Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 17 de setembro de 1999 Páx. 11.361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-8-1999,

subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o 15-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de agosto de 1999.

Luis Boullosa Nores

Delegado provincial de Pontevedra en funcións

Convenio colectivo 1999 para Hispanomoción, S.A.

(Mosa-Vigo)

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

O presente convenio colectivo formalízase conforme o Estatuto dos traballadores, co fin de fomenta-lo espírito de xustiza social, mellorando o nivel de vida dos traballadores e incrementando a súa productividade.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará a tódolos centros de traballo da empresa situados en Vigo.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do presente convenio é o da empresa Mosa-Vigo, nos seus centros de traballo mencionados e nos que durante a súa vixencia se poidan abrir na provincia.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O presente convenio sindical afectará a todo o persoal da empresa Mosa-Vigo e dos centros comerciais dependentes dela que estea no cadro de persoal no momento da súa sinatura e o que se contrate durante a súa vixencia. Non obstante, quedarán expresamente excluídos o director e subdirector de Mosa-Vigo, cos cales a xerencia negociará cada ano as condicións económicas que lles correspondan.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

A vixencia do presente convenio é para o período abranguido entre o 1 de xaneiro de 1999 e o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 6º.-Denuncia do convenio.

Calquera das partes podará denuncia-lo convenio, con tres meses de antelación, como máximo, á súa data de caducidade, en escrito do que notificará a recepción a parte receptora.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Queda constituída unha comisión paritaria de catro membros: dous representantes dos traballadores e dous da empresa, para interpreta-lo convenio e como órgano de arbitraxe, conciliación e vixilancia do cumprimento.

Artigo 8º.-Unidade de convenio.

O presente convenio aplicarase con exclusividade a calquera outro e constitúe un todo orgánico, único e indivisible, quedando as partes vinculadas ó cumprimento da súa totalidade, agás que as partes acordasen modificacións parciais del.

Artigo 9º.-Condicións máis beneficiosas; garantía persoal.

O persoal que, con anterioridade ó presente convenio, viñese desfrutando de condicións máis vantaxosas cás que aquí se establecen, globalmente, deberá conservalas.

Artigo 10º.-Compensación.

As condicións económicas e sociais pactadas no presente convenio, no seu cómputo global e anual, son compensables coas que anteriormente rexesen por imperativo legal, por mellora da empresa ou pacto de calquera clase.

Artigo 11º.-Non absorción de melloras.

Tódalas melloras que, por disposición legal, se establezan, non serán absorbidas polo presente convenio, no que excedan o nivel deste, considerado anual e globalmente. Si o serán na medida que non superen o dito nivel.

Artigo 12º.-Prelación de normas.

As normas contidas no presente convenio regularán as relacións entre a empresa e o seu persoal, con carácter supletorio; no non previsto neste convenio, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas laborais vixentes.

Artigo 13º.-Organización do traballo.

En todo o relativo á organización do traballo na empresa, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións laborais vixentes sobre a materia.

Artigo 14º.-Xornada de traballo e horario.

Agás nos meses de xuño, xullo e agosto, o persoal de administración, talleres e recambios traballará

a xornada partida común que se establece no cadro horario anexo I.

O calendario laboral será de 1.810 horas de traballo efectivo ó ano ou 40 horas semanais.

Decláranse festivos aboables e non recuperables os días 24 e 31 de decembro.

Artigo15º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta (30) días naturais para todo o persoal que leve un ano ou máis de permanencia na empresa.

A data de desfrute das vacacións será preferentemente na tempada estival; en caso de desacordo observarase o previsto na lei.

As vacacións desfrutaranse ininterrompidamente, agás pacto en contrario.

Artigo 16º.-Prestacións económicas en caso de enfermidade ou accidente.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente, debidamente xustificada, a empresa completará as prestacións económicas ata o importe íntegro do soldo empresa (saldo convenio, mellora empresa, antigüidade e primas fixas). Exclúense os incentivos por quedaren regulados por acordo á parte entre empresa e traballadores.

Non obstante, sempre que as causas da non asistencia ó traballo sexan por enfermidade de duración superior a un mes, aboaráselle á persoa afectada un 40% dos incentivos percibidos no mes anterior. Así mesmo, no caso de accidente laboral, aboaráselle ó persoal de talleres, recambios e administración o 75% dos incentivos do mes anterior.

Artigo 17º.-Productividade.

O persoal afectado polo presente convenio porá o máximo interese e boa vontade na prestación do seu traballo para que a súa productividade permita compensa-las retribucións económicas e prestacións sociais pactadas no presente convenio.

Artigo 18º.-Salarios.

Os salarios vixentes serán os recollidos nas táboas que se xuntan ó anexo II para cada categoría, que é o resultado de incrementar un 3% os salarios base e mellora voluntaria reflectidos no convenio anterior. Os ditos salarios entrarán en vigor desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 19º.-Antigüidade.

Os premios por antigüidade consistirán en cuadrienios, ó 5% sobre o soldo convenio.

Para o cómputo do premio de antigüidade consideraranse a data iniciala de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría en que se realizase e conservarase en caso de ascenso.

Os cuadrienios por antigüidade iranse computando durante a vida do productor, e consideraranse tempo hábil para estes efectos a aprendizaxe e o aspirantado, percibíndo o mesmo aprendices, aspirantes, auxiliares de caixa, persoal de limpeza, etc., sempre que reúnan catro anos ó servicio da empresa.

O persoal que se incorpore a partir do 1-1-2000 non xerará antigüidade para efectos de percepción económica e, en compensación, percibirá a cantidade de 1.500 ptas. mensuais ó cumprir cada catro ans ó servicio da empresa.

Artigo 20.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a percibir catro pagas extraordinarias, dunha mensualidade cada unha delas, a salario real, en cada un dos meses seguintes: marzo, xullo, outubro e decembro Nadal. As pagas de marzo e outubro deben ser aboadas non despois do día 15 dos ditos meses e a extraordinaria de Nadal non despois do día 20 do mes de decembro.

Artigo 21º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse polo disposto na lexislación laboral vixente, coas modificacións que a seguir se expoñen:

-En caso de matrimonio do traballador, 15 días naturais.

-En caso de parto da esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos, 5 días naturais.

-En caso de traslado de domicilio habitual, 2 días naturais.

-En caso de falecemento de pais, netos, avós ou irmáns, 3 días naturais.

Para os permisos non especificados no parágrafo anterior, os traballadores terán dereito a permisos retribuídos conforme o estipulado nos artigos 22 e 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Excedencias.

En materia de excedencias observarase o preceptuado no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Prestacións sociais.

A) Dote matrimonial:

As mulleres traballadoras que se rexan polo presente convenio, e que no sucesivo, cesasen voluntariamente de presta-los seus servicios, con motivo de contraer matrimonio, terán dereito a un dote de tantas mensualidades de saldo convenio, máis antigüidade, se é o caso, como de anos de servicio prestasen á empresa, sen que poidan exceder de oito mensualidades. No caso de fracción anual computarase o exceso proporcionalmente. A empresa poderá esixi-la exhibición do certificado de matrimonio previamente ó aboamento deste concepto.

B) Premios de natalidade e nupcialidade:

Ó persoal da empresa concederánselle-los seguintes premios nos casos que se citan a seguir:

a) Por contraer matrimonio: dez mil pesetas (10.000 ptas.).

b) Polo nacemento de cada fillo: doce mil pesetas (12.000 ptas.).

A empresa poderá esixir certificación acreditativa polo feito que orixine as percepcións mencionadas.

C) Axuda por defunción:

No caso de falecemento do traballador, a empresa aboará á persoa que aquel designase como beneficiario, mediante escrito á dirección daquela, unha mensualidade por cada ano de servicio na empresa, cun máximo de seis mensualidades.

En defecto de designación expresa, o citado dereito atribuirase ó cónxuxe supervivente ou persoa que con el conviva ou ós que sexan declarados herdeiros legais do causante.

D) Fondo de estudios:

A empresa, logo da relación presentada polo comité de empresa, ou outra comisión asignada para o efecto, aboará 8.000 ptas. (oito mil pesetas) en concepto de axuda escolar por cada fillo dos traballadores abranguidos en idade escolar entre os 4 e os 16 anos. Esta cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador ou dos seus fillos abranguidos na idade citada. A empresa aboará a dita cantidade no mes de outubro, con criterio fundamentalmente social.

E) Seguro de vida:

A empresa seguirá mantendo en vigor o seguro de vida, para casos de morte ou invalidez, que concertou coa compañia aseguradora La Sud América en beneficio do seu persoal.

O seguro de vida manterase ata que o traballador alcance a idade de 65 anos ou ata que cause baixa por incapacidade permanente total.

F) Axuda para subnormalidade:

A aqueles productores que teñan descendentes subnormais, de calquera cualificación, que deles dependan, aboaránselles seis mil pesetas (6.000 ptas.) mensuais, por cada un, logo de xustificación do INSS.

G) Fondo de anticipos:

Mantense o fondo de anticipos reintegrables ata a suma dun millón cincocentas mil pesetas (1.500.000 ptas.) destinado a atender necesidades económicas urxentes e graves do persoal do cadro de Mosa-Vigo.

O dito fondo de anticipos poderá solicitarse, como máximo, por unha contía equivalente a catro mensualidades de salario do solicitante. O reintegro verificarase por deduccións periódicas en nómina e por un tempo máximo dun ano, fraccionado mes a mes.

Non poderá solicitar un novo préstamo o traballador que teña pendente de amortizar outro anterior, ata a súa total cancelación. O comité de empresa de Mosa-Vigo é o encargado de conceder, denegar ou diminuí-los préstamos solicitados, á vista das peticións habidas e da importancia e urxencia delas, comprobando previamente a existencia de anticipos anteriores e fondos existentes. A solicitude de préstamos á caixa de anticipos realizarase mediante carta dirixida á dirección, coa aprobación do comité de empresa e xunto cos documentos que acrediten a urxencia e necesidade deles.

H) Gastos de locomoción:

Establécese en dez mil cincocentas catorce (10.514 ptas.) a axuda para locomoción, que se percibirá durante os meses do ano, agás o correspondente a vacacións. No caso de enfermidade xustificada polo INSS non se perde o dereito a esta axuda por locomoción.

I) Traballos tóxicos, penosos ou perigosos:

O persoal das seccións de camións, chapa, pintura e turismos, que efectúe traballos tóxicos, penosos e/ou perigosos incrementaráselle-lo seu salario base nun 20%. Se concorresen dous traballos da mesma natureza expresada, o incremento do salario sería do 25% e do 30% se fosen tres ou máis.

J) Roupa de traballo:

O persoal productivo de talleres e recambios, o mesmo que vén recibindo na actualidade, terá dereito a que a empresa o provexa de tres pezas de roupa e de dúas toallas ó ano. No caso de que por razóns excepcionais unha peza de roupa de traballo sexa inservible, seralle reposta pola empresa; cada caso sera estudiado individualmente polo comité de seguridade e a dirección. As pezas de roupa novas anuais serán entregadas nos meses de xaneiro, maio e setembro.

K) Seguridade e hixiene:

A empresa velará polo cumprimento das normas de segucidade e hixiene reguladas pola correspondente ordenanza laboral. Para tal efecto constituirase un comité integrado por tres traballadores e presidido polo director ou persoa a quen el designe, por un asesor nomeado pola empresa.

L) Recoñecemento médico:

Os traballadores terán dereito a un recoñecemento médico ó ano, nos centros sanitarios que a empresa determina e, con preferencia, no ISH de Rande.

M) Traballadores diminuídos:

Os traballadores afectados de capacidade diminuída, logo de certificación médica, poderán ser aplicados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándose o salario que tivesen acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que por convenio, pactos, etc., experimentase no sucesivo, a categoría que tivese no momento de pro

ducirse o feito determinante da diminución da súa capacidade.

A asignación destes postos farase de común acordo entre a dirección e o comité de empresa. A incapacidade certificada polos servicios médicos da Seguridade Social, debe conformala o médico de empresa.

N) Nas vacacións, ó persoal productivo de taller, aboaráselle a media dos tres últimos meses dos incentivos.

Artigo 24º.-Xubilación.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador 65 anos de idade, coas dúas únicas seguintes excepcións:

a) Se ó cumpri-los 65 anos non lle correspondese na Seguridade Social o 100 por 100 de porcentaxe, poderá continuar traballando polo tempo necesario, para completa-lo dereito á seguinte porcentaxe maior á que lle correspondería ó cumpri-los 65 anos. En ningún caso o dito período poderá ser superior a un ano.

b) No caso de que lle faltase tempo de carencia para adquirir dereito á prestación de xubilación na Seguridade Social, poderá continuar na empresa ata completalo.

No momento da baixa na empresa por xubilación aboaráselle a cantidade de 1.339.000 pesetas ou 1.030.000 de pesetas se a baixa se produce por recoñecemento oficial de incapacidade permanente total.

Artigo 25º.-Sala de reunións.

A empresa facilitará unha sala destinada ás reunións do comité de empresa, conforme a lexislación vixente.

Artigo 26º.-Aprendices maiores de 18 anos.

Contratos de aprendizaxe:

1º ano: 70%.

2º ano: 80%.

3º ano: 90%.

Esta porcentaxe será aplicada sobre o salario convenio da categoría laboral do posto que desempeñe o traballador en prácticas.

Artigo 27º.-Dereitos sindicais.

Os dereitos sindicais serán os que dispoñan as leis vixentes en cada momento.

Artigo 28º.-Disposición derradeira. Cumprimento do convenio.

Se algunha das partes incumpre o acordado no presente convenio, a outra parte ten dereito a denunciaoó, total ou parcialmente, perante a autoridade competente, agás que haxa pacto en contrario por modificacións parciais.

Artigo 29º.-Partes asinantes.

Asinan o presente convenio, pola parte social, os membros do comité de empresa: Enrique Román Romero, Arturo Estébanez García e Ramiro Pérez de los Ángeles, e pola parte empresarial: Enrique Martín Villanueva, Manuel Fafián Alonso (director-xerente) e Jesús Prieto Bueno (apoderado).

ANEXO I

Convenio colectivo ano 1999

Cadro horario

A) Departamento comercial.

a) De luns a venres:

De mañá: de 9 a 13 horas e 16 minutos.

De tarde: de 16 a 19 horas e 20 minutos.

b) O sábado:

Só de mañá: de 9 a 13 horas, vacando un sábado de cada dous.

B) Departamento de administración: talleres e recambios.

a) De luns a venres (excepto o verán):

De mañá: de 8 a 13 horas.

De tarde: de 15.30 a 18.30 horas.

b) Verán (meses de xuño, xullo e agosto):

Xornada continuada de 7 a 15 horas e igualmente de luns a venres.

c) Quenda para a mañá dos sábados.

Establécese unha quenda dun administrativo e un dependente de recambios para a mañá dos sábados, que será cuberto polo persoal afectado, mediante compensación en tempo ou en metálico.

d) Quenda para as tardes de verán.

Para atende-las necesidades dos servicios de administración e recambios establécese unha quenda dun administrativo e un dependente que farán a xornada partida.

ANEXO II

Táboa de salarios 1999

Grupo I

Enxeñeiros e licenciados 130.633 ptas.

Axudantes técnicos 119.096 ptas.

Grupo II

Xefe de sección 110.486 ptas.

Viaxantes 105.428 ptas.

Dependentes de 25 anos 104.186 ptas.

Dependentes de 22 a 25 anos 100.279 ptas.

Axudantes dependente 97.974 ptas.

Grupo III

Xefe administrativo 123.711 ptas.

Xefe de sección administrativo 112.530 ptas.

Contable e caixeiro 107.737 ptas.

Oficial administrativo 104.186 ptas.

Auxiliar administrativo 98.152 ptas.

Grupo IV

Profesional de oficio de 1ª 99.747 ptas.

Profesional de oficio de 2ª 98.505 ptas.

Profesional de oficio de 3ª 97.974 ptas.

Mozo e mozo especializado 97.974 ptas.

Grupo V

Vixilante sereno 97.974 ptas.

ANEXO III

Este convenio queda automaticamente denunciado no momento da súa presentación na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (Xunta de Galicia).