Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 27 de setembro de 1999 Páx. 11.680

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Solvida Sanxenxo, S.L., no concello de Sanxenxo (Pontevedra) e se aproba o seu proxecto de execución. (Expediente 98/235).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Solvida Sanxenxo, S.L., con enderezo para efectos de notificacións en rúa Madrid 18 baixo, 36960 Sanxenxo (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 20 de novembro de 1998, esta dirección xeral resolveu incluí-la planta de coxeración de 1 MW, no concello de Sanxenxo, no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, derrogado polo R.D. 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, actualmente vixente.

Segundo.-Con data do 26 de febreiro de 1999, a empresa Solvida Sanxenxo, S.L. solicita a autorización administrativa da citada planta de coxeración e a aprobación do seu proxecto de execución; as súas características básicas serán as seguintes:

-Un motoxerador de 1.000 kVA, 380 V.

-Un transformador de 1.600 kVA, 20 kV-380-220 V.

-Equipo de arrinque, protección, control, sincronización e acoplamento.

-Equipo de recuperación de calor e almacenamento de combustible de 40.000 l.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación a este expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra dictou Resolución do 3 de marzo de 1999 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 19-4-1999 e no BOP de Pontevedra do 4-5-1999, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Cuarto.-O proxecto recibiu informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Solvida Sanxenxo, S.L., que se situará nas súas instalacións do termo municipal de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra.

-Aproba-lo proxecto de execución da citada planta de coxeración.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria