Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 23 de agosto de 1999 Páx. 10.511

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de xullo de 1999 pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de garantía social, ciclos formativos de grao medio e formación profesional de segundo grao.

A Orde do 8 de xaneiro de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 21) dictou as normas para a aplicación, a partir do curso académico 1997-1998, do réxime de concertos educativos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

Vistas as solicitudes presentadas polos titulares dos centros privados concertados, cumpridos tódolos trámites previstos na citada orde e tendo en conta a proposta formulada pola dirección xeral de centros e inspección educativa, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Aproba-los concertos educativos cos centros docentes privados que se relacionan nos anexos da presente orde.

1. Os concertos educativos correspondentes ás unidades de educación primaria e educación secundaria obrigatoria concertaranse nas condicións que se especifican no anexo I.

2. Os concertos educativos correspondentes ás unidades de educación especial, anexo II, asinaranse polo réxime de concertación xeral e terán unha duración de 2 anos.

3. Os concertos educativos correspondentes ás unidades de ciclos formativos de grao medio asinaranse polo réxime de concertación xeral segundo se reflicte no anexo III. Os módulos económicos ateranse ó establecido no artigo 13 da Lei 49/1998, do 30 de decembro (BOE do 31), de orzamentos xerais do Estado para 1999.

Os concertos dos programas de garantía social, sinalados no anexo IV, efectuaranse con base en 32 horas semanais e os gastos de funcionamento serán da mesma contía cós que lles correspondesen ás unidades de formación profesional de primeiro grao que se transformen e terán unha duración de dous anos.

4. Os concertos educativos correspondentes ás unidades de formación profesional de segundo grao subscribiranse con carácter de réxime singular nos termos que se especifican no anexo V. Así mesmo, percibirán un financiamento complementario para os gastos de funcionamento, tendo en conta o establecido no artigo 13 da Lei 49/1998, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1999.

5. Os centros que se reflicten no anexo VI serán dotados do financiamento, polo número de horas que nel se especifica, dos servicios de orientación educativa a que se refire a disposición adicional terceira.3 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

Segundo.-Mante-lo convenio educativo para o curso 1999-2000, subscrito ó abeiro da disposición adicional sétima do Real decreto 2377/1985, co centro Calvo Sotelo, dependente da Deputación Provincial da Coruña.

Terceiro.-No caso de unidades concertadas con carácter singular, os centros poderán percibir dos alumnos, en concepto de financiamento complementario, a cantidade de 3.200 pesetas/alumno/mes durante 10 meses.

Cuarto.-O documento administrativo de formalización do concerto educativo será asinado polo titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular do centro privado ou persoa con representación debidamente acreditada.

Se o titular do centro privado non subscribise o documento de formalización na data que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

Quinto.-Contra a presente disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria