Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 10 de setembro de 1999 Páx. 11.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 3 de setembro de 1999 pola que se establece unha axuda complementaria ó programa de leite escolar.

Co fin de mellora-la alimentación dos rapaces en idade escolar, ó mesmo tempo que se fomenta o consumo de productos lácteos, dentro da política agrícola común existe un programa a través do que se financia, con fondos FEOGA-Garantía, o consumo de leite e outros productos derivados del en centros escolares, programa establecido no Regulamento (CEE) 1842/1983, do Consello, e o de aplicación do anterior, o Regulamento (CEE) 3392/1993, da comisión. Ó abeiro do antedito marco normativo, nesta Comunidade Autónoma véñense concedendo, anualmente, subvencións para o consumo de leite e productos lácteos nos centros escolares.

Mais, ó mesmo tempo existe outra axuda para o consumo de leite e productos lácteos nos centros escolares, como complementaria da anterior, sendo

a última convocatoria a efectuada pola Orde do 11 de xuño de 1998, polo que, para poder tramita-las solicitudes que se presentan no presente exercicio cómpre publica-la respectiva orde de convocatoria.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a este organismo autónomo a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como do propio Ilgga.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Pola presente orde establécese unha liña de axuda para cesión, a prezo reducido, de leite pasteurizado a centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 1998-1999.

2. Esta axuda terá carácter complementario á que se concede, tamén anualmente, para o consumo de leite e outros productos lácteos en centros escolares con cargo ós regulamentos (CEE) 1842/1983 e 3392/1993, de aplicación do anterior.

Artigo 2º.-Contía.

1. Concederase unha axuda económica para o consumo de leite en centros escolares, por cada envase de 250 ml de leite pasteurizado de 10 pesetas se é de plástico flexible. Xunto co cartón debe acompañarse un utensilio axeitado para facilita-lo consumo de leite.

2. Como máximo, poderase subvencionar un envase de 250 ml de leite pasteurizado por alumno e día lectivo.

Artigo 3º.-Condicións da subministración.

1. O leite pasteurizado deberáselles subministrar ós alumnos pola mañá, a poder ser en horario de recreo e, en ningún caso, ó medio día coa comida.

2. No envase, ademais de figura-las mencións esixidas pola normativa que regula a axuda comunitaria e outras normas en vigor, deberá consta-la mención «Programa de leite escolar CE-Xunta de Galicia». Para a expresión «Xunta de Galicia» empregarase o logotipo oficial.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Esta axuda terá que solicitarse, por escrito, segundo modelo que figura como anexo I á presente

orde, solicitude que se deberá presentar na respectiva Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Así mesmo poderá presentarse nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A dita solicitude presentarase nos vinte días seguintes á data de publicación da orde.

3. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Certificación do centro escolar, segundo modelo que se xunta como anexo II á presente orde.

-Copia compulsada das facturas de adquisición do leite, debidamente conformadas polo responsable do centro escolar.

Artigo 5º.-Tramitación.

1. As respectivas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través do Servicio Provincial do Ilgga, efectuarán a tramitación administrativa das solicitudes recibidas, comprobando que cumpren os requisitos esixidos.

2. O xefe do antedito servicio, co visto e prace do respectivo delegado provincial, elevaráselle, cando proceda, proposta de aprobación e pagamento ó director do Ilgga.

3. Con base na antedita proposta o director do Ilgga dictará a resolución oportuna, ordenando, se é o caso, o aboamento da axuda concedida, notificándoselle ó solicitante.

Artigo 6º.-Financiamento.

A axuda establecida na presente orde financiarase con cargo ó concepto orzamentario, do orzamento de gastos do Ilgga, 09.50.614 A.774.0, para o que existe crédito adecuado por un importe de vintesete millóns oitocentas oitenta e nove mil seiscentas vinteoito pesetas (27.889.628 ptas.), de acordo co establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria