Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 06 de agosto de 1999 Páx. 10.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de xullo de 1999 pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos do plan autonómico de formación de formadores de formación profesional ocupacional de 1999, na súa modalidade a distancia.

Segundo dispón o artigo 7 do Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o plan autonómico

de formación de formadores de formación profesional ocupacional na programación de cursos de formación ocupacional correspondente ó ano 2000, a posesión do diploma acreditativo de ter realizado algún dos cursos previstos no mesmo será requisito imprescindible para a súa impartición.

O artigo 2 do antedito Decreto 424/1996, do 21 de novembro, establece a posibilidade de realiza-los cursos clasificados como formación básica na modalidade a distancia para aqueles profesionais que se vexan imposibilitados para asistir ós cursos presenciais.

A intención de levar a cabo unha programación de formación de formadores nesta modalidade xa se manifestou na Orde do 1 de decembro de 1998, pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos do plan autonómico de formación de formadores de formación profesional de 1999.

Por outra banda, dado que existe un número importante de profesionais que realizaron cursos de formación de formadores, metodoloxía didáctica ou calquera outro de contido semellante, impartidos polo Instituto Nacional de Emprego dunha duración de 100 horas e, tendo en conta que o devandito decreto esixe que a formación básica se adquira a través dun curso de 150 horas lectivas de duración, para solucionar esta situación ofértase unha programación consistente nun curso específico de 50 horas a distancia, dirixido unicamente a este colectivo.

En cumprimento daquel mandato regulamentario procédese agora á publicación no Diario Oficial de Galicia da programación de cursos de cada provincia na modalidade a distancia e á apertura da convocatoria pública para a presentación das socilitudes para participar neles, así como a normalización do modelo que se vai utilizar. Ademais é o propio decreto o que remite a unha orde o establecemento dos requisitos e criterios que hai que ter en conta para a selección dos asistentes a estes cursos.

Consecuentemente, con base en todo o anterior, consultado o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento dos requisitos, condicións e criterios polos que se establece esta convocatoria de curso de metodoloxía didáctica a distancia, así como determinar cáles son os cursos ofertados e os lugares de impartición das titorías permanentes e clases presenciais, que serán os publicados como anexo I á presente orde.

2. O plan autonómico de formación de formadores consiste nun conxunto de accións formativas tendentes a capacitar para programar, impartir e avaliar cursos de formación ocupacional ós diferentes profesionais que participan nos plans de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller

e Xuventude. Estas poden ser básicas ou complementarias e, dentro da formación básica, regúlase a posibilidade de facer accións a distancia.

3. As accións formativas a distancia terán unha duración de 150 horas das que tan só 25 serán presenciais para prácticas docentes.

4. Prográmase tamén un curso específico de 50 horas para que aqueles profesionais que acrediten ter realizado algún curso de formación de formadores, metodoloxía didáctica ou calquera outro de contido semellante, calquera que sexa a súa denominación, impartido polo Instituto Nacional de Emprego, de 100 horas de duración, co fin de que poidan acada-la formación básica de 150 horas, sempre que cumpran cos requisitos establecidos no artigo cuarto da presente orde.

Artigo 2º.-Convocatoria.

A programación recollida no anexo I da presente orde poderá modificarse, á vista das solicitudes presentadas, por resolución dos respectivos/as delegados/as provinciais. Estas modificacións, como mínimo, deberán ser expostas nos tabolerios de anuncios das delegacións provinciais desta consellería.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Os interesados en participar nestas accións formativas deberán presenta-la solicitude en modelo normalizado que se publica como anexo II á presente orde, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia da súa residencia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Coa solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos sinalados no artigo seguinte. Nela, o solicitante indicará se dispón dun equipo informático, coas características sinaladas na propia solicitude.

3. As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 4º.-Requisitos e criterios de selección de alumnos.

1. Para poder acceder a esta programación, será requisito indespensable atoparse en situación de alta laboral, acreditada mediante certificación de vida laboral. Así mesmo será necesario reuni-los requisitos seguintes:

1.1 a) Requisitos de titulación.

Estar en posesión da titulación académica esixida nos correspondentes programas validados polo Consello Xeral de Formación Profesional ou, en caso de non existiren os anteditos programas, como mínimo, capacitación profesional equivalente na ocupación relacionada co curso.

1.1 b) Requisitos de experiencia profesional.

-Te-la experiencia profesional esixida nos correspondentes programas validados polo Consello Xeral de Formación Profesional ou, en caso de non existiren os ante

ditos programas, tres anos de experiencia profesional na especialidade/s nas que o aspirante imparta ou vaia impartir cursos. Esta experiencia acreditarase mediante certificación oficial da vida laboral acompañada de copia do contrato ou de certificado de empresa que describa as tarefas realizadas.

-Ou ben pertencer ó catálogo de expertos vixente ou impartir algún curso do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP).

2. Co fin de establece-la orde de prelación dos candidatos, valoraranse os seguintes méritos:

a) Pertencer ó católogo de expertos.

b) A experiencia profesional durante os últimos dez anos na especialidade ou especialidades nas que o aspirante imparte ou pretenda impartir cursos, valorándose con tres puntos cada ano acreditado na forma prevista no parágrafo primeiro.

c) A impartición de cursos de formación ocupacional, valorándose por cada cincuenta horas impartidas un punto se o curso e do Plan FIP, e medio punto nos restantes cursos de formación profesional, acreditada a través de certificación do responsable das entidades impartidoras.

d) En caso de empate, terán preferencia os aspirantes que obteñan maior puntuación de acordo co previsto no apartado c).

Artigo 5º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Os alumnos participantes nas accións formativas gozarán da gratuidade da formación.

2. Terán a obriga de asistir ás clases presenciais e seguir con aproveitamento o curso e facilita-los productos finais del.

3. Os que rematen os cursos con aproveitamento recibirán un diploma oficial, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, acreditativo da súa realización.

4. Os alumnos que non tivesen dereito ó diploma poderán recibir, se así o solicitan, unha certificación polas horas e módulos ós que asistiron.

Esta certificación non eximirá da realización dos módulos ós que faga referencia no caso de que o alumno sexa seleccionado de novo para realizar un curso dos aquí descritos.

Artigo 6º.-Resolución.

A resolución das solicitudes corresponderalle ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, debéndose producir no prazo dun mes desde o remate do prazo sinalado no artigo 3º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude