proxecto así como un director por cada un dos diferentes subproxectos, especificándose por cada subproxecto os estudios que se van desenvolver, o importe específico de cada un deles e o compromiso do director de cada subproxecto a ser coordinado polo investigador responsable da totalidade do proxecto e co visto e prace do responsable legal de cada organismo.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días contados a partires do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Artigo 3º

A selección do beneficiario da axuda será realizada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para que resolva.

Contra a dita resolución e de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro poderán os interesados interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

-A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que formen o equipo en proxectos realizados anteriormente.

-Os medios de que dispón o equipo.

-O plan de traballo.

-A idoneidade do equipo para o proxecto que se vai desenvolver.

A comisión poderá solicitar un informe técnico sobre as solicitudes presentadas.

Artigo 4º

O pagamento da axuda realizarase a través do correspondente órganismo ou órganismos (no caso de subproxectos coordinados), logo de presentación das correspondentes certificacións expresivas da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso del. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais conforme as normas e limitacións establecidas no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decem

bro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 5º

-Prazo de execución do proxecto:

O proxecto deberá estar rematado antes do 30 de novembro do ano 2000. Considerarase rematado mediante a entrega, a través do rexistro xeral da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, dunha memoria final de resultados (5 exemplares). Non obstante, antes do día 15 de decembro do ano 1999 deberá presentarse a través do rexistro xeral da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, unha memoria na que se fará unha consideración previa sobre o problema da cuncha do mexillón como residuo. Nela farase unha exposición sobre os posibles aproveitamentos da cuncha e sobre os estudios e ensaios que se teñan comezado dentro do proxecto, así como unha revisión bibliográfica sobre o tema.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha do proxecto financiado.

Os traballos e mailos resultados obtidos do proxecto de investigación non poderán ser publicados sen a previa autorización escrita da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 7º

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 8º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º

Para os efectos establecidos no artigo 42 da Lei 4/1999, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura