Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 17 de setembro de 1999 Páx. 11.361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 252/1999, do 9 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Boiro (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura das rúas número 4 (tramo I) e número 18 na zona da Cachada (Boiro).

O Concello de Boiro (A Coruña), en sesión do o día 7 de xuño de 1999, aprobou o proxecto de apertura das rúas nº 4 (tramo I) e nº 18 na zona da Cachada (Boiro) e na sesión celebrada o día 13 de maio de 1999 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada

no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de setembro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalados porque de acordo co previsto nos calendarios establecidos en primeiro lugar polo Ministerio de Educación e posteriormente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a partir do vindeiro ano académido 1999-2000 deberán estar plenamente implantados os ciclos educativos e formativos regulados na Lei orgánica xeral do sistema educativo (LOXSE).

Coa finalidade de acadar tal obxectivo, estase a construír na zona da Cachada un novo centro de ensino secundario obrigatorio. O acceso lóxico ata o devandito centro deberá pasar pola denominada rúa nº 18, vía que se pretende abrir a través deste expediente expropiatorio.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de setembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Boiro (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura das rúas nº 4 (tramo I) e nº 18 na zona da Cachada (Boiro).

Santiago de Compostela, nove de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais