Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 17 de setembro de 1999 Páx. 11.368

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 26 de agosto de 1999 pola que se convoca a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

De conformidade co establecido no artigo 21.2º da Lei 4/1998, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 15.4º da mesma lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.

Segundo.-Poderán concorrer a el os funcionarios de carreira que reúnan as condicións sinaladas no anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (edificio administrativo de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), nas súas delegacións provinciais ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán unirlle á petición un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que aleguen.

Quinto.-Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. No caso de que resulte seleccionado para ocupa-lo posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde un funcionario con destino na Adminsitración xeral do Estado, nos seus organismos autónomos, na Administracion da Seguridade Social, ou que estea nesta Comunidade Autónoma como consecuencia dunha comisión de servicios concedida conforme o disposto na disposición transitoria oitava, punto 4º, da Lei 30/1984, do 2 de agosto, requirirase informe favorable da Administración de orixe que, de non emitirse no prazo de 15 días e tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, se considerará favorable. Unha vez

tramitado o seu traslado a esta Comunidade Autónoma, procederase á adxudicación do posto para o que foi seleccionado.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no DOG, e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días, se o destino anterior está na mesma localidade cá do novo destino, e dun mes, se está en localidade distinta ou comporta o reingreso ó servicio activo.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ó da publicación no DOG, ou desde a data na que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG.

Oitavo.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, conforme os artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a.

Código: FA.A01.00.000.15770.005.

Nivel: 30.

C. Espec.: 2.316.936.

Grupo: A.

Corpo/escala: xeral.

Formación específica: diploma de directivo.

Dependencia: Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Localidade: Santiago de Compostela.

ANEXO II

NOTA: úsese o publicado na páxina 11.367.