Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 30 de agosto de 1999 Páx. 10.712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector da hostalería de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do sector da hostalería de Ourense (código convenio nº 3200215), con entrada nesta delegación provincial o día 23-6-1999 subscrito en representación da parte económica, pola Federación Provincial de Empresarios da Hostalería da provincia de Ourense, e, da parte social, polas centrais sindicais UGT e CC.OO., o día 18-6-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 30 de xuño de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de hostalería

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regula as relacións laborais de tódolos traballadores que desenvolven as súas funcións dentro de Ourense e a súa provincia, estean ou poidan estar incursos no acordo laboral de ámbito estatal para o sector de hostalería asinado o 12 de xuño de 1996, código de convenio nº 9910365.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A duración do presente convenio será dun ano, con efectos de vixencia desde o día 1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro de 1999. Os efectos económicos serán a partir do día 1 de xaneiro de 1999. Todo isto con independencia do seu rexistro pola autoridade laboral e publicación no BOP, salvo as excepcións indicadas no propio texto.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non se denunciar por calquera das partes con antelación mínima de tres meses respecto á data da súa terminación, entendéndose pola denuncia válida a efectuada por escrito certificado dirixido a outra parte, conforme o previsto no Estatuto dos traballadores. A súa negociación efectuarase ó mes seguinte do seu vencemento.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Por ser condicións mínimas ás establecidas no presente convenio, haberán de respectarse as que veñan gozando os traballadores ou as que puidesen ser incrementadas por disposición legal, regulamentaria ou costume. Cando resulten máis beneficiosas para o traballador, respectaranse as condicións persoais que, con carácter global, excedan do presente convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Capítulo II

Xornadas, horarios, horas extras, descansos diarios, semanais e vacacións

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada máxima de traballo para o persoal para o presente convenio para 1999 será de 40 horas semanais. Na xornada continuada computarase a media hora de comida como xornada efectivamente traballada.

Artigo 5º.-Horarios.

A elaboración e fixación de horarios de traballo será de común acordo entre a empresa e os traballadores, a través dos seus delegados de persoal ou comités de empresa, os cales gozarán os 15 días laborais antes da súa aceptación para consultas de traballadores e demais organismos que consideren oportunos:

a) Os devanditos cadros horarios deberán estar expostos en lugar visible, debendo estes sinala-la hora de entrada e saída, descanso diario e semanal e horarios das quendas.

b) Os cadros horarios deberán estar permanentemente expostos en sitios visibles nos centros de traballo.

c) Tales cadros horarios teñen que estar de conformidade co establecido no artigo 4º deste convenio, en canto a xornada máxima.

d) Os empresarios virán obrigados a fixarlles un horario especial ós traballadores que realicen cursos de formación profesional de hostalería, para os efectos de que sexa posible asistir ós citados cursos.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo aboarase cun incremento do 100% sobre o salario que corresponda cada hora de traballo individual, de acordo coa táboa de salarios anexa ó presente convenio.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 2 ó día, 15 ó mes e 80 ó ano, así como as limitacións impostas para o efecto pola lexislación en cada momento.

Artigo 7º.-Descanso diario.

Entre a terminación dunha xornada e comezo doutra, deberá existir un intervalo como mínimo de 12 horas.

Artigo 8º.-Descanso semanal.

Os traballadores terán dereito a un descanso semanal mínimo de día e medio ininterrompido, atendéndose para o seu goce ó establecido na lexislación vixente.

Artigo 9º.-Festas aboables e non recuperables.

Se por necesidades do servicio e logo de acordo entre o traballador e a empresa se traballase en día festivo, aboarase da seguinte forma:

a) Se o traballador opta por que se lle compense economicamente o día traballado, deberá percibi-lo 150% do salario correspondente ó devandito día.

b) Se opta polo descanso compensatorio, terá dereito a día e medio ininterrompido, dentro da mesma semana na que coincida o devandito día.

c) O traballador ó que o seu descanso semanal lle coincida festivo terá dereito a outro día de descanso na mesma semana.

Para tódolos efectos o día 29 de xullo, día de Santa Marta, padroeira da hostalería, 24 de decembro, día de Noiteboa, e 22 de novembro consideraranse festivos.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período de vacacións para o persoal afectado por este convenio será de 30 días naturais ininterrompidos.

Durante as vacacións o traballador percibirá con cargo á empresa o salario real correspondente á súa categoría profesional.

Os traballadores que a data determinada para o desfrute delas non completasen o ano de servicio na empresa, ratearase polo tempo traballado.

Durante as vacacións anuais, o traballador percibirá con cargo á empresa o salario correspondente á súa categoría profesional, sendo estas retribuídas a salario real.

En cada empresa elaborarase un cadro de vacacións conforme establece a lexislación vixente, é dicir, nos tres primeiros meses do ano, no que se exporá o período de vacacións que gozará cada tra

ballador, ou grupo de traballadores, intentando que sexan rotativas.

Capítulo III

Enfermidade, licencias, excedencias e servicio militar

Artigo 11º.-Enfermidade.

No caso de enfermidade do traballador, a empresa está obrigada a satisface-lo complemento necesario para que, computando o que perciba con cargo á Seguridade Social, por prestación económico de IT, alcance o 100% do salario establecido no presente convenio.

A empresa resérvase o dereito a recorrer ante a inspección médica para verifica-la autenticidade de calquera baixa por IT.

Artigo 12º.-Licencias.

As empresas afectadas polo presente convenio concederán as licencias retributivas que soliciten os traballadores, logo de aviso e xustificación e polas causas e prazos que a continuación se consignan:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por falecemento de fillos: 5 días naturais.

c) Por enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o 2º grao de consanguinidade: 3 días naturais. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

d) Por asistencia a exames, o tempo necesario requirido por eles, quedando o traballador obrigado a xustificar tal circunstancia e a duración daqueles.

e) Por traslado de domicilio habitual: 2 días naturais.

Artigo 13º.-Excedencia.

Establécese a situación de excedencia voluntaria para o persoal afectado por este convenio, sendo preciso que, para gozar tal beneficio, se leve ó servicio da empresa máis de 2 anos. A permanencia na situación de excedencia á que se refire o parágrafo anterior, non poderá ser inferior a tres meses, nin superior a 5 anos, concedéndose esta por unha soa vez.

Causarase baixa na empresa, definitivamente no caso de que, finalizada a excedencia, non solicite o traballador o reingreso por escrito cun mes de antelación ó vencemento dela.

No caso de solicita-lo reingreso das excedencias de igual categoría profesional, terá preferencia o que teña maior antigüidade na empresa. O traballador en excedencia non se poderá ocupar en ningún centro de traballo que desenvolva a súa actividade en iguais ou similares características á da súa profesión.

Durante o período de excedencia non percibirá soldo ningún.

Artigo 14º.-Servicio militar.

Os traballadores durante o servicio militar terán reservado o seu posto de traballo, entendéndose esta reserva ata os dous meses do seu licenciamento. Os traballadores que no momento da súa incorporación a filas leven dous anos de servicio na empresa percibirán a primeira gratificación extraordinaria que corresponda aboar despois da súa incorporación, xa sexa o mes de xullo ou decembro.

Artigo 15º.-Axuda por xubilación.

Todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar á situación de invalidez permanente, con máis de 5 anos de servicio, percibirá desta o equivalente ás seguintes cantidades:

-Ós 5 anos de servicio na empresa: 2 mensualidades.

-Ós 10 anos de servicio na empresa: 6 mensualidades.

Estas gratificacións percibiraas tanto o home como a muller, segundo o caso, se o traballador falecese antes de se xubilar e xa cumpridos os 55 anos ou levase dez anos de servicio ininterrompidos na empresa, no momento da súa morte e, no seu lugar, os orfos de menos de 18 anos ou de máis se están incapacitados para o traballo.

Artigo 16º.-Código de conductas.

As relacións laborais na empresa discorrerán en todo momento polo camiño da igualdade, mutuo respecto e diálogo. O traballador obedecerá as ordes que lle correspondan á súa específica categoría profesional dentro do seu horario de traballo, salvo aqueles casos que fosen de excepción.

Artigo 17º.-Ascensos.

Os ascensos de categoría profesional produciranse tendo en conta a formación e a antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 18º.-Cesamentos, prazos e aviso previo.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente dos seus servicios na empresa veranse obrigados a poñelo en coñecemento desta por escrito ou a través dos delegados sindicais ou comités de empresa, cumprindo os seguintes prazos de previo aviso:

a) Xefes de grupos profesionais: 30 días naturais.

b) Resto de traballadores: 15 días naturais.

O incumprimento do traballador da obriga de avisar coa mencionada antelación, daralle dereito á empresa a descontar da súa liquidación o salario dun día por cada día de atraso.

Capítulo IV

Aprendizaxe

Artigo 19º.-Concepto.

Os traballadores en calidade de aprendizaxe ligados á empresa, en virtude de contrato especial, polo

cal esta ó mesmo tempo que utiliza o traballo do que aprende se obriga a ensinarlle o oficio correspondente.

A aprendizaxe, que será sempre retribuída, dará lugar a un contrato especial que se rexerá, tanto no seu contido como na súa forma, e nas obrigas respectivas de cada unha das partes, respectivamente, ademais de polo regulado nas disposicións legais, pola seguintes condicións:

a) O número de horas de traballo á semana non poderá ser superior a 35 horas repartidas en 7 diarias durante 5 días.

b) Non poderán realizar horas extraordinarias.

c) A xornada de traballo non poderá comezar antes das nove da mañá, nin terminar despois das 22 horas, polo que non poderán realizar traballo nocturno.

d) A xornada de traballo será continuada con interrupción de 30 minutos para a comida.

e) As tarefas encargadas a estes traballadores serán exclusivamente as pertinentes á categoría profesional para a que se están preparando.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 20º.-Retribucións.

As retribucións de persoal afecto por este convenio serán as da táboa de salarios anexo a el, que serán de obrigado cumprimento para tódolos traballadores que presten os seus servicios no sector de hostalería con independencia da súa modalidade de contratación, incluídas aquelas contratacións que expresamente sexan contratados a través das empresas de traballo temporal, as cales e para este sector deberán fixar estes salarios no documento contractual que formalicen coas empresas.

Artigo 21º.-Forma de pagamento.

O pagamento do salario efectuarase dentro da xornada laboral.

Artigo 22º.-Anticipos.

O traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do seu salario sen que poidan exceder do 80% do salario ó que ten dereito a percibir.

Artigo 23º.-Recibos de salarios.

Tódalas empresas afectadas polo presente convenio quedarán obrigadas a entregarlles ós seus traballadores no momento de lles aboa-los seus salarios un recibo (do modelo oficial) no que consten con toda claridade os seguintes datos:

a) Os datos da empresa e os profesionais do traballador.

b) O período de tempo que se paga, a cantidade total e real en pesetas gañadas polo traballador, con especificación de todos e cada un dos conceptos polos que se cobra.

Os recibos de salarios téñense que referir a meses naturais concretos. Se a empresa pagase por semanas, quincenas ou calquera outro período inferior ó mes, estas cantidades consignaranse como anticipos.

Artigo 24º.-Salario base.

O salario bruto base anual para os traballadores afectados por este convenio desde a súa vixencia a partir do día 1 do mes seguinte á sinatura do presente texto e a súa publicación no BOP ata o 31 de decembro de 1999, serán os da táboa de salarios anexo a el (anexo II), que representa unha subida do salario base dun 2,30%.

Artigo 25º.-Antigüidade.

A todo traballador que na data 31-12-1994 teña recoñecida antigüidade manteráselle esa contía, figurando na súa nómina o concepto «complemento de antigüidade por dereitos adquiridos».

A partir do día 1-1-1995 devengarase o concepto de antigüidade en quinquenios e na contía de 2.000 ptas. Tomarase como inicio para o dito cómputo temporal o citado día 1-1-1995.

Artigo 26º.-Complementos de postos de traballo.

O traballador que desempeñe unha praza de categoría superior percibirá o salario correspondente á mencionada categoría. Se o desempeño de tal actividade fose continuado durante tres meses ou alternos durante seis, o traballador consolidará o salario correspondente á citada categoría, logo de reclamación ante a empresa. Se por esixencia no traballo, sempre con carácter transitorio urxente e non reiterativo, se destinase a un traballador a tarefas pertencentes a categorías profesionais ás que non estea adscrito, conservará a retribución correspondente á súa categoría. En todo caso respectarase a orde xerárquica profesional para adscribir ó traballador de categoría inferior, sempre e cando non constitúa represalias, discriminacións, tratos vexatorios ou ofensivos.

Artigo 27º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias que as empresas lles veñen aboando ós seus traballadores serán aboadas en xullo e decembro respectivamente, e consistirán nunha mensualidade do salario real cada unha.

Artigo 28º.-Complementos en especie.

Todo persoal que ata a data teña recoñecido o dito complemento seguirao percibindo sempre e cando non se faga uso do dereito de manutención; a empresa aboaralle 3.087 ptas. e 1.235 ptas. respectivamente por cada unha das 12 mensualidades.

Ós traballadores que fagan uso do dereito de manutención e aloxamento a empresa aboaralles 1.050 ptas. durante o período de vacacións independentemente dos complementos salariais previstos para estes conceptos.

Artigo 29º.-Gratificación de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 horas da noite e as 6 da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno, en todo ou en parte, pola súa propia natureza, terán unha retribución epecífica incdrementada, como mínimo nun 25% sobre o salario base.

Artigo 30º.-Roupa de traballo.

Anualmente as empresas subministrarán, como mínimo, a tódolos seus traballadores un uniforme completo, sempre que se lles esixa a súa utilización.

Artigo 31º.-Contratación.

Para contribuír e darlle estabilidade ó emprego as partes asignantes do presente convenio comprométense a fomenta-la contratación indefinida, como norma xeral segundo as novas modalidades de contratación.

Sen embargo, ó ser este un sector cunha problemática específica propoñémo-los seguintes modelos de contratación:

a) Contratos de formación. O contrato de formación terá como obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado dun oficio ou dun posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

Poderanse celebrar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos, cunha duración mínima de 6 meses, e prorrogable ata un máximno de 3 anos.

O período de formación será do 15% da xornada máxima prevista no convenio, que poderá ser impartida dunha soa vez ó inicio do contrato.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 75%, 85% e 95% do salario base da categoría de axudante de camareiro ou similar, durante o primeiro, segundo e terceiro ano, respectivamente da vixencia do contrato. A aplicación deste salario será para os contratos formalizados a partir da entrada en vigor do presente convenio ou da súa publicación no BOP.

b) Cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixiran, aínda tratándose da actividade normal da empresa, os contratos de traballo concertados de acordo co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores e os artigos 1º b) e 3 do Real decreto 2546/1994, terán unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Poderán acollerse ó disposto nesta disposición tanto nos contratos pactados desde a publicación do presente convenio como aqueles que estean xa en vigor a data de xubilación do presente convenio e aínda non agotaron a súa duración.

De formalizarse por tempo inferior o citado de 13 meses e medio, poderán facerse prórrogas ata completa-la totalidade do tempo de 13 meses e medio.

Capítulo VI

Disposicións adicionais

Primeira.-Comisión mixta.

Constitúese unha comisión mixta paritaria formada por catro representantes da parte social, dos cales tres lle corresponderán á Unión Xeral de Traballadores (UGT), e un a Comisións Obreiras (CC.OO.); e catro da parte económica, compoñentes da comisión negociadora, así como polos asesores que as partes xulguen oportunos, que terán voz pero non voto. Serán funcións desta comisión.

a) Interpretación auténtica do convenio.

b) Arbitraxe das cuestións de problemas derivados do presente convenio e sometidas á súa consideración por calquera das partes.

c) Intervención dos conflictos colectivos.

d) Vixilancia e cumprimento do pactado.

Todo isto sen prexuízo da competencia que a este respecto veña atribuída ós organismos ou autoridades competentes.

Segunda.-Servicios extraordinarios.

Consideraranse servicios extraordinarios aqueles que se realicen por traballadores alleos á empresa. Estes servicios serán retribuídos como mínimo de 5.331 ptas. por servicio.

As empresas que necesiten traballadores alleos a ela para este servicio ofrecerán estes obrigatoriamente ós profesionais do sector, a través do Instituto Nacional de Emprego, sempre que reúnan as condicións esixidas polo servicio para o que sexan requiridos; no caso de non existir estes na oficina de emprego, a empresa quedará en liberdade de contratar ó igual que no caso de urxencia, no que por ser festivo, a devandita oficina estea pechada.

Terceira.-Dote por matrimonio.

O persoal feminino que ó contraer matrimonio opte por rescindi-la relación laboral coa empresa, sempre que leve ó servicio dela como mínimo un ano, percibirá unha indemnización correspondente a unha mensualidade do salario do convenio de acordo coa súa categoría profesional, máis antigüidade, por ano de servicio, cun límite de 7 mensualidades.

Cuarta.

En todo o non especificado neste convenio haberá que se ater ó disposto no acordo laboral de ámbito estatal para o sector de hostalería asinado o 12 de xuño de 1996, código de convenio 9910365.

Quinta.

Na táboa salarial anexa ó presente convenio especifícanse os salarios correspondentes ás distintas categorías profesionais de establecementos nas súas distintas modalidades, incrementados nun 2,30% para 1999.

Sexta.

As empresas están en boa disposición para estimula-los seus traballadores na realización de estudios ou asistencia a cursos de formación cultural ou profesional, en horas distintas á xornada laboral, correndo pola súa conta o custo dos devanditos estudios, así como a concesión de premios en metálico, que teñen de estímulo ós traballadores que acrediten a regular asistencia e bo aproveitamento. As partes asinantes acordan que no mes seguinte á sinatura do convenio se constitúa unha comisión paritaria que permita o desenvolvemento dos distintos programas formativos.

Sétima.-Operador de son.

Todo traballador que realice as funcións de operador de son, en calquera establecemento de hostalería, terá o grupo 4 da táboa de asimilación das categorías profesionais.

Oitava.-Xubilación anticipada.

As empresas poderán establecer cos seus traballadores pactos previstos no artigo 2 b) do R.D. 2705/1981, do 19 de outubro, que desenvolve o R.D. lei do 20 de agosto, sobre xubilación especial ós 64 anos.

Novena.-Xubilación obrigatoria.

A partir do 1 de xaneiro de 1992 establécese a xubilación obrigatoria para todo traballador que cumpra ou cumprise a idade de 65 anos e que completase os períodos de carencia necesarios para percibi-la correspondente pensión de xubilación.

Décima.

As partes asinantes do presente convenio, en cumprimento do establecido no artigo 26.5º da Lei 1/1995, do 24 de marzo, fan constar que o salario en cómputo anual e en función de xornada establecida no presente convenio, para o grupo 4, categoría 1ª, sen antigüidade, e sen conta-las gratificacións nin complementos persoais, é de 1.503.563 ptas.

Décimo primeira.-Formación profesional.

As partes asinantes coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo deriva do afastamento da formación profesional respecto ás necesidades auténticas da man de obra, e da carencia dunha formación ocupacional continua para actualización e adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas na empresa.

A formación profesional, tanto inicial como continua, cuns fins primordiais como son mante-la competividade da empresa e mellora-la calidade dos servicios que se prestan, á vez que facilita-lo perfeccionamento e a promoción profesional dos traballadores do sector comprendidos no ámbito do presente convenio, debe sustentarse sobre a base dun plan de formación profesional inicial e permanente que

afecte os traballadores. O devandito plan terá como criterios prioritarios na súa actuación:

1. Traballadores menos cualificados, co fin de facilitarlles unha formación de base.

2. Preparación para a introducción de novas tecnoloxías e modalidades de servicio.

3. Cualificación daqueles traballadores que, como consecuencia dos cambios na organización do traballo ou creación de emprego, o precisen.

4. Plans de actuación coordinados para atender ás necesidades de formación dos traballadores das pequenas e medianas empresas.

5. Acceso de mozos parados mediante accións formativas, no marco do plan F.I.P., en colaboración coas institucións que se crea conveniente.

Co fin de facer efectivas as accións formativas, as partes asinantes, acordan realizar por si, ou por medio de entidades especializadas, estudios de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra no sector.

Constituirase, á sinatura do presente convenio, unha comisión paritaria de formación profesional, que estará composta por tres membros designados polos sindicatos e tres membros designados pola patronal, podendo acudir á mesa cantos técnicos ou asesores estimen oportunos as partes. Reunirase alomenos unha vez por trimestre.

As competencias da comisión de formación profesional serán:

a) Concreta-lo plan de formación e aprobalo, marcando prioridades, xunto coas actuacións necesarias para a súa elaboración e seguimento.

b) Propoñer accións formativas.

c) Coordina-las accións de formación e o seu financiamento.

d) Levar á práctica, cantas accións en materia de formación profesional acorden ás partes.

Disposición transitoria

O presente convenio é asinado pola Federación Provincial de Empresarios da Hostalería da provincia de Ourense, dunha parte, e doutra as centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras, segundo o establecido na Lei 1/1995, do 24 de marzo, pola que se aproba o Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Clasificación de establecementos e seccións

SecciónsClasificación de establecementos

1ª categoría2ª categoría3ª categoría4ª categoría

-Sección 1ª:

Hoteis, hostais, residencias, albergues, paradores, hoteis-apartamentos, moteis, hostais en estacións termais, cidades de vacacións e cámping

5 estrelas

4 estrelas

3 estrelas2 estrelas1 estrela

SecciónsClasificación de establecementos

1ª categoría2ª categoría3ª categoría4ª categoría

-Sección 2ª:

Pensións, fondas, casas de hóspedes e pousadas

3 estrelas

2 estrelas

1 estrela

Fondas

-Sección 3ª:

Restaurantes, casas de comidas e tabernas que non serven comidas

Luxo

Primeira

SegundaTerceiraCuarta
-Sección 4ª:

Cafeterías

EspecialPrimeiraSegunda
-Sección 5ª:

Cafés, cafés-bares, bares americanos, whiskerías, cervexerías, chocolaterías e heladerías

Especial

Luxo

PrimeiraSegundaTerceira

Cuarta

-Sección 6ª:

Salas de festas, salas de té, discotecas, tablaos flamencos, salóns de baile e casinos

LuxoPrimeiraSegundaTerceira

ANEXO II

Grupo profesionalTarefasGrupo

Área funcional segunda (cociña e economato)
I. Xefe de cociñaXefe de cociña1
2º xefe de cociña2º xefe de cociña2

II. Xefe de partidaXefe de partida3
CociñeiroCociñeiro4
ReposteiroReposteiro4
Encargado de economatoEncargado de economato4
Encargado de almacén4

III. Axudante de economatoAxudante de economato7
Mozo almacén7
Axudante cociñaAxudante cociñeiro5
Axudante reposteiro6

IV. Auxiliar de cociñaFregador7

Área funcional terceira (restaurantes, bar e similares)
I. Xefe de restaurante-salaXefe de comedor1
1º xefe de sala2
2º xefe de restaurante ou sala2º xefe de sala3

II. CamareiroCamareiro4
Dependente 1º4
Dependente 2º6
Cafeteiro5
Caixeiro comedor5
Pranchista4
BarmanBarman3
2º Barman4
SumillerSumiller4
Operador sonOperador son4

Área funcional primeira (recepción, conserxería, relacións públicas, administración e xestión)
I. Xefe de recepciónXefe de recepción1
2º xefe de recepción2º xefe de recepción3
Xefe de administraciónContable xeral1
Xefe 1º1
Primeiro conserxePrimeiro conserxe de día3
Segundo conserxe de día5

II. RecepcionistaRecepcionista4
Caixeiro4
ConserxeConserxe de noite5
AdministrativoInterventor3
Contable3
Oficial 1ª3

III. Axudante recepción e conserxeríaAxudante recepción6
Axudante conserxería6
Axudante de conserxería6

Grupo profesionalTarefasGrupo

Axudante administrativoOficial contabilidade3
Aux. oficina e contabilidade4
Aux. de caixa5
Telefonista5

IV. Auxiliar de recepción e conserxeríaPorteiro7
Porteiro de coches7
Porteiro recibidor7
Porteiro de accesos7
Porteiro de servicios7
Vixilante de noite7
Ordenanza de salón7
Ascensorista7
Botóns7
Taquilleiro5
Mozo equipaxes7

III. Axudante camareiroAxudante camareiro6
Axudante6
Axudante pranchista6
Axudante de barman6
Axudante de dependente6
Axudante de cafeteiro6
Axudante de piso6

Área funcional cuarta (pisos e limpeza)
I. Encargado xeralGobernanta2
Encargado de lencería5
Encargado de lavandeiro5

II. Camareiro de pisosLencería6
Camareira de pisos6
Pranchadora-costureira6
Lavandeira-zurzidora6

Auxiliar de pisos e limpezaPersoal limpeza7
Limpadora7
Mozo cuarto6
Mozos de lavandería6

Área funcional quinta (servicios de mantemento e servicios auxiliares)
I. Xefe de servicio de cateringXefe de servicio de catering1

II. Encargado de mantemento e serviciosEncargado de traballos3

III. Especialista de mantemento e serviciosMecánico-calefactor4
Ebanista, carpinteiro4
Electricista4
Albanel, pintor, conductor4
Fontaneiro, xardineiro4

IV. Auxiliar de mantemento e serviciosAxudante de mantemento5
Garda exterior5

ANEXO III

Táboas salariais por grupos profesionais

Grupos profesionaisClasificación de establecementos

1ª categoría2ª categoría3ª categoría4ª categoría

Grupo 1136.918133.700130.492127.301
Grupo 2127.301124.063120.851117.644
Grupo 3120.245117.034113.821110.606
Grupo 4107.398104.184104.184101.130
Grupo 595.65193.43890.22790.227
Grupo 691.83691.83690.22790.227
Grupo 791.83691.83690.22790.227