Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.
Con base no anterior anúnciase a realización dun curso sobre dirección e control para mandos, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Desenvolver cualidades propias dun mando, coñecer e aplicar de forma unificada os plans de actuación e tácticas de control e mando en emerxencias, avaliar riscos e desenvolver unha pre-planificación da intervención, tomar decisións estratéxicas e tácticas a curto e longo prazo.
Destinatarios.
O curso vai dirixido a mandos dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia con responsabilidades de control e mando.
Prazas.
O número de prazas ofertadas para cada curso será de 15.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 18 de outubro, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso e o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión no devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso terá unha duración de 35 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:
-Cualidades do líder.
-O mando en bombeiros.
-Delegación de funcións en emerxencias.
-Principais funcións de control e mando.
-Avaliación de prioridades en emerxencias.
-O relevo do mando.
-O posto de mando e protocolo de comunicacións.
-Seguridade en actuacións.
-Planificación para emerxencias.
Requisitos.
Os bombeiros que asistan ó curso deberán leva-los seus traxes con máscaras e casco.
Datas.
O curso celebrarase do 8 ó 12 de novembro.
O horario será o seguinte:
Mañá: das 10 ás 13.30 horas.
Tardes: das 15.30 ás 19 horas.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 25 de outubro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
No centro de formación de Seganosa, sito na parroquia de Alxen, s/n, en Salvaterra de Miño (Pontevedra).
Certificado de asistencia.
Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a eles.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 6 de setembro de 1999.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade