Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 30 de setembro de 1999 Páx. 11.768

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 258/1999, do 17 de setembro, polo que se modifica o Decreto 70/1997, do 14 de marzo, de estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A exposición de motivos da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, manifestaba unha especial preocupación pola creación de controis que, sen mingua da eficacia, poidan ofrecer unha garantía de funcionamento máis axeitado.

O tempo transcorrido desde a entrada en funcionamento do organismo así como o incremento e diversificación do número de actividades e actuacións, provocaron unha especial complexidade no seguimento da xestión económica do instituto, que fan necesario o reforzamento dos recursos que teñen por finalidade controla-la actividade económica del e coordinar todos aqueles aspectos relacionados coa execución do gasto.

En consecuencia, créase unha dirección técnica que, dependente da dirección xeral, ten como misión específica a coordinación das unidades e actuacións con efectos na actividade económica e que, así mesmo, realizará a función de supervisión da xestión económica do organismo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e a de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 2º do Decreto 70/1997, do 14 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que queda redactado como segue:

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións, o IGVS terá a seguinte estructura orgánica:

I. O Consello do instituto.

II. O presidente.

III. A dirección xeral.

IV. A secretaría xeral.

V. As direccións técnicas:

-A Dirección Técnica de Administración e Fomento.-A Dirección Técnica de Construccións.-A Dirección Técnica de Solo.-A Dirección Técnica de Supervisión e Asesoramento.

VI. As delegacións provinciais.

VII. Os órganos colexiados.

Artigo 2º

Modifícase o artigo 5.2º d), que queda redactado como segue:

d) Dirixir e planifica-la actividade do IGVS, controlar e coordina-la súa xestión.

Artigo 3º

Modifícase o artigo 7.2º f) que queda redactado como segue:

f) A coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento, o seguimento da execución do orzamento aprobado e a xestión da Tesourería do instituto.

Artigo 4º

Suprímese a letra d) do artigo 8.2º.

Artigo 5º

Suprímese o artigo 8.7º.

Artigo 6º

Modifícase o artigo 9.2º, que queda redactado como segue:

As direccións técnicas do instituto son as unidades orgánicas encargadas de supervisa-la xestión, a coordinación, así como o estudio, tramitación e proposta de resolución dos asuntos de competencia do instituto que se lles atribúen.

Artigo 7º

Modifícase o artigo 15.1º c), que queda redactado como segue:

Elaborar e manter actualizado o inventario de solo do instituto, do que se dará traslado á Dirección Técnica de Construccións para a elaboración de proxectos e á Dirección Técnica de Supervisión e Asesoramento para a súa integración no inventario do instituto.

Artigo 8º

Modifícase o artigo 16, que terá a seguinte redacción:

Á Dirección Técnica de Supervisión e Asesoramento correspóndelle, sen prexuízo das competencias que en materia de control sexan exercidas pola Consellería de Economía e Facenda, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as seguintes funcións:

a) A supervisión e asesoramento da actividade económica do IGVS.

b) A subministración á dirección xeral da información da actividade económica do instituto.

c) A colaboración coa dirección xeral e a secretaría xeral na planificación e programación da actividade económica, así como no proceso de elaboración de orzamento do instituto. Así mesmo, a colaboración coa secretaría xeral no seguimento da execución do

orzamento, a distribución dos proxectos e o seu financiamento.

d) Coordina-los traballos de inventario do IGVS, os procedementos de actualización, así como a coordinación das unidades que teñan implicación no seu mantemento, todo iso sen prexuízo das funcións que corresponden á secretaría xeral e ó Servicio de Contabilidade no relativo á certificación dos bens que forman parte de aquel, e maila anotación na contabilidade do instituto. Así mesmo, remitirá, á solicitude da Consellería de Economía e Facenda, os datos precisos para a actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma.

e) A análise dos procedementos de gasto do IGVS, propoñendo as modificacións precisas para que se axusten ós principios de economicidade e axilidade que permitan unha maior eficacia para a xestión.

f) O asesoramento á dirección xeral do proceso de xestión e desenvolvemento da actividade económica do instituto.

g) Coordina-las relacións cos órganos de control da Xunta de Galicia, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas.

h) A elaboración dos informes que en relación coa actividade económica lle sexan solicitados polo Consello do instituto ou pola dirección xeral.

i) A elaboración das circulares e instruccións internas en materia de xestión da actividade económica, para a súa aprobación polo director xeral do IGVS

j) O apoio ó control posterior que realizará a Intervención Delegada do IGVS.

Artigo 9º

Modifícase o artigo 17, que terá a seguinte redacción:

A Dirección Técnica de Supervisión e Asesoramento contará co seguinte servicio:

17.1. Servicio de Supervisión.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A revisión e supervisión dos procesos en que se concreta a actividade económica do organismo con carácter previo á aprobación pola dirección xeral.

b) O asesoramento ás unidades con competencia na xestión do gasto.

c) O mantemento de información continua relativa ós gastos en materia de contratación, xestión do solo, convenios e subvencións.

Artigo 10º

Os artigos 16 e seguintes numéranse correlativamente a partir do número 18.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da modificación da estructura orgánica que establece este decreto se modifique a denominación ou o contido dos órganos

ou unidades existentes con anteriores ou se supriman algúns deles, autorízase o presidente do instituto, por proposta do seu director xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou a adscribilos con carácter temporal, sempre que non existan postos de igual nivel, a outros de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, a readscrición ou adscrición supoñan un cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei de función pública e na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda