Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 25 de agosto de 1999 Páx. 10.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de agosto de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas para a realización de proxectos de investigación correspondentes ó programa de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta dirixida ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998 aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas tecnolóxicos horizontais figura o programa de Tecnoloxía da Información e as Comunicacións; este programa resulta de gran interese para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación empresarial en Galicia, tanto desde o punto de vista das tecnoloxías das comunicacións como do desenvolvemento de ferramentas multimedia. Con este programa preténdese contibuír a que Galicia entre de cheo no que se adoita denomina-la sociedade da información, e que resulta especialmente importante no contexto da globalización da economía.

En consecuencia e co fin de pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e, neste caso concreto, para a execución do Programa Tecnoloxía da Información e as Comunicacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse as axudas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do Programa Tecnoloxía da Información e as Comunicacións e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Axudas para a realización de proxectos de investigación aplicada en tecnoloxías da información e as comunicacións. (Anexo I).

2. Axudas para a realización de proxectos empresariais en tecnoloxías das informacións e as comunicacións. (Anexo II).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I da presente orde destinarase ata un máximo de 38.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999, 2000 e 2001 de acordo coas seguintes anualidades: 25 millóns de pesetas en 1999, 10 millóns de pesetas no ano 2000 e 3 millóns de pesetas no ano 2001.

Para as axudas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 35.000.000 de ptas. que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 1999 e 2000 de acordo coas seguintes anualidades: 25 millóns de pesetas en 1999 e 10 millóns de pesetas no ano 2000.

Tendo en conta que o novidoso desta acción dificulta facer previsión das posibles solicitudes, as cantidades previstas poderanse incrementar en función das dispoñibilidades orzamentarias e sen supera-los límites establecidos no artigo 58.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime xurídico e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, réxime orzamentario, función pública e xestión.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

De acordo co establecido no artigo 42 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de 6 meses, contados a partir do día seguinte á data de peche da respectiva convocatoria.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de l999.

P.D. (Orde 22-2-1999)

Pablo Figueroa Dorrego

Secretario xeral da Consellería da Presidencia

e Administración Pública

ANEXO I

Axudas para a realización de proxectos de investigación aplicada en tecnoloxías da información e as comunicacións

Estas axudas teñen como finalidade incentiva-la realización, por parte de equipos consolidados, de proxectos de investigación aplicada en tecnoloxías de extensión da sociedade da información preferentemente nas seguintes materias:

Infraestructuras de telecomunicacións en Galicia.

Servicios avanzados.

1. Duración e contía máxima da axuda.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto de investigación por un período máximo de 3 anualidades e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2001. A contía das axudas durante o citado período, agás circunstancias excepcionais que o aconsellen, non superará os 16.000.000 de ptas.

2. Requisitos e solicitudes.

2.1. Requisitos xerais.

As axudas poderán ser solicitadas polo persoal docente e investigador das universidades de Galicia ou por outros investigadores do cadro de persoal de centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

1) Se atopen en situación administrativa de servicio activo e prestando servicios nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia ou nun centro público de investigación radicado na Comunidade Autónoma, e poidan acreditar unha vinculación laboral estable co correspondente organismo durante o período de execución do proxecto.

2) Dispoñan de horas libres para investigación descontadas as que dedican a outros proxectos vixentes, financiados pola Xunta de Galicia ou por outros organismos públicos ou privados (exceptúanse os proxectos financiados con fondos europeos), tendo en conta o seguinte:

a) O número máximo de horas que poden dedicarse á investigación, cando esta actividade se realiza de forma exclusiva, é de 40 semanais.

b) Os investigadores que sexan profesores de universidade poderán asignarse ata un máximo de 32 horas semanais para actividade investigadora. Aqueles profesores de universidade que se atopan en situación de dedicación a tempo parcial por estar

realizando outro tipo de actividade profesional, non poderán figurar con máis de 16 horas semanais.

c) Cada investigador poderá participar só nun proxecto dos que se presenten a esta convocatoria.

d) Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto.

e) Poderanse presentar proxectos coordinados entre diferentes grupos; neste caso actuará como coordinador do proxecto un dos investigadores principais dos subproxectos.

f) O equipo deberá estar formado polo menos por dous doutores e os restantes investigadores deberán ter acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao. O equivalente xornada completa (EXC) do proxecto non poderá ter valor inferior a 2,5 (no caso de proxectos coordinados este EXC enténdese referido ó proxecto global e en todo caso cada un dos subproxectos deberá ter un EXC mínimo de 1,25). Poderanse incorporar tamén como colaboradores os licenciados, enxeñeiros ou arquitectos por unha facultade ou escola técnica superior que como mínimo estéan matriculados, no presente curso, nos estudios de terceiro ciclo ou que acrediten vinculación co correspondente organismo, pero estes non computarán para os efectos de acada-lo requisito mínimo de EXC antes citado.

Xuntarase, ó modelo de solicitude, fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

g) Para os investigadores que sexan doutores requírese unha dedicación mínima de 16 horas semanais. Os restantes investigadores deberán dedicar un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto. Excepcionalmente admitiranse tamén aquelas solicitudes nas que o investigador principal, por causas xustificadas, que deberá expor nunha breve memoria explicativa, teña unha dedicación inferior a 16 horas pero superior a 12 horas.

h) Xuntarase declaración de todo o financiamento vixente de que dispón cada un dos membros do grupo investigador segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo de solicitude.

2.2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial número 33 (do que a carauta externa se publica como anexo III á presente orde é á disposición dos interesados,

de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992. Este modelo número 33 consta de 3 documentos:

-Documento nº 1: datos xerais do proxecto e do equipo investigador. Na páxina 4 indicarase se algún membro do equipo foi investigador principal dalgún proxecto financiado no ano 1995 ou en convocatorias anteriores. En caso afirmativo relacionaranse as publicacións derivadas do dito proxecto; no caso de ter máis dun indicaranse só os datos relativos ó último.

-Documento nº 2: memoria do proxecto de investigación.

-Documento nº 3: modelo oficial de currículum vitae.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (Disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co Vº e prace do representante legal do organismo correspondente.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de setembro de 1999.

As axudas solicitadas deberanse referir a algún dos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal relativos a persoal auxiliar de investigación (técnicos de FP-2 en prácticas), que poderá incorporarse ó proxecto, sempre que se xustifique a súa necesidade para a realización deste. Por este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificados. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo executor.

-Material funxible.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

-Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

3. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase ó solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que, de non o facer, arquivarase a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

4. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de expertos designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos e prioridades do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

d) O interese dos obxectivos do proxecto cara a resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma.

A Comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

5. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente. Para poder pro

ceder ó libramento dos fondos será necesario que o organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o seu compromiso, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese.

6. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

Ó finaliza-lo proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitirá ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no desenvolvemento del, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, non obstante, quedan obrigados a transferilos á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do correspondente rexistro xeral un exemplar das correspondentes publicacións.

7. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

ANEXO II

Proxectos de investigación empresarial en tecnoloxías da información e as comunicacións

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, de acordo cos obxectivos xerais establecidos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), dirixidos ó estímulo do sector empresarial co fin de incrementar tanto a súa competitividade como as posibilidades de creación de emprego e o desenvolvemento económico e social considera do maior interese incentiva-la capacidade de innovación, fundamentalmente tecnolóxica, das empresas galegas mediante a convocatoria de axudas para a realización de proxectos empresariais en tecnoloxías da información e as comunicacións.

As actuacións derivadas do proxecto para o que se solicita financiamento poderán ser realizadas directamente pola propia empresa solicitante ou ben coa colaboración de grupos de investigación de centros de investigación da Comunidade Autónoma.

1. Obxecto.

Nas presentes bases regúlase o procedemento de concesión, en réxime de publicidade, concorrrencia competitiva e obxectividade, das axudas a empresas, asociacións ou agrupacións destas para a realización de proxectos orientados ás seguintes materias:

Enxeñería de software: axudas para aplicacións multimedia con fins de interese social.

Intelixencia artificial: axudas para proxectos con fins de interese social.

2. Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas e asociacións ou agrupacións destas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Exerce-la súa actividade e realiza-lo proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

e) As demais esixibles en virtude de normas de dereito necesario.

3. Modalidades.

Poderán presentarse proxectos nalgunha das seguintes modalidades:

a) Modalidade A: proxectos presentados por empresas que teñen unha estructura de activos de I+D que lle permiten abordar por si mesmas a realización do proxecto.

b) Modalidade B: proxectos presentados por empresas que debido á carencia de medios adecuados encargan a totalidade ou parte da investigación que se vai realizar no proxecto a equipos das universidades ou centros públicos de investigación de Galicia.

4. Ámbito temporal.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto que en todo caso deberá estar rematado antes do 31 de decembro do ano 2000.

5. Contía das axudas.

A contía das axudas concedidas poderá acadar como máximo ata un 70% do importe total do proxecto. Para tal efecto poderanse incluí-los custos seguintes:

-Gastos de persoal adicional imprescindible para a realización do proxecto (técnicos de FP-2 e demais persoal auxiliar, en prácticas, alleo ó cadro de persoal da empresa). Por este concepto poderán asignarse ata un máximo de 1.400.000 ptas./ano.

-Custos de adquisición e utilización de instalacións, equipos, instrumentos, aparatos e demais material inventariable, na medida en que os ditos bens se destinen á actividade proposta.

-Outros gastos de funcionamento (materiais, subministracións e productos similares), directamente derivados da actividade que se vai realizar.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial número 34 (que se publica como anexo IV á presente orde e á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm), presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

Á solicitude xuntaránselle os seguintes documentos:

1) Memoria que debe conter unha proposta técnica detallada así como o orzamento pormenorizado de custos e calquera outra información que poida contribuír á mellor avaliación científico-técnica e económica da proposta. No caso de que o proxecto recolla a participación de investigadores de centros de investigación da Comunidade Autónoma xuntarase compromiso de convenio asinado polo responsable da institución á que pertence o dito grupo.

2) No caso dos proxectos da modalidade B xuntarase compromiso de convenio asinado polo responsable da institución á que pertence o equipo de investigación que realizará o proxecto ou que colaborará na súa realización.

3) Investimentos realizados en Galicia en I+D nos últimos tres anos, especificando se estes recibiron axudas ou subvencións dalgunha Administración pública.

4) Copia cotexada da tarxeta de personas xurídicas e entidades en xeral ou tarxeta de identificación fiscal.

5) Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada da escritura de constitución e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

6) Declaración expresa de non ter contraída débeda ningunha, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

7) Declaración expresa de estar ó día de pagamento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

8) Fotocopia compulsada do imposto sobre sociedades correspondente ó último ano.

9) Declaración doutras axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade nacional ou estranxeira, relacionadas co proxecto. Utilizarase o modelo que se publica no anexo V.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de setembro de 1999.

7. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase ó solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que de non o facer arquivarase a súa solicitude sen máis trámite, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada.

8. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, quen tamén designará ó presidente dela. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A comisión terá en conta, entre outros criterios, os seguintes:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos e prioridades do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

c) O impacto das actuacións que se van realizar cara á resolución de problemas relevantes para a empresa.

d) Capacidade da empresa para a execución do proxecto.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Libramento da subvención.

Para poder percibi-las axudas correspondentes será necesario presentar, antes do 25 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

-Certificación expedida pola entidade bancaria sinalando número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

-Memoria xustificativa das actividades realizadas e do custo dos traballos executados, así como os xustificantes debidamente acreditados do investimento efectuado.

-Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de encontrarse ó corrente no pago das cotas de Seguridade Social.

-Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

Poderán realizarse pagamentos parciais a conta da liquidación nas condicións establecidas na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

No caso de proxectos plurianuais ou para os efectos de anticipos ou pagos parciais, naqueles casos na que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de ptas., os pagamentos estarán garantidos con aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente segundo o establecido no artigo 35.B letra e) da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

10. Seguimento dos proxectos.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o 70% do custo total do proxecto. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da innovación en trámite e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados.

Ó finaliza-lo proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitirá ás empresas beneficiarias destas axudas un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedando a empresa obrigada a presenta-lo dito informe, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

11. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e ás bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.