Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 09 de xullo de 1999 Páx. 8.943

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 24 de xuño de 1999 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de estudios e proxectos por parte dos concellos, para a constitución de mancomunidades de municipios e áreas metropolitanas.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, en cumprimento do establecido nos artigos 120 e 136 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, pretende colaborar cos concellos, para fomenta-la constitución de mancomunidades de municipios e áreas metropolitanas, co fin de favo

rece-lo asociacionismo municipal; regulando, por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas dedicadas á realización de estudios e proxectos necesarios para a constitución de mancomunidades e áreas metropolitanas. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva ós concellos de Galicia, destinadas á realización de estudios e proxectos que sexan necesarios para a constitución de mancomunidades e áreas metropolitanas a que se refiren os artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 02.13.123A.487.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, ata un límite de once millóns de pesetas (11.000.000 de ptas.).

Artigo 2º

A axuda económica que se conceda poderá acada-lo 100% do total do orzamento presentado.

Artigo 3º

1. Os que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello polo que se acorda realiza-lo/s proxecto/s ou estudio/s, así como as súas condicións e que se aceptan tódolos requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa do proxecto ou estudio de asociación en área metropolitana ou mancomunidade, incluíndo as determinacións previstas nos artigos 123 a 134, e no artigo 142 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, respectivamente.

c) Orzamento detallado do estudio ou proxecto.

3. A licitación, se é o caso, e adxudicación dos proxectos ou estudios será realizada polos concellos conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación.

Artigo 4º

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios:

a) Relación de obras, servicios ou actividades que desenvolverá a entidade.

b) A poboación e extensión dos termos municipais integrados.

Artigo 5º

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e redactarase o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 6º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, nun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán copia do proxecto ou estudio redactado, así como facturas orixinais do gasto por triplicado, así como acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, antes do 15 de outubro de 1999, inescusablemente.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Composta, 24 de xuño de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais