Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 23 de xullo de 1999 Páx. 9.558

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 7 de xullo de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Ramón María del Valle-Inclán e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ramón María del Valle-Inclán, con domicilio na rúa de San Miguel nº 5-2º Dta., Santiago de Compostela.

Supostos de feito

Primeiro.-Benito Varela Jácome, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do vintenove

de xullo de mil novecentos noventa e sete, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día catro de xullo de mil novecentos noventa e sete, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Manuel Peregil Cambón, co número mil cento noventa e cinco do seu protocolo, por Benito Varela Jácome, Francisco Javier Serrano Alonso, Alejandro Allegue Otero, Gerardo Pardo de Vera Díaz, María de los Desamparados de Juan Bolufer, Santos Oujo Bello, María Concepción Bárcena Varela de Limia, que interveñen no seu propio nome e dereito e, ademais, Gerardo Pardo de Vera Díaz en nome e representación de Juan José Moralejo Álvarez, Enrique Antonio Gómez-Reino Carnota, José Antonio Ponte Far, Raimundo García Domínguez, Benito Leiro Conde e Margarita Santos Zas; esta escritura foi emendada por outra posterior con data do oito de setembro de 1997 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Domingo Enrique Gutiérrez Aller, co número mil catrocentos cincuenta e seis do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Ramón María del Valle-Inclán, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 5 de novembro de 1997 (DOG do 11 de novembro) clasificouse como de interese cultural a Fundación Ramón María del Valle-Inclán, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é recompilar, estudiar e divulga-la obra literaria, cultural e mesmo humana de Ramón María del Valle-Inclán, así como crea-la Ruta Valle-Inclán de interese cultural e turístico que abranguerá, incialmente, os seguintes concellos: Vilanova de Arousa, Pontevedra, A Pobra do Caramiñal, Cambados e Santiago de Compostela.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que

consta a denominación da fundación como Fundación Ramón María del Valle-Inclán, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

A composición do padroado da fundación está regulada no artigo 10 dos seus estatutos.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3ºa) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ramón María del Valle-Inclán, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Ramón María del Valle-Inclán.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo