Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 13 de setembro de 1999 Páx. 11.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Empresa Pereira, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a Empresa Pereira, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-7-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 15-7-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de xullo de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Empresa Pereira, S.L

Artigo 1º.-Ámbito territorial e persoal.

Este convenio colectivo de traballo é de aplicación obrigatoria á totalidade dos traballadores de Empresa Pereira, S.L con domicilio social en Vilagarcía de Arousa, r/ Santa Eulalia, 17, comprendendo tanto o de carácter fixo como o que se encontra baixo contratación temporal, que estea prestando servicios na actualidade, así como o que ingrese durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación, se ben as condicións económicas deste producirán efectos o día 1 de xaneiro de 1999. A duración do presente convenio colectivo será de tres anos, desde o 1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro do 2001. Para o ano 1999 rexerá a táboa salarial anexa. A revisión salarial correspondente ós anos 2000 e 2001 será a que se sinala no artigo cuarto.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia do presente convenio debe realizarse de forma expresa por calquera das partes asinantes do convenio. A dita renuncia deberá realizarse durante os dous últimos meses previos á súa finalización. De non existir denuncia, observarase o disposto no artio 86 do ET.

Artigo 4º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que lle corresponden ó persoal afectado polo presente convenio son os que figuran na táboa anexa, máis antigüidade, se é o caso.

Para o ano 2000 tódolos conceptos salariais experimentarán un incremento igual ó IPC real do ano 1999 máis un punto porcentual.

Para o ano 2001 tódolos conceptos salariais do convenio experimentarán un incremento igual ó IPC real do ano 2000 máis un punto porcentual.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Mantense o establecido na ordenanza laboral e no ET, así como nas disposicións legais para as empresas de transporte de viaxeiros por estrada, é dicir, dous bienios ó cinco por cento e cinco quinquenios ó dez por cento todo isto do salario base deste convenio, segundo a táboa anexa.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios e faranse efectivas antes do 31 de xullo, 22 de decembro e 31 de marzo, respectivamente.

Artigo 7º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais que se desfrutarán nun período ou dous. No caso de fraccionamento serán dun día máis.

Un dos períodos desfrutarase preferentemente nos meses de verán.

Para o seu desfrute seguirase un sistema rotativo sobre as seguintes bases:

1. A empresa establecerá grupos de traballadores, en función da súa categoría profesional, centro e traballo e necesidades desta, sinalando o número de quendas e o número de traballadores de cada grupo que poden desfrutalas en cada quenda.

2. Terá validez o sorteo básico establecido en anos anteriores.

3. Seguindo o criterio establecido no convenio anterior, os situados nos primeiros lugares da lista para o desfrute das vacacións de 1999 (xa confeccionada) ata o número igual ó de traballadores máximo por quenda pasarán ó final da lista para escolle-las vacacións do 2000 e así en anos sucesivos.

4. Calquera traballador que se incorpore á empresa neste período de tempo incluirase o primeiro ano ó final da lista e a partir dese momento incluirase na quenda rotativa.

Artigo 8º.-Conductor perceptor.

O conductor perceptor cando desenvolve as funcións de conductor e cobrador percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial igual ó 20% do seu salario base por cada día en que realice ámbalas funcións. Para ter dereito a esta percepción deberá realizar ámbalas funcións un mínimo de dúas horas por xornada de traballo.

Artigo 9º.-Complemento de quebranto de moeda.

O conductor perceptor, o día que realice un mínimo de dúas horas da súa xornada laboral as funcións de conductor e cobrador, percibirá un complemento de 109 pesetas en concepto de quebranto de moeda.

Artigo 10º.-Complemento de transporte ou asistencia.

Como compensación dos gastos que o persoal da empresa ten que efectuar para se trasladar ó centro de traballo, establécese un complemento de transporte ou asistencia para tódalas categorías profesionais de 164 pesetas por cada día efectivo traballado.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores.

A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas de traballo efectivo.

Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase anualmente, respectando, en todo caso, o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, aplicarase o disposto no Real decreto 1561/1995, do 8 de novembro, e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

Artigo 12º.-Traballo en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, que por necesidades do servicio sexan traballados e o descanso se produza outro día da semana, aboaráselle a cantiade de 1.900 pesetas a cada traballador, independentemente da súa antigüidade e categoría profesional.

No caso de que excepcionalmente non se puidese desfrutar este descanso, en cómputo mensual, cobrarase co incremento do 140%.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Enténdese por horas extraordinarias a que excedan das 40 horas semanais, é dicir, que superen a xornada, sen prexuízo do establecido no parágrafo 3º do artigo 11º.

Dadas as peculiares características dos servicios efectuados pola empresa, o persoal desta comprométese a realiza-las horas extraordinarias necesarias para a realización do servicio. O seu importe será o sinalado na táboa anexa.

Artigo 14º.-Axuda de custos.

Ó persoal que por mor do servicio se lle provoquen gastos de comida, cea ou por durmir fóra, terá dereito a recibir unha indemnización que recibirá o nome de axuda de custos, en compensación dos gastos que se lle orixinen, sempre que se produzan conxuntamente estas condicións:

a) Que o servicio o obrigue a se ausentar do lugar ou centro habitual de traballo.

b) Que se vexa obrigado a comer, cear ou durmir fóra do seu domicilio e lugar ou centro habitual de traballo.

A axuda de custos percibirase sempre que remate o servicio despois das 23.30 horas.

O traballador disporá dunha hora para realiza-lo xantar no período comprendido entre as 12.30 e as 16.30 horas. Se tivese que realizalo fóra desta hora recibirá unha axuda de custos de 1.200 pesetas.

Como compensación deste condicionado, non se establece contía de axuda de custos pois a empresa é consciente do sentido da responsabilidade do seu persoal e, polo tanto, satisfará o importe total das axudas de custo ocasionadas polo traballador, logo da presentación da factura correspondente para efectos fiscais.

Non obstante, a empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e manutención do traballador en substitución da axuda de custos.

Artigo 15º.-Limpeza e conservación do vehículo.

O conductor asignado a cada vehículo da empresa realizará os traballos precisos para que o vehículo se encontre nun estado de limpeza e conservación acorde co servicio que se vai realizar, sempre que estea na xornada laboral, ou pagarase como hora.

Artigo 16º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo a prol dos seus traballadores, de 5.000.000 de pesetas por cada un, de xeito que, no caso de falecemento por accidente laboral, invalidez absoluta e permanente derivadas de accidente laboral ó servicio da empresa, a cantidade citada sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social senón un complemento desta.

Artigo 17º.-Situación de baixa por accidente de traballo.

Durante a situación de incapacidade laboral derivada de accidente de traballo, a empresa completará ata o importe do salario do convenio e, por un máximo de seis meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola Seguridade Social.

Por outra banda, na situación de incapacidade laboral transitoria derivada de enfermidade común que motive hospitalización, a empresa completará durante a hospitalización e ata un máximo de seis meses, a prestación da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 18º.-Cómputo de horas.

Os tempos de espera entre dous servicios computaranse como horas normais de traballo se o conductor está suxeito á disciplina do vehículo realizando tarefas de conservación, mantemento ou limpeza e como medias horas se está ó dispor da empresa pero non realiza ningunha tarefa, nin está suxeito á vixilancia do vehículo.

Artigo 19º.-Axuda escolar.

Como reflexo da preocupación da empresa en colaborar cos seus traballadores nos estudios dos seus fillos, establécese unha exuda para a compra de libros dos fillos dos traballadores consistentes no pagamento por parte da empresa, a cada traballador e na nómina do mes de setembro de cada ano, de:

a) 3.000 pesetas por cada fillo que estea a realizar estudios de EXB.

b) 4.000 pesetas por cada fillo que estea a realizar estudios de BUP, COU ou FP.

c) 5.000 pesetas por cada fillo que estea a realizar estudios universitarios ou de escolas técnicas.

É imprescindible que os estudios se realicen en centros de ensino oficial, calquera que sexa o seu nivel, quedando exceptuados os estudios non oficiais, tales como academias, idiomas, por correspondencia, etc.

Para cobraren esta axuda deberá xustifica-lo feito de teren realizada a matrícula dos estudios que vai realizar, así como as cualificacións obtidas o curso anterior.

Artigo 20º.-Xantar.

Dada a especial peculiaridade dos servicios que efectúa a empresa, o tempo para xantar poderá ser reducido a unha hora. O horario será entre as 12.30 e as 16.30 horas. Se tivese que se realizar fóra desta hora, recibirá unha axuda de custos de 1.200 pesetas.

Pola súa banda, a empresa procurará ter en conta a proximidade do domicilio do traballador ó centro de traballo, na distribución dos servicios no relativo ó xantar.

Artigo 21º.-Toma e abandono de servicio.

Por toma e abandono de servicio enténdese o tempo necesario de inactividade investido na toma e/ou abandono do vehículo, situación que non depende directamente do traballo realizado.

Artigo 22º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que, por resolución administrativa ou sentencia xudicial, se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a un ano, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis idóneo, dentro das posibilidades do momento, pero quedará desvinculada de calquera obriga no caso de non aceptación do traballo ofrecido, por parte do conductor.

Igualmente, considérase incluída neste artigo a conducción do vehículo particular de cada traballador cando sexa no traxecto do seu domicilio ó lugar de traballo ou regreso, para tomar ou deixa-lo servicio.

Cando a un conductor lle sexa retirado o permiso de conducir, polas causas sinaladas anteriormente, farase coincidir un mes deste período co das vacacións anuais.

Artigo 23º.-Condicións non previstas.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarae o disposto no Estatuto dos traballadores, ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 24º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade, de tal xeito que se por calquera circunstancia algún dos seus artigos fose declarado nulo ou ineficaz, levaría aparellada a nulidade de todo o convenio.

Artigo 25º.-Recoñecemento médico.

A empresa, voluntariamente e logo do acordo cos seus traballadores, levará a cabo un recoñecemento médico a través dos servicios correspondentes das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou da forma que consideren máis idónea.

Artigo 26º.-Partes contratantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

Pola parte empresarial: José Agustín Pereira Fernández, administrador e xerente de Empresa Pereira, S.L.

Polos traballadores: Manuel Cores Santiago, delegado de persoal de UGT.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, a comisión paritaria estará formada por dous representantes da empresa e por dous representantes dos traballadores, todos eles escollidos por cada parte.

Táboa salarial (1 de xaneiro de 1999)

Salario baseHora extraordinaria

Xefe de persoal121.440 ptas./mes988 ptas.
Xefe de tráfico121.440 ptas./mes988 ptas.
Administrativo110.790 ptas./mes913 ptas.
Auxiliar administrativo97.440 ptas./mes818 ptas.
Inspector3.318 ptas./día 900 ptas.
Conductor3.288 ptas./día 859 ptas.
Conductor perceptor3.288 ptas./día 859 ptas.
Cobrador2.838 ptas./día 817 ptas.
Mecánico oficial 1ª3.318 ptas./día 900 ptas.
Mecánico oficial 2ª2.993 ptas./día 817 ptas.
Mozo2.850 ptas./día 817 ptas.
Engraxador lavacoches2.850 ptas./día 817 ptas.