Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 27 de xullo de 1999 Páx. 9.651

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 5 de xullo de 1999 pola que se convoca o Premio Medio Ambiente de Galicia 1999 na modalidade de narrativa curta.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro, no artigo 7, punto 2º.1, realizará as funcións relativas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental. Estas funcións desenvólvense mediante diversos plans, entre os que destaca o Plan de Difusión Ambiental.

A creación literaria é un medio de grande impacto social para a expresión e transmisión de valores sociais, como son os ambientais. Tamén é un importante instrumento para a difusión de mensaxes relacionadas coa necesaria harmonía entre as actividades humanas e o ambiente de cara ó desenvolvemento sostible.

Por todo isto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la primeira edición do Premio Medio Ambiente de Galicia na modalidade de narrativa curta.

Artigo 2º.-Premios e categorías.

1. Concederanse os seguintes premios:

-Primeiro premio dotado con cincocentas mil pesetas (500.000 ptas., 3005,06 euros).

-Segundo premio dotado con duascentas cincuenta mil pesetas (250.000 ptas., 1.502,53 euros).

-Terceiro premio dotado con duascentas cincuenta mil pesetas (250.000 ptas., 1.502,53 euros).

2. Os pagamentos dos premios faranse con cargo ó concepto 15.04.342A.640.1 do orzamento vixente. En tódolos casos estarán suxeitas ás retencións fiscais correspondentes.

Artigo 3º.-Participación.

1. Poderán participar todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme a normativa vixente.

2. Os traballos literarios serán individuais. Cada autor/a poderá concursar cunha soa obra.

3. As obras deberán tratar substancialmente algúns aspectos do ambiente no sentido de expresar, exaltar ou promove-los valores ambientais.

Artigo 4º.-Presentación e prazos.

1. Os participantes enviarán os traballos á Consellería de Medio Ambiente, Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, departamento de Educación e Información Ambiental. R/ Os Basquiños, 2, 15771 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel tamaño DIN A4, mecanografados a dobre espacio.

3. A extensión das obras non será inferior a quince (15) páxinas nin superior a trinta (30).

4. As obras presentaranse baixo lema ou pseudónimo. Irán acompañadas dun sobre pechado no que se indicará «para o Premio Medio Ambiente de Galicia modalidade de narrativa curta» e que conterá os seguintes datos:

-Lema ou pseudónimo.

-Título da obra.

-Nome e apelidos do autor/a.

-Domicilio e teléfono.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Breve currículo do autor/a.

-Declaración asinada polo autor na que faga constar que a obra é orixinal e a data de realización.

5. A omisión ou falsidade de calquera dato suporá a exclusión do participante.

6. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de setembro de 1999.

Artigo 5º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoa en quen delegue.

Vocais: tres especialistas en literatura designados polo conselleiro de Medio Ambiente.

Secretario, con voz e sen voto: un membro do departamento de Educación e Información Ambiental.

2. O xurado acordará a concesión dos premios. O seu acordo porá fin a vía administrativa, podendo declarar deserta, total ou parcialmente, a súa concesión.

3. A Consellería de Medio Ambiente comunicará o acordo de concesión dos premios a cada un dos premiados.

4. Os traballos premiados non lles serán devoltos ós seus autores. A Consellería de Medio Ambiente reserva para si o dereito a proceder á súa publicación en tódalas linguas do Estado español coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. Poderá publicar estas obras sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os beneficiarios dos premios comprométense a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos.

5. Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores no prazo que se indicará, despois da decisión do xurado, no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente. Os que non se retiren serán destruídos.

6. A participación nesta convocatoria supón a aceptación das normas contidas nestas bases e as decisións do xurado que se designe.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente