Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 27 de xullo de 1999 Páx. 9.642

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta asinada pola comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral da Deputación Provincial da Coruña, para a modificación do convenio colectivo.

Visto o texto da acta asinada o día 25 de maio de 1999 pola comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral da Deputación Provincial da Coruña, integrada polos representantes da corporación e do comité de empresa e aprobada en sesión plenaria da corporación o día 28 de maio de 1999, mediante o que se acorda a modificación do convenio colectivo, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 17 de xuño de 1999.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Na deputación provincial e sendo as 9 horas do día 25 de maio de 1999 reúnese a comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral integrada polos membros que figuran a seguir:

Preside: Manuel Varela Rey.

Por parte da corporación:

Antonio Gómez Vázquez.

José Luis Fernández Mouriño.

Por parte do comité de empresa:

Juan Pájaro Hermo.

Jesús Vázquez Fermoso.

José Zapata Roel.

Jaime Ares Castro.

José A. Corral Vilela.

Andrés Couso Gómez.

Antonio Gómez Charlín.

Esther Busto Gerpe.

Actúa de secretaria: Ana Mª Marcos García.

A comisión propón modifica-los artigos que figuran a seguir do vixente convenio colectivo do persoal laboral:

Artigo 9º

1. As vacacións anuais, dun mes ou trinta días naturais, poderán desfrutarse, por solicitude do traballador, durante todo o ano en períodos mínimos de sete días naturais consecutivos, sempre que os correspondentes períodos de vacacións sexan compatibles coas necesidades do servicio.

Nos servicios onde poida producirse colisión de intereses respecto ó desfrute de vacacións, iniciaranse quendas rotativas.

6. Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas públicas, coa excepción dos servicios de información e rexistro xeral.

Artigo 10º

Establécese por cada dez anos de servicios prestados ininterrompidamente en centros dependentes da deputación o dereito ó desfrute dunha semana adicional de vacacións, tendo en conta as necesidades do servicio.

Artigo 20.6º

«As vacantes que se convoquen comunicaránselle con antelación á súa publicación ó comité de empresa».

Artigo 28º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias que deban realizarse fóra da xornada normal establecida, en ningún caso terán o carácter de periódicas e fixas, deberán ser previamente propostas polo xefe da unidade e aprobados pola presidencia da corporación, agás supostos de recoñecida urxencia.

Terán tal consideración de horas extraordinarias fóra da xornada laboral aquelas horas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

2. O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 ó ano. Para os traballadores que por calquera causa realizasen unha xornada en cómputo anual inferior á xornada normal, o número máximo anual de tales horas reducirase na mesma proporción que exista entre tales xornadas.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, non se computarán as horas extraordinarias que fosen compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

3. A realización de horas extraordinarias será voluntaria, agás en casos de recoñecida urxencia que deberá ser motivada.

4. Entenderanse horas nocturnas as abranguidas entre as dez da noite e as seis da mañá, e terán a consideración de festivos, ademais dos domingos e os fixados como tales no calendario oficial de festas, os sábados desde as catorce horas.

5. As horas extraordinarias compensaranse cun incremento do 75% sobre a hora normal de traballo, ben no tempo de descanso compensatorio ou ben nas retribucións segundo o caso. No suposto de horas extraordinarias nocturnas e festivas o incremento será do 100%.

6. Para efectos de cuantificación económica do valor da hora extraordinaria, o valor-hora normal ano calcularase dividindo a retribución total anual do posto de traballo que desempeñe cada traballador, entre o número total de horas laborais dese ano.

7. Como norma xeral, as horas extraordinarias compensaranse mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

8. A deputación queda obrigada a facilitarlle mensualmente ó comité de empresa relación nominal das horas extraordinarias realizadas e cantidades percibidas por cada un.

Artigo 30º

1. O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio sen cambio de residencia, e dous días se se tratase de localidade distinta.

d) Por tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, que abranguerá o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Por tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

g) Por asuntos propios poderá concederse licencia sen retribución dunha duración acumulada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos, subordinándose a concesión ás necesidades do traballo.

h) Ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como a unha preferencia para elixir quenda de traballo, se tal é o réxime instaurado no centro, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

i) Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

2. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en 1 hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ambos traballen.

3. Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

4. Durante o ano, os empregados públicos terán dereito a desfrutar ata nove días de permiso por asuntos particulares, sen prexuízo da concesión dos restantes permisos e licencias establecidos na normativa vixente. Tales días non poderán acumularse, en ningún caso, ós períodos de vacacións anuais. O persoal poderá distribuír eses días á súa conveniencia, logo de autorización dos seus superiores, que se comunicarán coa unidade de persoal, respectando sempre as necesidades do servicio. Cando por estas razóns non sexa posible desfrutar do mencionado permiso antes de remata-lo mes de decembro, poderá concederse nos primeiros vinte días de xaneiro seguinte.

En caso de coincidir días de vacacións con días de asuntos propios, terá preferencia o persoal que dispoña de días de vacacións sen desfrutar.

5. Calquera resolución negativa dos permisos ou licencias deberá ser debidamente motivada.

Artigo 31º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade na súa vixencia, concederase pola designación ou elección para

un cargo público que imposibilite o traballo. O ingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a un ano e non maior a dez anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza coma por adopción, contados desde a data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se estivese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido este prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo ou categoría equivalente.

4. Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

6. A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se prevexan.

Artigo 32º.-Suspensión do contrato de traballo.

1. O contrato de traballo poderá suspenderse polas seguintes causas:

a) Mutuo acordo das partes.

b) As consignadas validamente no contrato.

c) Incapacidade temporal dos traballadores.

d) Maternidade da muller traballadora e adopción ou acollemento de menores de cinco anos.

e) Cumprimento do servicio militar ou da prestación social substitutoria.

f) Exercicio de cargo público representativo.

g) Privación de liberdade do traballador, mentres non exista sentencia condenatoria.

h) Suspensión de soldo e emprego, por razóns disciplinarias.

i) Excedencia forzosa.

j) Polo exercicio do dereito de folga.

2. A suspensión exonera das obrigas recíprocas de traballar e remunera-lo traballo.

Suspensión con reserva de posto de traballo.

a) No suposto de incapacidade temporal, producida a extinción desa situación con declaración de invalidez permanente nos graos de incapacidade permanente total para a profesión habitual, absoluta para todo traballo ou grande invalidez, cando, a xuízo do órgano de cualificación, a situación de incapacidade do traballador vaia ser previsiblemente obxecto de revisión por melloría que permita a súa reincorporación ó posto de traballo, subsistirá a suspensión da relación laboral, con reserva do posto de traballo, durante un período de dous anos contados desde a data da resolución pola que se declare a invalidez permanente.

b) Nos supostos de suspensión por prestación do servicio militar ou prestación social substitutoria, exercicio de cargo público representativo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, o traballador deberá reincorporarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no servicio, cargo ou función.

c) No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de suspensión distribuirase segundo a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, e poderán facer uso destas o pai para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, agás que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de dezaseis semanas, contadas á elección do traballador, a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Se o fillo adoptado é maior de nove meses e menor de cinco anos, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Nos supostos de incapacidade temporal e de maternidade o traballador percibirá desde o primeiro día e ata o final de tal situación o 100% de tódalas retribucións totais que lle corresponderían no caso de prestación efectiva do servicio.

O persoal con 40 anos de servicio poderá acollerse á xubilación sempre que teña os períodos mínimos de cotización de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 53.6º

Para a concesión dun novo anticipo, será necesario informe da Intervención, no que se fará constar que o anterior foi totalmente cancelado, podendo facerse a cancelación por compensación coa cantidade concedida. O persoal está obrigado a reintegra-la cantidade pendente do anticipo concedido nos supostos do pase á situación de excedencia voluntaria ou servicios especiais.

Artigo 58º.-Productividade adicional.

O presidente da corporación poderá asignar, dentro dos límites da cantidade que para tal efecto se consigne no orzamento da corporación, un complemento de productividade en función das circunstancias obxectivas relacionadas directamente co desempeño do posto de traballo e obxectivos asignados a este, para efectos de retribuí-lo especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese e iniciativa cos que o traballador desempeña este posto, posibilitándose a realización da actividade extraordinaria a tódolos traballadores da mesma categoría.

As contías asignadas por complemento de productividade mediante resolución presidencial non orixinarán ningún tipo de dereito individual respecto ás valoracións ou apreciacións correspondentes a períodos sucesivos.

Con carácter xeral, as resolucións presidenciais en materia de productividade terán eficacia obrigatoria durante o ano en que fosen dictadas.

Limitarase o desenvolvemento desta actividade extraordinaria a un só exercicio.

Disposición adicional

O complemento de productividade adicional poderá concederse con efectos retroactivos polos traballos realizados nos anos 1998 e 1999.