Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 20 de agosto de 1999 Páx. 10.451

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 13 de agosto de 1999 pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, do 17 de xuño, polo que se regula a pesca marítima de recreo.

O Decreto 211/1999, do 17 de xuño, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, regula a pesca marítima de recreo, e nel establécense tanto as modalidades da pesca de carácter recreativo, como as condicións e requisitos básicos para poder practicala. Así mesmo establece, con respecto á práctica da pesca submarina, que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura regulará por orde as zonas do litoral prohibidas ou reservadas a esta actividade.

Por todo isto, procede regula-lo procedemento para a obtención da correspondente licencia, os utensilios que hai que empregar, os horarios e a delimitación das zonas de exercicio da pesca submarina e desenvolver determinados aspectos do citado decreto.

En consecuencia, tendo en conta a disposición derradeira do decreto pola que se faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1º

A licencia necesaria para realiza-la práctica da pesca marítima de recreo axustarase ó modelo que figura no anexo I da presente orde.

Artigo 2º

1. Os delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura serán os encargados da expedición das licencias, sen prexuízo dos sistemas que poidan arbitrarse para a súa recepción polos interesados.

2. Os interesados en obter unha licencia por primeira vez deberán presentar solicitude de conformidade co modelo que figura no anexo II da presente orde.

3. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos das súas delegacións territoriais e comarcais, ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

Para a obtención da licencia será necesario presenta-la seguinte documentación, de acordo coas clases que se definen a continuación:

1. Para a práctica da pesca marítima de recreo en superficie:

1. Clase A, válida para persoas físicas maiores de 16 anos:

a) DNI ou pasaporte do solicitante.

b) Xustificante do aboamento da correspondente taxa, excepto perceptores de pensións públicas que acrediten documentalmente tal circunstancia.

2. Clase B, para titulares de embarcacións da 6ª lista do rexistro de buques, dedicadas a actividades recreativas ou deportivas con interese lucrativo:

a) Rol da embarcación.

b) DNI, CIF ou NIF do titular.

c) Xustificante do pagamento da correspondente taxa.

2. Para a práctica da pesca marítima de recreo submarina:

1. Clase C, válida para persoas físicas maiores de 16 anos:

a) DNI ou pasaporte do solicitante

b) Certificado médico oficial ó que se refire o Decreto 211/1999, polo que se regula a pesca marítima de recreo.

c) Póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil.

d) Licencia de armas ou tarxeta federativa.

e) Xustificante do pagamento da correspondente taxa.

f) Documentación que acredite o consentimento paterno, materno ou do titor, cando o solicitante sexa menor de idade non emancipado.

g) Validación: cando se presente unha licencia de pesca de recreo submarina, vixente, outorgada por outra Administración pública nacional ou dun Estado membro da Unión Europea, non será necesario achega-los documentos a que se refiren as alíneas b), c), d) e f), de se-lo caso.

Artigo 4º.

1. Conforme o prevido no artigo 5.3º do Decreto 211/1999, de pesca recreativa, as licencias poderán renovarse no prazo de dous meses inmediatos anteriores ó termo da súa vixencia, despois de paga-la taxa correspondente.

2. Non obstante o anterior, a renovación anual da licencia de pesca de recreo submarina precisará, ademais do pagamento da correspondente taxa, a presentación da documentación a que se refire o artigo 3, número 2, punto 2.1, da presente orde.

Artigo 5º.

Na práctica da pesca marítima de recreo en superficie, unicamente se poderán empregar dúas canas ou liñas cun máximo de seis anzois ou dúas poteiras por licencia. Para os efectos desta disposición os engados artificiais consideraranse como anzois.

Artigo 6º.

A pesca marítima de recreo en superficie estará permitida tódolos días do ano.

Artigo 7º.

A práctica da pesca de recreo submarina estará permitida os sábados, domingos e festivos, tendo que ser estes de carácter estatal ou autonómico, de todo o ano. No período comprendido entre o xoves e o domingo da Semana Santa e entre o 15 de xuño e o 15 de setembro poderá ser practicada tódolos días.

Artigo 8º.

A pesca marítima de recreo en superficie desde embarcación e a pesca de recreo submarina realizaranse dentro do horario comprendido entre a saída e a posta do sol.

Artigo 9º.

Para a celebración de concursos, campionatos e competicións deportivas de pesca recreativa, deberase solicitar autorización, empregando o modelo do anexo V, nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a correspondente autorización cun mes de antelación. Na dita solicitude faranse constar, como mínimo: día, hora, modalidade, duración, plano da situación da zona e normativa específica que rexerá o concurso ou campionato, así como o número previsto de participantes.

En todo caso, os organizadores deberán garanti-lo seu correcto desenvolvemento, facéndose responsables dos danos que se puidesen ocasionar por incumprimento das condicións establecidas na autorización.

Artigo 10º.

Para a práctica da pesca de recreo submarina decláranse no anexo III as zonas do litoral prohibidas ou reservadas.

Artigo 11º.

A práctica da pesca de recreo submarina e a inmersión nas zonas definidas como reservadas no anexo III deberá notificárselle á delegación territorial correspondente, polo menos con tres días hábiles de anticipación. As delegacións comunicaránllelo ás confrarías do seu ámbito territorial correspondente.

Artigo 12º.

1. As notificacións a que se refire o artigo 11 da presente orde, axustaranse ó modelo recollido como anexo IV, e presentaranse no rexistro da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Igualmente, aceptarase a notificación practicada mediante fax.

2. A práctica das notificacións realizarase cunha anticipación mínima de 3 días hábiles, e máxima de 15 días hábiles.

3. Con carácter xeral, a validez das notificacións será dunha semana, agás no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, no que terán validez quincenal.

4. As delegacións deberanlles comunicar ás confrarías das zonas correspondentes as notificacións, e, ademais, á Subdirección Xeral de Pesca e Protección dos Recursos e ó posto da Garda Civil da zona.

Artigo 13º.

1. As persoas que foran realizar inmersións nas zonas definidas como prohibidas no anexo III deberán solicitar autorización, empregando o modelo recollido como anexo V, polo menos, con quince días hábiles de anticipación, á correspondente delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. A resolución de autorización notificarase ó solicitante, así como ás confrarías da zona correspondente, á Subdirección Xeral de Pesca e Protección de Recursos e ó posto da Garda Civil da zona.

Disposición transitoria

As licencias expedidas con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 211/1999, do 17 de xuño, manterán a súa validez ata o remate do seu período de renovación. Posteriormente, procederá a súa renovación conforme o prevido no artigo 4º da presente orde. Para tal efecto, a licencia para a práctica da pesca de recreo desde terra ou embarcación renovarase como licencia de pesca marítima de recreo en superficie, e a licencia para a práctica da pesca submarina como licencia de pesca de recreo submarina.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO III

Zonas do litoral nas que está prohibida a práctica da pesca marítima de recreo submarina

En tódalas rías, por dentro das liñas definidas no anexo II do Decreto 369/1994, do 2 de decembro, polo que se modifica o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

Provincia de Lugo: illas Coelleiras, Farallóns e Ansarón (a menos de 250 metros destas).

Provincia da Coruña: illote dos Aguillóns, illas Sisargas, Lobeiras, Miñarzos, As Basoñas, Sagres e illotes (a menos de 250 metros destas), Sálvora e illotes (a menos de 250 metros destas).

Provincia de Pontevedra: illas Cíes (incluída illa Agoeiro), illa de Ons cara ó exterior, desde a punta do Centolo á punta Fedorente, illa de Onza (a menos de 250 metros destas).

Zonas do litoral reservadas, nas que é preciso notifica-la práctica da pesca marítima de recreo submarina:

Provincia de Lugo:

-De illa Pancha á punta Corbeira.

-De cabo Morás á punta Faro.

-Da praia Teixoso á punta Chileiteira.

Provincia da Coruña:

-De cabo de Bares á punta de Estaca de Bares.

-De punta Ortabade á punta do Cadro.

-De cabo Santo Adrián á punta do Roncudo.

-De punta do Boi a cabo Vilán e illotes.

-As Cagadas.

-Punta Capelo.

-Punta Pedras Negras - A Redonda (illotes).

-De punta Laxe Brava a Insua Corgo.

-De Portiño á punta Praseu.

-De punta Graña (O Testo) a punta Couso.

-Pedra da Barqueira ás Forcadiñas.

-Vionta, Noro e illotes que as rodean.