Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 05 de outubro de 1999 Páx. 11.951

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 260/1999, do 17 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización do proxecto: obras de infraestructuras na rúa Vicente Risco, 2ª fase.

O Concello de Cambados (Pontevedra), en sesión que tivo lugar o día 26 de febreiro de 1999, aprobou o proxecto Obras e infraestructuras na rúa Vicente Risco, 2ª fase, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no Rexistro Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de xullo de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a apertura deste segundo tramo resulta xa dunha necesidade inaprazable, toda vez que, ó non estar aberta, as vivendas existentes no primeiro tramo se ven enormemente prexudicadas ó non poder acceder á zona de Fonte de Brúa e outras polo acceso máis próximo, como sería o da apertura deste tramo, segundo da rúa, evitando con isto ter que efectuar un rodeo complicado e prexudicial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para

a execución das obras do proxecto Obras de infraestructuras na rúa Vicente Risco, 2ª fase.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais