Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 13 de agosto de 1999 Páx. 10.224

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 6 de agosto de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións ós taxistas galegos para a instalación de sistema de seguimento, localización e outros elementos de seguridade.

Os profesionais dos vehículos destinados a servicios de taxi veñen soportando de forma continuada actos de delincuentes que, en moitos dos casos, son extremadamente perigosos e que lle custaron a vida a algúns destes profesionais, polo que a sociedade galega está moi sensibilizada ante a demanda de novas medidas de seguridade para os vehículos deste sector.

Consciente da importancia que ten a seguridade neste sector, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 25-6-1999, aprobou o acordo de colaboración entre as Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; Industria e Comercio, e Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o financiamento de subvencións encamiñadas á xestión, seguimento e localización de alarmas e urxencias en unidades móbiles, para que sexa a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a que regule esta orde de subvencións e acórdase con posterioridade incluír outros sistemas de seguridade que se fagan eco das inquedanzas do sector do taxi.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo realizou diversas experiencias que demostran a importancia de que os vehículos destinados a servicios de taxis galegos dispoñan dun sistema de comunicación para a activación de alarmas remotas e a súa localización xeográfica por unidades de vixilancia, que permitirá solventar con maior rapidez e eficacia o problema detectado, así como outros sistemas de seguridade para ofrecer maiores garantías de asistencia urxente a estes profesionais no desempeño da súa actividade.

As consellerías de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de Industria e Comercio contribúen ó financiamento mediante achega de fondos á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, decidíndose no devandito acordo encomendar a esta última a xestión desta orde de subvencións.

Polo disposto e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca subvencións para a dotación de equipos de seguimento, localización e outros mecanismos e sistemas de seguridade de taxis que dispoñan de licencia vixente expedida polos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o límite do 50% do prezo dos equipos.

Artigo 2º

O obxecto das subvencións é facilita-la instalación en tódolos taxis galegos de sistemas que resulten eficaces en consideración ás tecnoloxías que incorporan e que contribúan ó incremento da seguridade no seu traballo profesional.

Artigo 3º

Terán dereito a estas subvencións tódolos patronos de taxis por cada licencia expedida polos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Soamente devengará axuda un único sistema de seguridade que se instalará nos taxis. O peticionario deberá facer constar na solicitude cál é o sistema de seguridade elixido.

As solicitudes de subvención serán formuladas polo titular da licencia de taxi, segundo o modelo que se xunta como anexo a esta orde, e a ela uniranse os siguientes documentos:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada da licencia de taxi.

-Certificación de non tener débedas coa Seguridad Social, coa Axencia Tributaria e coa Comunidade Autónoma.

-Fotocopia compulsada do recibo do IAE.

-Permiso de circulación en fotocopia compulsada.

-Marca e modelo do sistema elixido polo interesado con factura pro forma do provedor.

-Certificado de homologación do sistema de seguridade.

-Certificado acreditativo das condicións de funcionamento e mantemento do servicio por parte da empresa instaladora.

As peticións de subvención presentaranse ata o 15 de outubro de 1999 no modelo que se xunta a esta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (edificio administrativo nº 3, San Caetano s/n, Santiago de Compostela), ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados emendarán os efectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992.

Artigo 4º

Para a valoración das peticións crearase unha comisión presidida polo secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e da que formarán parte un representante das consellerías de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e de Industria e Comercio, así como os funcionarios e asesores que se considere necesario.

A resolución da concesión de subvencións será adoptada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo máximo de 30 días desde o remate do prazo de admisión de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada polo silencio administrativo, podendo interporse recurso de reposición potestativo previo ó recurso contencioso-administrativo.

Artigo 5º

Esta subvención será compatible cos que poidan concede-los concellos que lles expediron a licencia ós taxistas, de tal xeito que en ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolve-lo beneficiario, segundo se dispón no artigo 81.8º do texto refundido da Lei xeral orzamentaria, aprobada por Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro.

As solicitudes de axuda que reúnan tódolos requisitos e que non resulten beneficiarias pasarán a ser consideradas na seguinte convocatoria de axudas, logo de confirmación do mantemento da solicitude polo interesado.

Artigo 6º

O beneficiario da subvención estará obrigado a comunicar á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo se solicitou ou obtivo subvencións e axudas para a mesma finalidade doutras administracións públicas.

Artigo 7º

Unha vez comunicada a subvención concedida, o interesado disporá dun prazo de quince días para proceder á instalación dos equipos e presentar ante a consellería o correspondente certificado da empresa instaladora, factura de pagamento dos equipos e certificado de titularidade da conta bancaria na que se ingresará a subvención, trala conformidade da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 8º

Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar en modo ningún a finalidade delas, para o cal a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos fundamento da concesión.

O incumprimento de calquera das obrigacións mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 9º

As subvencións que se concedan na execución desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 10.04.361A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, nos que existe un crédito para este efecto de 70.000.000 de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos nesta orde haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo