Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 08 de xullo de 1999 Páx. 8.899

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se convocan a concurso de traslado prazas vacantes de forensías e agrupacións de forensías para o corpo de médicos forenses.

De conformidade co establecido nos artigos 455 y 500.1º da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro que aproba o Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses e Real decreto 1619/1997, do 24 de outubro, polo que se modifica o Regulamento orgánico do corpo de médicos forenses, se anuncia concurso de traslado para a provisión entre tódolos funcionarios do corpo de médicos forenses das forensías ou agrupacións de forensías vacantes dos xulgados que no anexo se relacionan, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Postos que se poden solicitar e prazos de presentación de solicitudes.

1. Os funcionarios que desexen participar poderán solicitar calquera praza vacante do Estado relacionada nos anexos publicados á presente resolución, mediante unha única instancia ou solicitude, expresando os destinos ós que aspiren numerados correlativamente por orde de preferencia, con indicación da data de posesión do último destino.

2. Os funcionarios destinados definitivamente en forensías e agrupacións de forensías de Galicia, os que se atopen en situación de servicios especiais e excedentes por coidado de fillo durante o primeiro ano de excedencia que teñan reservado o posto de traballo, así como o resto de excedentes voluntarios por agrupación familiar ou por interese particular, ou os excedentes por maternidade a partir do primeiro ano que perderan a reserva do posto de traballo e os funcionarios doutros corpos ou doutras administracións que se atopen en excedencia por tal causa no corpo de médicos forenses, presentarán solicitude no prazo dez días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial do Estado dirixidas ó director xeral de Xustiza e Administración Local, debendo ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, r/ San Caetano, s/n, 15701 Santiago de Compostela.

3. As solicitudes poderán remitirse tamén na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse en calquera das dúas modalidades seguintes:

a) Por correo ordinario: neste caso haberá de ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais antes da data de remate do prazo de presentación de instancias.

b) Por correo certificado: neste suposto presentaranse nas oficinas de correos en sobre aberto para ser datadas e seladas polo funcionario de correos antes de ser remitidas. Os participantes no concurso deberán envia-la instancia que conteña o selo da oficina de correos, sen que se poida admitir, rematado o prazo de presentación de instancias, aquela que non cumpra este requisito, aínda que posteriormente se puidera acreditar tal extremo.

4. Os excedentes voluntarios por interese particular xuntarán á súa solicitude declaración de non teren sido separados de calquera das administracións públicas.

5. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante, aínda que soliciten prazas radicadas fóra desta Comunidade Autónoma que por tanto figuran nas convocatorias que simultaneamente a esta se realizan polo Ministerio de Xustiza e outros gobernos autónomos e se publican no Boletín Oficial do Estado e nos boletíns oficiais das comunidades autónomas respectivas.

6. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

Segunda.-Requisitos e condicións de participación.

1. Os funcionarios do corpo de médicos forenses só poderán participar se na data de remate do prazo de presentación de instancias trancorreran dous anos desde a toma de posesión no seu actual destino.

2. Os funcionarios que se atopen nas situacións de excedencia voluntaria establecidas nos artigos 61 e 62 do Real decreto 296/1996, (excedencias por interese particular e por agrupación familiar), só poderían participar no concurso se na data de remate do prazo de presentación de solicitudes transcorreran máis de 2 anos desde que foran declarados nesa situación.

3. Os funcionarios en situación de excedencia para o coidado de fillos ó abeiro do disposto no artigo 59 do Real decreto 296/1996, só poderán concursar se transcorreron máis de dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

4. Os suspensos en firme non poderán participar mentres dure a suspensión.

5. Os sancionados con traslado forzoso non poderán concursar no prazo de un a tres anos, segundo determinarase na resolución correspondente.

Terceira.-1. Criterios para adxudicación de prazas. 2. Valoración da lingua nas comunidades autónomas.

1. O nomeamento dos médicos forenses para as prazas vacantes recaerá no solicitante con maior antigüidade no escalafón.

2. Para a provisión de postos de traballo vacantes radicados na Comunidade Autónoma galega, o coñecemento oral e escrito da mesma será valorado da seguinte forma:

A. a) Curso de iniciación e perfeccionamento: dous puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: catro puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: seis puntos.

B. Para valorar estas linguas oficiais das comunidades autónomas deberase aportar xunto coa instancia certificación das comunidades autónomas respectivas da homologación e do nivel ó que correspondan os títulos achegados.

C. Cada punto equivalerá a un ano de antigüidade.

Cuarta.-Peticións condicionadas.

No suposto de estar interesados nas vacantes que se anuncian, para municipios da Comunidade Autónoma, dous funcionarios que reúnan os requisitos esixidos, poderán condiciona-las súas peticións ó feito de que ámbolos dous obteñan destino neste concurso en municipios da mesma Comunidade Autónoma, entendéndose, no caso contrario, anulada a petición efectuada por ámbolos funcionarios. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicionada deberán concretalo na súa instancia e xuntar fotocopia da petición doutro funcionario.

Quinta.-Tramitación.

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local recibirá as instancias e valoraraas de acordo co previsto na base terceira.

Sexta.-Carácter dos destinos adxudicados.

1. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo, sobre indemnizacións por razón do servicio.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables.

Sétima.-Resolución e prazo posesorio.

1. A presente convocatoria resolverase por resolución do director xeral de Xustiza e Administración Local de forma coordenada co Ministerio de Xustiza e cos órganos competentes das comunidades autónomas, de forma que se publiquen no Boletín Oficial do Estado e nos boletíns das comunidades autónomas. No suposto de que a devandita simultaneidade non fora posible, os prazos se computarán a partir do día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial do Estado.

2. A resolución expresará o posto de orixe dos interesados a quen se lles adxudique destino e a súa localidade, así como a súa situación adminis

trativa se esta é distinta á de activo e mailo posto adxudicado a cada funcionario.

3. O prazo para tomaren posesión do novo destino obtido será dun mes de acordo co establecido no artigo 28 do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 296/1996, do 23 de febreiro, mais cando non implique cambio de residencia deberase efectuar nos tres días hábiles seguintes ó cesamento.

4. O prazo para a toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó cesamento que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou no Boletín Oficial do Estado se a publicación no fora simultánea.

5. Se a resolución comporta reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a devandita publicación.

6. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen as licencias que se atopen desfrutando os funcionarios, agás que por circunstancias excepcionais debidamente motivadas se suspenda ou revogue o disfrute deles.

Oitava. Recursos.

Contra da presente convocatoria poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante os xulgados do contencioso-administrativo da provincia da Coruña no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no último diario oficial, Boletín Oficial do Estado ou Diario Oficial de Galicia, se a publicación no fora simultánea.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 1999.

José Antonio Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local

ANEXO

Comunidade Autónoma de Galicia.

A Coruña:-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Carballo, e Negreira.-Xulgados de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Corcubión, e Muros.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Ferrol número cinco, e Ortigueira.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Noia e nº 3 de Ribeira.-Xulgados de Primeira Instancia e Instrucción de Padrón e de Ribeira número un e número dous.

Lugo:-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número cinco de Lugo.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous e número tres de Lugo.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número

catro e número seis de Lugo.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Becerreá e de Sarria.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción da Fonsagrada.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Mondoñedo.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Monforte, e de Chantada.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Vilalba.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Viveiro.

Ourense:-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Bande, Celanova e Xinzo de Limia.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de O Barco de Valdeorras e Pobra de Trives.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous do Carballiño, e Ribadavia.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Verín.

Pontevedra:-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Cambados.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Cangas, e Marín número un.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Lalín, e A Estrada.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous do Porriño e Redondela.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Ponteareas número un e número dous.-Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un e número dous de Vilagarcía, e Caldas de Reis.