Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 27 de setembro de 1999 Páx. 11.666

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para cubrir 9 prazas de telefonista do grupo V, vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir nove prazas de telefonista do grupo V, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo nove prazas de telefonista do grupo V, do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), polo sistema de promoción interna e polo sistema de acceso libre.

1.2. A totalidade das prazas convocadas resérvanse na quenda inicial, á promoción interna.

1.3. As prazas que non sexan cubertas polo sistema anterior reservaranse para o acceso polo sistema libre.

1.4. Os seleccionados polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre os da quenda libre para elección de prazas.

1.5. Os/As aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de acceso.

1.6. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, do que as probas e valoracións se axustarán ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.7. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida sumando ámbalas dúas fases.

1.8. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato:

a) Ser español ou nacional de calquera estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do certificado de escolaridade.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado de servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pertencer a distinta categoría que a das prazas convocadas na presente convocatoria.

c) Ter permanecido un mínimo de 6 meses na súa categoría profesional.

d) Poderán quedar exentos/as do requisitos da titulación esixido para quenda libre, agás que na relación de postos de traballo a titulación sexa esixida preceptivamente.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá solicitalo ó rector da Universidade de Santiago de Compostela en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os/As aspirantes deberán facer constar na súa solicitude o sistema polo que se inscriben, libre ou de promoción interna, segundo corresponda.

3.2. A instancia irá acompañada de fotocopia do DNI.

3.3. Os documentos xustificativos dos méritos que hai que valorar na fase de concurso, presentaranos no prazo improrrogable de 10 días contados a partir do seguinte á publicación das cualificacións do último exercicio da fase específica, os aspirantes que o superaran da seguinte forma:

3.3.1. Certificación acreditativa dos servicios prestados, expedida pola unidade de persoal da universidade pública de Galicia onde prestaron os ditos servicios referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.3.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.3.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente xerencia ou unidade de persoal da Administración onde prestase servicios.

3.3.4. A certificación acreditativa dos extremos indicados na base 3.3.1., 3.3.2. (certificaranse os cursos que consten no expediente) e 3.3.3. expedirase de oficio para os aspirantes que presten ou prestasen os seus servicios na Universidade de Santiago de Compostela, e engadirase á solicitude do aspirante.

3.3.5. En calquera momento a Universidade poderá requirir dos/as candidatos/as os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.

3.4. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos parágrafos anteriores farase nos rexistros xerais da universidade situados no Rectorado da Universidade de Santiago (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n), na Vicexerencia de Lugo. (Avda. Bernardino Pardo Ouro s/n, Polígono de Fingoi, 27002 Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.5. Os dereitos de exame serán de 2.000 pesetas, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5.1. Únicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-los datos bancarios que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Os aspirantes con minusvalidez deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que a adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas da exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

Para repara-los defectos que motivaran a exclusión ou omisión das devanditas relacións, os aspirantes disporán dun prazo de dez días contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparasen a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

A resolución que aproba a lista definitiva, publicada no rectorado, esgota a vía administrativa, podendo interpor contra ela recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do rector no prazo dun mes de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría quinta das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificada pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as Administracións Públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE do 26 de marzo), e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos devanditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestaren a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores deberá comunicárselle ó rector da universidade. O nomeamento dos asesores farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación igual que ós membros do tribunal.

5.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.6 as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.8. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes que o das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaron, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «G», de conformidade co establecido na Resolución do 23 de

febreiro de 1999 da Dirección Xeral da Función Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, e serán excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados, e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizara o primeiro deles, así como no rectorado da universidade, ou por calquera outro medio que se coide conveniente para asegura-la súa máxima divulgación, cunha antelación de polo menos vintecatro horas á sinalada para a súa iniciación.

6.6 En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final do concurso-oposición estará determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición maila obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. En caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación na fase de coñecementos específicos. O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, e que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal

ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

b) Fotocopia compulsada do título esixido.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades.

Os nacionais doutros estados membros da Unión Europea deberán acreditar igualmente non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servicio.

e) Os aspirantes con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, se é o caso, da Administración correspondente.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública de Galicia, estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición, de non tela presentado con anterioridade.

8.3. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.4. Quen dentro do prazo fixado, e salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da respon

sabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Disposición derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1º a) da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada pola Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o dictou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1999.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: telefonista. Grupo V

Procedemento de selección.

1. O procedemento de selección será o de concurso-oposición e constará das seguintes fases:

1.1. Primeira fase, de carácter eliminatorio (para sistemas de promoción interna e acceso libre) constará de dous exercicios:

-Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal, baseado no contido da primeira parte do programa que se relaciona no anexo II.

O tempo máximo deste exercicio será dunha hora e trinta minutos.

A puntuación desta primeira fase será de 0 a 30 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 15 puntos.

-Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento por escrito dun suposto práctico proposto polo tribunal e correspondente á primeira parte do programa.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación desta primeira fase será de 0 a 30 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 15 puntos.

1.2. Segunda fase:

Quenda de promoción interna

Proba de galego: terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Quenda de acceso libre: terá carácter selectivo e non eliminatorio, e constará de dúas partes:

Primeira: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con 3 respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes á parte non específica do programa.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Segunda: constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

1.3. Terceira fase: concurso:

Quenda de promoción interna. Máximo 30 puntos.

a) Antigüidade: máximo 10 puntos a razón de 0,069 por mes traballado.

b) Experiencia: máximo 15 puntos. Valorarase a razón de 0,21 puntos por mes na mesma categoría en universidades públicas.

c) Cursos de formación e perfeccionamento, dispensados por centros ou organismos oficiais e que

estean directamente relacionados co contido da praza. Máximo 5 puntos, que puntuarán do seguinte xeito:

-Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso.

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

-Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 15 puntos.

Valorarase o seguinte:

a) Experiencia: máximo 11 puntos. Valorarase do seguinte xeito:

-Na mesma categoría en universidades públicas, 0,15 puntos por mes traballado.

-Na mesma categoría noutras administracións públicas 0,076 puntos por mes traballado.

-Outras categorías nas universidades públicas 0,076 puntos por mes traballado.

b) Cursos: valoraranse igual que na quenda de promoción interna ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

Denominación da praza: telefonista. Grupo V

Programa.

I. Fase: coñecementos específicos.

Tema 1. Redes de telecomunicación: tipos de liñas e servicios de telecomunicación:

-Introducción e conceptos básicos.

-Tipos de servicio de telecomunicación e clasificación das redes de telecomunicación.

-Rede telefónica convencional e RDSI.

-Telefonía móbil.

-Operadores mundiais de telefonía e datos.

Tema 2. Servicios e prestacións dunha central de telefonía privada. Tipos de centrais analóxicas e dixitais. Tipos de extensións, servicios de valor engadido para os usuarios:

-Introducción ás centrais de telefonía privada.

-Tipos de extensións e servicios posibles para o usuario dunha extensión.

-Permisos de tráfico dunha extensión.

-Rede de telefonía corporativa.

-Servicio centrex dos operadores de telefonía.

-Introducción, conceptos e necesidade da tarificación.

Tema 3. Servicio de operador de telefonía. Manipulación de chamadas. Atención ó público:

-Funcións da operadora de telefonía.

-Fontes de información relevante.

-Terminais de operadora telefónica: tipos e funcións.

-Urxencias, servicios de urxencia e procedementos.

-Saúdo e obtención do destino da chamada (persoa ou extensión).

Tema 4. Mantemento de directorios telefónicos: conceptos básicos:

-Necesidade dun directorio telefónico.

-Elementos dun directorio telefónico.

-Introducción a bases de datos.

-Altas, baixas, consultas e modificacións no directorio telefónico.

-Directorio telefónico nacional. Sistema de numeración.

Tema 5. Nocións básicas de operación e mantemento en telefonía. Avarías e intervencións típicas.

-Compoñentes.

-Detección de avarías.

Tema 6. Atención ó público na comunicación telefónica.

II Fase: coñecementos non específicos.

1. Dereitos fundamentais e liberdades públicas do título primeiro da Constitución española.

2. III convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

3. Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estatutos.

4. USC. Clases e réxime xurídico do persoal de Administración e servicios.

5. Centros e servicios da USC. Denominación.

ANEXO III

Denominación da praza: telefonista. Grupo V

Tribunal cualificador:

Tribunal titular.

-Presidente: Antonio López Díaz, vicerrector de Coordinación do Campus de Santiago da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vocais:

Representantes da universidade:

Andrés Docampo Darriba, grupo I do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

José Manuel Velo García, grupo I do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

Juan Oreiro Formoso, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Miguel A. Martínez González, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Secretaria: Amalia Díaz Sánchez, funcionaria de carreira da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente.

-Presidente: José Vázquez Portomeñe, vicexerente do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vocais:

Representantes da universidade:

Ana María Goy López, grupo I do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Evaristo Muñiz Vidal, grupo I do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

Aurelio Barreiro González, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Xesús Castro López, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Secretario: José Manuel García García, funcionario de carreira da escala Administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.