Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 22 de setembro de 1999 Páx. 11.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Seragua y FCC, S.A.-UTE-Redondela.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Seragua y FCC, S.A.-UTE-Redondela, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa e da parte social polo delegado de persoal, o 22-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autó

noma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de xullo de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo anos 1999-2000-2001

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación a todo o persoal da empresa Seragua,-FCC, S.A. UTE, Lei 18/1982 (UTE Seragua-Redondela), concesionaria do servicio municipal de abastecemento e saneamento de auga de Redondela.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o primeiro de xaneiro de 1999 (1-1-1999), sexa cal fose a data da súa publicación. Terá unha vixencia de tres anos, que rematará o 31 de decembro do 2001, considerándose a partir de entón prorrogado de ano en ano, se non fose denunciado con dous meses de antelación ó remate da súa vixencia inicial ou prorrogada.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia deste convenio deberá efectuarse por escrito ante a autoridade laboral e a outra parte asinante, segundo o previsto en canto a prazo no artigo anterior.

Artigo 4º.-Conceptos retributivos.

As retribucións de cada traballador estarán compostas polo salario base de convenio e os complementos que para cada actividade e categoría se determinan no articulado do convenio.

O pagamento da nómina mensual efectuarase mediante transferencia bancaria á entidade previamente designada polo interesado.

Artigo 5º.-Salario base.

O salario base de convenio é o fixado na táboa anexa I.

Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC establecido polo INE rexistrase o 31-12-1999 un incremento superior ó IPC previsto polo Goberno para o ano 1999, efectuarase unha revisión salarial no exceso sobre a indicada

cifra, tan pronto se constatase oficialmente a dita circunstancia.

Anos 2000 e 2001, a mesma cláusula de revisión.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Tódolos traballadores afectados por este convenio percibirán en concepto de antigüidade as cantidades establecidas na táboa anexa II.

A data de partida dos premios será a do primeiro de xaneiro ou a do primeiro de xullo, segundo que o ingreso na empresa se producise o primeiro ou segundo semestre do ano.

Artigo 7º.-Participación en beneficios.

O persoal acollido a este convenio percibirá por este concepto o quince por cento (15%) do importe dos salarios fixados na táboa anexa I.

A participación en beneficios percibirase mensualmente.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal comprendido neste convenio percibirá catro pagas extraordinarias de devengo trimestral, por importe cada unha delas dunha mensualidade, calculada sobre o salario base maila antiguidade, que serán efectivas o 31 de marzo, o 30 de xuño, o 30 de setembro e 22 de decembro.

O cómputo efectuarase do seguinte modo:

TrimestreMes aboamento

Xaneiro, febreiro, marzo.Marzo

Abril, maio, xuño.Xuño

Xullo, agosto, setembro.Setembro

Outubro, novembro, decembro.Decembro

O persoal de novo ingreso, ou que cese durante o primeiro semestre do ano, percibirá unicamente a parte proporcional das pagas extraordinarias de marzo e xuño, que corresponda ó tempo efectivamente traballado. Idéntico criterio se aplicará para o persoal que ingrese ou cese na empresa no segundo semestre do ano, respecto ás pagas extraordinarias de setembro e decembro.

Artigo 9º.-Plus de toxicidade.

O complemento por traballos tóxicos fíxase en 1.250 ptas./mensuais por mes efectivamente traballado.

Aplicarase, cando se efectúen cambios de contedores ou botellas de cloro ou reparen avarías nos aparellos de dosificación, ó persoal implicado nos ditos traballos, así como a todos aqueles traballadores que nun momento determinado efectúen traballos no abastecemento ou saneamento e depuración de auga con posibilidade de existencia de toxicidade.

Artigo 10º.-Complemento de transporte.

Ano 1999. Aboaráselle a cada un dos traballadores da empresa a cantidade de doce mil pesetas (12.000 ptas.) mensuais por este concepto, entendéndose, en todo caso, absorbida calquera cantidade

que puidese devengarse en concepto de complemento de distancia. O complemento de transporte aboarase por mes efectivamente traballado.

Ano 2000. Aboaráselle a cada un dos traballadores da empresa a cantidade de catorce mil pesetas (14.000 ptas.) mensuais por este concepto.

Ano 2001. Aboaráselle a cada un dos traballadores da empresa a cantidade de quince mil pesetas (15.000 ptas.) mensuais por este concepto.

Artigo 11º.-Quebranto de moeda.

A empresa non exime da obriga de repoñer posibles perdas de diñeiro a aqueles traballadores a función dos cales leve implícito o manexo do diñeiro.

Non obstante, como compensación do anterior, aboaráselle a cada un destes traballadores durante a vixencia do convenio a cantidade de cinco mil pesetas (5.000 ptas.) por mes efectivamente traballado.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Poderanse realiza-las horas extraordinarias estructurais necesarias por acumulación de tarefas, ausencias imprevistas, cambios de quendas e outras circunstancias de carácter estructural, por causa da natureza do traballo que se vaia executar.

O valor das horas extraordinarias é o fixado na táboa anexa III.

Artigo 12º bis.-Quilometraxe.

Todo traballador que utilice o vehículo da súa propiedade por conta da empresa percibirá a cantidade de trinta e dúas pesetas kilómetro (32 ptas./km). Será necesaria a aprobación do gasto por parte do responsable correspondente.

Enténdese que as melloras pactadas serán de aplicación a partir da data da sinatura do convenio colectivo.

Artigo 13º.-Persoal de garda semanal.

Dispoñibilidade e retén días non laborables:

Dispoñibilidade:

Ó principio de cada semana (luns) entrará de garda-dispoñibilidade un traballador de rede e outro de mantemento de equipos para atende-las súas tarefas respectivas, prolongándose a garda ata o luns seguinte.

Os labores de vixilancia-reparación e mantemento comezarán unha vez finalizada a xornada laboral ordinaria.

Os dous traballadores de garda-dispoñibilidade levarán durante a semana o buscapersoas correspondente fóra do horario laboral, onde recibirán tódolos avisos das situacións que se produzan, tanto na rede como nos equipos de servicio, debendo acudir coa prestancia suficiente ós citados avisos.

As gardas-dispoñibilidades, de acordo co anteriormente descrito, serán obrigatorias e rotativas entre todo o persoal afecto ó cadro.

A retribución para cada traballador neste concepto, será a seguinte: 10.500 ptas./semanais.

Retén de garda:

Os días non laborables, un traballador da rede permanecerá no servicio en retén de garda por espacio de tres horas pola mañá e unha hora pola tarde; os horarios e tarefas que se desempeñarán serán fixados pola xefatura do servicio.

Será rotativa e obrigatoria entre os traballadores da rede.

A retribución neste concepto a cada traballador será a seguinte: 6.750 ptas./día.

O traballador que permanecese no retén de garda desfrutará de descanso polo mesmo tempo traballado, na semana posterior a ela. As horas efectivamente traballadas fóra da xornada normal e dos horarios do retén de garda retribuiranse como horas extraordinarias.

Artigo 14º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para os anos 1999 e 2000 será de mil setecentas setenta (1.770) horas anuais, e de 40 horas semanais distribuídas segundo o seguinte horario:

De luns a venres, de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

Os días de Noiteboa (24 de decembro) e Fin de ano (31 de decembro), o horario será de 9 a 14 horas.

Para adapta-la xornada anual, durante os meses de maio a setembro, compensarase o exceso de horas en horario de 16 a 19 horas.

A xornada de traballo para o ano 2001 será de mil setecentas sesenta (1.760) horas cos horarios establecidos anteriormente.

Artigo 15º.-Vacacións.

Tódolos traballadores terán dereito a un período de vacacións anuais de trinta días naturais, que se desfrutarán preferentemente no período comprendido entre o primeiro de abril e o 30 de setembro.

Para o desfrute das vacacións fixarase un calendario rotativo dentro de cada servicio, en función do período de desfrute previsto, que garante que ningún traballador poida verse discriminado. Sen embargo, o calendario definitivo recollerá aquelas modificacións propostas polos traballadores, e libremente pactadas entre eles, sempre que non afecten significativamente o servicio ou sección ó cal estean asignados.

A retribución en período vacacional será: salario base máis antigüidade e participación en beneficios.

Artigo 16º.-Festas.

Terán consideración de festas todas aquelas que regulamentariamente estean determinadas, tamén o día 1 de xuño, día da patrona. Se o primeiro de xuño fose día non laborable, cambiarase polo día laborable inmediatamente anterior.

Artigo 17º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e períodos seguintes:

-15 días naturais en caso de matrimonio.

-3 días naturais en caso de falecemento de cónxuxe ou fillos.

-3 días naturais en caso de enfermidade grave de cónxuxe ou fillos.

-2 días naturais polo nacemento de fillo-a.

-2 días naturais no caso de falecemento de pais, avós, netos ou irmáns do traballador ou o seu cónxuxe.

-1 día por traslado de domicilio.

-1 día por asuntos propios, logo de aviso de 72 horas.

As licencias enténdense vinculadas ó feito causante, debéndose desfrutar ó producirse este.

Artigo 18º.-Anticipos reintegrables.

Tódolos traballadores afectados polo convenio poderán solicitar, con cargo ó fondo establecido neste artigo, anticipos reintegrables que serán concedidos pola dirección da UTE.

A forma de amortización será:

-Unha mensualidade para amortizar en doce meses.

-Dúas mensualidades para amortizar en vintecatro meses.

Establécense duascentas mil pesetas como cantidade máxima para solicitar por anticipo e solicitante.

Terán prioridade para a concesión dos anticipos reintegrables aqueles traballadores que non solicitaran nunca un, ou que de facelo, deixasen transcorrer máis tempo desde o pagamento da última amortización.

A empresa destinará á dita finalidade as cantidades seguintes:

Ano 1999: seiscentas setenta e cinco mil (675.000) pesetas.

Ano 2000: setecentas mil (700.000) pesetas.

Ano 2001: setecentas vintecinco mil (725.000) pesetas.

Consideraranse incluídas no fondo de cada ano as cantidades pendentes de reintegrar dos anticipos concedidos nos exercicios anteriores.

Artigo 19º.-Fondo social.

O importe do fondo social para axuda de estudios, cultura, deporte, turismo social, etc., será para cada un dos anos 1999, 2000 e 2001 de duascentas mil (200.000) pesetas respectivamente, con destino a tódolos traballadores.

A dirección da empresa aprobará os criterios e programas, vixiando a distribución e contía para aplicar en cada caso, por proposta do delegado de persoal.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

Subministraránselle a todo o persoal as necesarias e habituais roupas de traballo, quedando determinada a súa entrega na forma seguinte:

-Camisa de manga curta: 2 ó ano.

-Camisa de manga longa: 2 ó ano.

-Pantalón: 2 ó ano.

-Calzado de seguridade: 1 par ó ano.

-Anorak: 1 cada dous anos.

-Chaqueta curta e pantalón: 2 ó ano.

-Xersei de inverno: 2 ó ano.

-Roupa de auga (cando o posto de traballo así o requira)

-Botas de seguridade: 1 par ó ano.

-Luvas de caucho: segundo necesidades.

-Botas de auga: 1 par ó ano.

-Funda de traballo: 2 ó ano.

A utilización da roupa de traballo será obrigatoria durante a xornada laboral.

As datas de entrega serán aproximadamente a primeiro de outubro para a roupa de inverno e o primeiro de xuño para a roupa de verán.

Artigo 21º.-Seguro de accidentes.

A empresa comprométese a subscribir unha póliza de accidentes de traballo que lle garanta a cada traballador as seguintes indemnizacións:

a) No caso de falecemento por accidente de traballo ou enfermidade profesional : 1.500.000 ptas.

b) En caso de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, derivadas de accidente laboral ou enfermidade profesional: 2.000.000 ptas.

Artigo 22º.-Situación de incapacidade temporal.

A empresa aboaralles a tódolos traballadores durante a situación de IT derivada de accidente de traballo e desde o primeiro día, a diferencia entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do salario base, antigüidade, participación en beneficios e parte proporcional das pagas extras.

De igual forma, complementarase ata o 100% do salario base máis antigüidade, participación en beneficios e parte proporcional das pagas extras, nos casos de hospitalización e mentres dure esta. A dita situación deberase acreditar fidedignamente para xera-lo dereito a este complemento.

Artigo 23º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto de que a un traballador, con ou sen a categoría de conductor, realizando o seu cometido cun vehículo da empresa e cumprindo a función que

lle foi asignada, se lle retirase provisionalmente o permiso de conducir, a empresa acomodarao a outro posto de traballo adecuado ás súas facultades e respectarase a retribución da súa categoría profesional, por un máximo de 2 anos. Ó remate da suspensión será reintegrado ó seu posto de traballo.

Estes beneficios non terán lugar cando a causa da retirada do permiso de conducir se deba a imprudencia temeraria, embriaguez ou drogadicción, ou cando exista reincidencia.

Artigo 24º.-Seguridade e hixiene.

Será de aplicación a lexislación vixente sobre seguridade e saúde laboral, e ámbalas partes velarán polo seu estricto cumprimento.

Artigo 25º.-Cota sindical.

A empresa, logo de solicitude do interesado, efectuará as retencións pertinentes pola cota sindical.

Artigo 26º.-Comisión mixta interpretativa do convenio.

Cantas dúbidas xurdan en relación coa interpretación do convenio serán sometidas á comisión paritaria, que estará constituída por un representante designado polos traballadores e un representante designado pola dirección da empresa, que formarán parte da comisión negociadora do convenio.

Tódolos conflictos, tanto individuais como colectivos que puidesen xurdir durante a vixencia do presente convenio, deberán someterse, como trámite previo e perceptivo, ó dictame desta comisión.

Artigo 27º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non recollido no presente convenio, rexerase polo disposto no laudo arbitral dictado por Jaime Montalvo Correa, que establece as condicións de traballo para as industrias de captación, elevación, conducción, tratamento, depuración e distribución de auga, do 30 de xuño de 1998, Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes aplicables.

Cláusula adicional

Ós traballadores que demostraran as súas capacidades profesionais, idoneidade para o posto de traballo e dedicación mediante un contrato temporal previo, unha vez finalizado este, formalizaráselles un contrato de obra ou servicio determinado polo período de tempo que dure a concesión do servicio.

Definición de categorías:

Persoal técnico e administrativo

Xefes de servicio.

Son os que, posuíndo a capacidade e coñecementos adecuados, teñen delegada baixo o seu mando e responsabilidade a dirección ou inspección (ou ámbalas funcións) da explotación.

Oficiais de segunda administrativos.

Son os empregados que, con perfecto coñecemento do traballo de categoría inferior e ás ordes dun xefe

ou oficial, desenvolven traballos de mediana responsabilidade, tales como confección de nóminas, control e liquidación de efectos ó cobro, operacións de contabilidade, transcrición a libros ou outros medios, organización de arquivos ou ficheiros e demais traballos auxiliares.

Auxiliares administrativos.

Son os que axudan ós seus superiores en traballos de tipo administrativo en calquera das súas facetas, posuíndo coñecementos elementais de carácter burocrático, tales como mecanográficos en xeral, manexo de máquinas de calcular, cálculo numérico, manipulación de efectos e documentos, xustificantes, custos e preparación de recibos e cargos, etc.

Lectores.

Son os que anotan o consumo sinalado polos contadores dos aboados nos rexistros da empresa ou entidade e libretas ou outros medios que constan en poder daqueles, realizando o conxunto de operacións de restas, renovación de libretas de aboados e similares, que consonte as normas e costumes propios da organización de cada empresa, son necesarias e oportunas para proceder á ulterior facturación de subministracións, debendo dar conta ós seus superiores das anomalías que observen con motivo das lecturas de contadores.

Cando non realicen o seu traballo normal de lectura poderáselles encomendar na oficina traballos de repaso, comprobación e similares do conxunto de operacións que constitúen o seu labor habitual, e poderán efectuar entrega de correspondencia ou notificacións relacionadas coas subministracións.

Persoal operario

Oficiais de primeira.

Son os que, posuíndo un oficio determinado, o practican e aplican con tal grao de perfección que non só lles permiten levar a cabo os traballos xerais do seu oficio, senón aqueloutros que supoñen especial empeño e delicadeza dentro del, con coñecemento completo dos traballos de taller, das instalacións de producción ou da rede de distribución, coidan do seu cumprimento e dirixen persoalmente os traballos do persoal obreiro, con perfecto coñecemento das súas tarefas que eles efectúan, sendo responsables da súa disciplina, seguridade e rendemento, así como da perfecta execución do traballo.

Oficiais de segunda.

Integran esta categoría aqueles operarios que, sen chegaren á especialidade esixida para o traballo máis perfecto, executan coa suficiente corrección e eficacia tarefas de carácter xeral ou específicas nos talleres, nas instalacións de producción ou na rede de distribución.

Este persoal poderá estar actuando ás órdes de persoal de superior categoría, ó ter ó seu cargo persoal de categoría inferior cando o cometido asignado non sexa de maior responsabilidade.

Oficiais de terceira.

Considéranse como tales os que, coa formación profesional elemental das funcións que integran un oficio, executan os traballos de acordo coa referida formación, baixo a dirección ou encargo dun superior.

Peóns especialistas.

Son os empregados que, con determinados coñecementos dunha especialidade, a executan e axudan ós oficiais.

Peóns.

Son os obreiros que para o desempeño das súas funcións só achegan o seu esforzo físico e non precisan práctica previa nin coñecementos de ningunha especialidade.

TÁBOA ANEXA I

RETRIBUCIÓNS

Ano 1999 Ano 2000 Ano 2001

Persoal técnico

e administrativo

Xefe de servicio155.483 ptas.160.147 ptas.164.952 ptas.

Oficial 2ª Admtvo.129.700 ptas.133.591 ptas.137.599 ptas.

Auxiliar Admtvo. 88.190 ptas. 90.836 ptas. 93.561 ptas.

Lector 88.190 ptas. 90.836 ptas. 93.561 ptas.

Persoal operario

Oficial 1ª operario131.481 ptas.135.425 ptas.139.488 ptas.

Oficial 2ª operario128.410 ptas.132.262 ptas.136.230 ptas.

Oficial 3ª operario101.334 ptas.104.374 ptas.107.505 ptas.

Peón especialista 87.810 ptas. 90.444 ptas. 93.158 ptas.

Peón 87.190 ptas. 89.806 ptas. 92.500 ptas.

TÁBOA ANEXA II

ANTIGÜIDADE

Categorías: todas.

1 bienio: 1.700 ptas./mes.

2 bienios: 3.400 ptas./mes.

2 B. e 1 Q.: 7.600 ptas./mes.

2 B. e 2 Q.: 12.000 ptas./mes.

2 B. e 3 Q.: 16.000 ptas./mes.

2 B. e 4 Q.: 20.000 ptas./mes.

TÁBOA ANEXA III

VALOR HORA EXTRA DIÚRNA, NOCTURNA E FESTIVA

ANOS 1999-2000-2001

Persoal técnico e administrativo

Oficial 2ª administrativo: 1.800 ptas.

Auxiliar administrativo: 1.500 ptas.

Lector: 1.500 ptas.

Persoal operario

Oficial 1ª operario: 1.900 ptas.

Oficial 2ª operario: 1.800 ptas.

Oficial 3ª operario: 1.600 ptas.

Peón especialista: 1.500 ptas.

Peón: 1.500 ptas.

Acta final

Reunida no domicilio do centro de traballo da empresa, na rúa Poeta Mendiño, s/n de Redondela, a comisión negociadora do convenio colectivo, composta polas persoas que a continuación se relacionan, acorda aproba-lo texto do convenio colectivo que se xunta, e en proba de conformidade, asinan a presente acta o vintedous de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Pola parte económica:

José Luis García Ibáñez

Andrés F. Mariño Vilar

Antonio Carballido Parga

David Soneira Fernández

Pola parte social:

Alfredo Abreu Alonso

Asesor:

Xesús Costa Argibay