Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 20 de xullo de 1999 Páx. 9.395

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV subestación de Albarellos-parque eólico de Cando, nos termos municipais de Boborás, Beariz e Leiro (Ourense) e Forcarei (Pontevedra).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Gamesa Promoción Eólica, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. do Cruceiro da Coruña, nº 201-A, 15705 Santiago de Compostela, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 3 de agosto de 1998 a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV desde a subestación de Albarellos, propiedade de Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. ata a subestación do parque eólico de Cando, discorrendo polos termos municipais de Boborás, Beariz e Leiro (Ourense) e Forcarei (Pontevedra); xuntan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión a 220 kV, con orixe no pórtico de saída do parque da central hidráulica de Albarellos e remate no pórtico da subestación do parque eólico de Cando, cunha lonxitude de 21.829 m, en circuíto simple de conductor LA-455 (CONDOR), con conductor de toma de terra e de fibra óptica de 126,46 mm de sección.

Segundo.-As delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Ourense e Pontevedra someteron o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública, sendo publicado no DOG do 26-10-1998, BOP de Ourense do 6-10-1998, BOP de Pontevedra do 3-11-1998, xornal El Correo Gallego do 27-10-1998, xornal El Faro de Vigo do 4-11-1998, en extracto no BOE do 21-11-1998, nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Boborás, Beariz, Leiro e Forcarei e nos das delegacións provinciais; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na devandita relación, agás aqueles titulares que, por seren descoñecidos ou de enderezo ignorado, se deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, de se-lo caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período no que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. Veciños de Garfián, Forxa e Candedo, do concello de Beariz, solicitan un cambio do trazado da liña polas repercusións que tería a afección a gran número de carballeiras; así mesmo, reclaman parte da titularidade da parcela nº 237, reflectida na relación de bens afectados como monte en man común Piñeiros.

2. Manuel Guerra Taboada, Benito Candedo Cerdeira, Bernardino Muradás Gulías, Preciosa Candedo Pérez, Manuel Muradás Candedo, Manuel, Jaime e José Guerra Candedo, Dositeo Táboas Mirón, María Candedo Pérez e o concello de Beariz solicitan a variación do trazado pola repercusión da liña eléctrica sobre as carballeiras existentes nos lugares de Bouza e Garfián.

3. María Luisa Sabucedo Congil, en representación de Francisco Valiñas Cerdeira, titular do predio nº 319, expón que o trazado da liña produce unha grande afección ó citado predio, dedicado ó cultivo de monte alto, polo que solicita a variación do trazado.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais solicitadas.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable das delegacións provinciais de Ourense e Pontevedra, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións previstas no artigo 25 nin conxuntamente as limitacións do artigo 26 do Decreto 2617/1966.

Quinto.-Con data do 9 de abril de 1999 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dictou resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente baseándose no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalaciones eléctrica, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo,

sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se toman en consideración as alegacións referidas á posible afección ó medio provocada polo predio, por non ser obxecto desa fase do expediente; non obstante, o proxecto técnico tramitado incorpora unha alternativa ó trazado entre os apoios 25 ó 35 como consecuencia do condicionado establecido na declaración de impacto ambiental anteriormente citada.

2. Con respecto á alegación dos veciños de Garfián sobre da titularidade da parcela 237, cabe indicar que da documentación presentada non se deduce que se producise o deslinde efectivo das parcelas tal e como aducen. Doutra parte, aínda que a totalidade do citado predio foi retirada do expediente expropiatorio por mutuo acordo cos titulares que constan no expediente, volverase incluír no procedemento expropiatorio a parte do predio correspondente á localidade de Garfián, entendéndose co Ministerio Fiscal o resto das actuacións ata que se resolva a titularidade.

3. Non se pode acepta-la variación proposta por María Luisa Sabucedo Congil, xa que non se cumpren conxuntamente as condicións do artigo 26 do Decreto 2619/1966, sendo, ademais, o custo desta variación moi superior ó 10% do orzamento correspondente ó predio en cuestión, segundo establece o apartado 3 do devandito artigo.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV desde a subestación de Albarellos ata o parque eólico de Cando, nos termos municipais de Boborás, Beariz e Leiro (Ourense) e Forcarei (Pontevedra).

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de urxente ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria