Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 27 de xullo de 1999 Páx. 9.633

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 218/1999, do 15 de xullo, polo que se modifica o Decreto 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O Decreto 109/1998, do 5 de marzo, establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sinalando no seu artigo 2 os órganos nos que se estructura.

O artigo 5 da dita disposición regula as competencias da Dirección Xeral de Recursos Mariños e as unidades das que o dito órgano dispón para o seu exercicio.

As inaprazables e crecentes necesidades de actuación en ámbitos como o control e a mellora sobre o medio mariño; o control, seguimento e avaliación dos caladoiros pesqueiros e dos bancos marisqueiros; a mellora da productividade, e o control da aplicación da normativa comunitaria sobre calidade das zonas e instalacións de producción, así como das regulamentacións técnico-sanitarias aplicables ós recursos mariños e ós productos da acuicultura; necesidades derivadas da normativa da U.E. e das demandas sectoriais e confirmadas, obxectivamente, polos datos estatísticos e científicos dispoñibles, levan consigo un incremento e diversificación importante das actividades xestionadas pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Así, como consecuencia da actuación nos referidos ámbitos, estanse a realizar experiencias e traballos novidosos como, a modo de exemplo, as accións dirixidas á realización do inventario, caracterización e seguimento dos vertidos nocivos, á avaliación dos caladoiros pesqueiros, ou ó fomento dos cultivos mariños en zonas intermareais.

Esta diversificación da acción administrativa obriga a unha reformulación do reparto das funcións atribuídas ás diferentes unidades administrativas afectadas, na procura da meirande eficiencia, sen esquece-lo necesario equilibrio orgánico.

Ademais, faise inaprazable a diversificación das áreas de actuación do Servicio de Protección de Recursos (creado pola Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, artigo 89), para evitar que todas elas resulten residenciadas na subdirección xeral, unidade que soporta unha excesiva carga de tarefas, extremo ratificado polas avaliacións do rendemento.

Doutra banda, o artigo 7 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, establece as competencias da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación e as unidades nas que se estructura para o seu exercicio.

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da

investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998, aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas tecnolóxicos sectoriais figura o Programa de Investigación Mariña. A xestión deste programa está encomendada á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en concreto á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, de acordo co disposto no artigo 7 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo.

A aprobación do citado Plan Galego de IDT 1999-2001, co Programa de Investigación Mariña nel incluído, deriva en novas esixencias para a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que aconsellan a reordenación das súas estructuras administrativas e a reestructuración e planificación dos seus centros de investigación.

En consecuencia, e por todo o exposto, resulta adecuado proceder á reforma do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O punto 2.2.2. do artigo 4 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, que establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, queda redactado como segue:

2.2.2. Servicio de Relacións coas Organizacións Profesionais.

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás confrarías de pescadores, organizacións de productores de pesca e demais asociacións relacionadas co sector, así como as actuacións destinadas á mellora dos equipamentos pesqueiros básicos dos portos galegos.

-Recibir información das actividades das confrarías de pescadores.

-Solicitar das confrarías a aportación de datos relativos á actividade pesqueira e marisqueira.

-Asesoramento ás confrarías en materia de eleccións.

-Coordina-las actividades dos funcionarios da escala de confrarías.

-Servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

Artigo 2º

O artigo 5 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, que establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, queda redactado como segue:

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Recursos Mariños as competencias sobre ordenación pesqueira, tanto de carácter profesional como recreativo; ordenación e fomento do marisqueo e da acuicultura mariña; establecemento das condicións para o exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura mariña; protección, mellora e explotación equilibrada dos recursos naturais do medio mariño; así como a inspección, vixilancia e control sobre os recursos mariños e a colaboración en materia de salvamento.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1.1. Subdirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura.

Correspóndelle:

-A programación e o seguimento das actuacións en materia de ordenación e fomento do marisqueo e da acuicultura mariña.

-A aplicación da normativa sobre actividades marisqueiras e de acuicultura mariña.

-A programación e o seguimento das actuacións en materia de mellora e explotación equilibrada dos recursos mariños e da acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1.1.1. Servicio de Marisqueo.

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo.

-A aplicación da normativa sobre o marisqueo e zonas de explotación.

-A xestión dos plans de explotación marisqueira.

-A coordinación, execución e control das actuacións relacionadas coa prevención e loita contra as

patoloxías dos moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.1.2. Servicio de Acuicultura.

Correspóndelle, en relación coa acuicultura mariña:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para actividades de acuicultura.

-A aplicación de normativa sobre establecementos de acuicultura.

-A coordinación, execución e control das actuacións en materia de desenvolvemento e ordenación da acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.1.3. Servicio de Asesoría Técnica.

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás unidades da Dirección Xeral de Recursos Mariños en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, medio mariño e zonas e instalacións de producción.

-A coordinación, execución, control e avaliación de plans piloto de pesca e marisqueo.

-A realización de informes, estudios e proxectos sobre pesca, marisqueo e acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.2. Subdirección Xeral de Pesca e Protección de Recursos.

Correspóndelle:

-A programación e o seguimento das actuacións en materia de ordenación pesqueira.

-A programación e o control das accións de vixilancia e inspección, tanto no sector extractivo coma nos centros de comercialización e establecementos de producción, transformación e consumo, así como no transporte dos productos.

-A colaboración nas actividades de salvamento marítimo e loita contra a contaminación no mar.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1.2.1. Servicio de Pesca.

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional coma recreativa.

-A aplicación da normativa sobre a actividade pesqueira.

-A xestión dos plans de explotación pesqueira.

-A coordinación, execución e control das actuacións en materia de ordenación pesqueira.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.2.2. Servicio de Vixilancia e Inspección.

Correspóndelle:

-A coordinación, organización e o seguimento dos medios materiais e persoais do Servicio de Protección de Recursos.

-O control dos partes, actas, informes, incidentes e demais actuacións do Servicio de Protección de Recursos.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.3. Centro de Control de Calidade do Medio Mariño.

Dependendo da Dirección Xeral de Recursos Mariños e con rango de servicio, exercerá as funcións relativas á aplicación da normativa sobre calidade das augas e da producción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura e, particularmente, as referidas ó control das condicións oceanográficas e fitoplancto, de biotoxinas mariñas, de contaminación química e de microbioloxía e patoloxía, tanto no referido ós productos coma ás zonas de producción.

Artigo 3º

O punto 1.1.2. do artigo 6 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, que establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, queda redactado como segue:

1.1.2. Servicio de Comercialización e Infraestructura.

Correspóndelle:

-A xestión das diferentes liñas de axudas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos productos da pesca e da acuicultura.

-As accións destinadas a mellora-los equipamentos pesqueiros na transformación, conservación e comercialización dos productos mariños.

-A regulación dos mercados pesqueiros e a promoción dos productos mariños.

-A xestión do rexistro oficial de industrias halioalimentarias situadas en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Artigo 4º

O punto 1.3º do artigo 7 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, que establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, queda redactado como segue:

1.3. Servicio de Apoio á Investigación e Divulgación Científica.

Correspóndelle:

-O apoio á xestión do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) así como a calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña en Galicia.

-A divulgación da actividade científica realizada e os resultados de interese obtidos para o sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

-A publicación dos traballos de investigación máis relevantes.

-A coordinación e o seguimento das actividades de cooperación interinstitucional e co exterior.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 5º

Engádese no artigo 7 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura o seguinte punto:

1.4. Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

Dependendo da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación e con rango de servicio, exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía. O CIMA está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova, o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e o Centro de Experimentación en Acuicultura de Couso-Aguiño.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión das infraestructuras e dos medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña.

-A tramitación dos expedientes de gasto de investimentos e axudas.

-A xestión e o control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación.

-O fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 6º

O punto 2 do artigo 7 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, queda redactado como segue:

2. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación os institutos de educación secundaria:

-Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

-Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

Artigo 7º

O punto 5.2 do artigo 8 do Decreto 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, queda redactado como segue:

5.2. Servicio de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de traballo de libre designación, ou a adscribilos con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel, se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún suposto poida significa-la readscrición ou adscrición cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de

traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura