Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 23 de setembro de 1999 Páx. 11.576

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 1999 pola que se convocan unhas Xornadas de estudio sobre o sistema de arbitraxe no dereito administrativo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas de estudio sobre o sistema de arbitraxe no dereito administrativo, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

As xornadas pretenden achegarlles ós asistentes unha primeira aproximación ó réxime xurídico dun tipo de actividade administrativa sumamente novo e, ó tempo, de crecente relevancia, tanto práctica como teórica, a saber: a arbitraxe administrativa. Neste sentido, esta figura é obxecto de atención tanto desde a perspectiva da teoría xeral do dereito administrativo (é dicir, desde a óptica da teoría das formas de actuación da Administración), como desde o ángulo da parte especial daquel. Os relatorios programados abarcan, así pois, unha perspectiva tanto xeral como sectorial.

Contido.

Trataranse estes temas:

-A actividade arbitral da Administración. Tendencias e perspectivas.

-Procedementos de conciliación, mediación e arbitraxe como alternativa á vía administrativa de recurso.

-A arbitraxe administrativa no dereito da competencia.

-A arbitraxe administrativa no dereito das telecomunicacións.

-A arbitraxe administrativa en materia de consumo.

-Os límites da función arbitral da Administración.

-A arbitraxe entre a Administración e os particulares, como procedemento substitutorio do contencioso-administrativo.

Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de

Administración Pública (rúa de Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, en Santiago de Compostela) os días 13 e 14 de outubro de 1999.

Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 8 de outubro de 1999.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4-15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando, o día 11 de outubro, por teléfono, dás 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública