Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 08 de xullo de 1999 Páx. 8.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 2 de xullo de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polos médicos internos residentes durante a folga que se levará a efecto nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde os días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo desde as 8 horas do día 8 de xullo ata as 8 horas do día 17 de xullo de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Analizados os servicios esenciais afectados, nalgún centro resulta imprescindible a colaboración dos médicos internos residentes no mantemento da asistencia sanitaria prestada fóra da xornada ordinaria. Nestes centros, tanto polo seu sistema de organización das urxencias como polo número de médicos residentes que prestan servicios neles, precisan desa colaboración necesaria, xa que doutro xeito non quedarían debidamente garantidos os servicios de indubidable transcendencia na sanidade como son as urxencias nos hospitais. Por iso, convocada a folga

que afecta os médicos internos residentes, farmacéuticos internos residentes, químicos internos residentes e psicólogos internos residentes, que se levará a cabo nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo desde as 8 horas do día 8 de xullo ata as 8 horas do día 17 de xullo de 1999, en termos similares ós fixados nas anteriores folgas deste colectivo, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada os días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo desde as 8 horas do día 8 de xullo ata as 8 horas do día 17 de xullo de 1999, que afecta os médicos internos residentes, farmacéuticos internos residentes, químicos internos residentes e psicólogos internos residentes, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo I desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura das urxencias nos hospitais que se relacionan no anexo I desta orde, que pola demanda asistencial que reciben así como polo sistema organizativo dos servicios, requiren tal prestación. O feito de que nalgúns centros non se determine a fixación dos servicios mínimos vén motivado, nunha parte deles, polas razóns organizativas e asistenciais expostas e noutros, polo escaso ou nulo número de médicos residentes vinculados a estes centros.

Á vista do desenvolvemento das folgas das mesmas características convocadas nas pasadas datas e na procura de conciliar ó máximo posible o dereito de folga coa atención á saúde dos cidadáns, interprétanse os criterios para a determinación dos servicios mínimos e a conseguinte fixación dos efectivos nos hospitais afectados, do modo máis restrictivo posible. Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible na atención urxente ós usuarios na súa acepción máis estricta e precisa, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

O criterio rector para a determinación dos servicios mínimos que se recollen no anexo I desta orde, é a asistencia médica na cobertura da actividade urxente que realizaranse fóra da xornada ordinaria de traballo os medicos internos residentes, nos servicios de urxencias hospitalarios, naqueles centros que o requiren. Xa que logo, exclusivamente cubrirase esta actividade de carácter urxente por tratarse de atención indefectible e que a súa omisión podería causar prexuízos irreparables ós usuarios. Ademais, só se asignarán naqueles hospitais que se relacionan, nos que resulta absolutamente indispensable.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo I desta orde serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Criterios rectores e número de servicios mínimos por centro hospitalario

1.-Complexo Hospitalario Juan Canalejo:

Criterio que determina a fixación de servicios mínimos:

Para atende-las urxencias desde as 15 horas ata as 8 horas están de garda tres facultativos do cadro de persoal do servicio de urxencias e cinco residentes das diferentes especialidades de necesaria colaboración nas urxencias intrahospitalarias. En urxencias do Hospital Teresa Herrera está de garda de pediatría un residente.

Calquera diminución no número de facultativos para atende-las urxencias tería graves repercusións na asistencia, dado que neste hospital se atende unha media de 300 urxencias/día e no centro hospitalario Teresa Herrera aténdense 65 urxencias/día de pediatría, non podendo asumir co cadro de persoal de garda a primeira atención nin o necesario apoio sen ocasionar un colapso no servicio, o que xeraría importantes demoras na asistencia ós doentes, cos conseguintes riscos para a súa saúde.

Por iso fixánse como imprescindibles os seguintes efectivos:

-Seis residentes de diferentes especialidades nos días que se detallan para o apoio nas urxencias: días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo de 1999.

-Un médico residente na especialidade de pediatría no servicio de urxencias do Hospital Teresa Herrera nos días que se detallan: días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo de 1999.

2.-Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos:

Criterios que determinan a fixación de servicios mínimos:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 150 urxencias, atención que prestan dous médicos e dous médicos residentes. Calquera diminución do persoal de garda na primeira atención no servicio de urxencias suporá un importante risco para a saúde dos cidadáns.

Por iso fíxanse como mínimos os seguintes efectivos:

-Un médico residente nos días que se detallan: días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo desde as 8 horas do día 8 de xullo de 1999.

-Un médico residente de segundo ano ou superior nos días que se detallan: días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo de 1999.

3.-Complexo Hospitalario Xeral Cíes:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 300 urxencias, atención que se presta con tres médicos de tarde e dous residentes e dous médicos de noite e dous residentes.

Nestas urxencias teñen unha importante incidencia as motivadas pola demanda de asistencia pediátrica e obstétrico xinecolóxica, así, prestan servicios atendendo esta demanda específica de urxencias un pediatra e un médico residente da especialidade de pediatría de apoio; e un xinecólogo e un médico residente de xinecoloxía de apoio. Así mesmo, realízase unha media de cinco intervencións cirúrxicas urxentes con dous facultativos de garda e o necesario apoio nas urxencias dun residente desta especialidade.

Ademais destes indicadores existe un importante número de demanda urxente intrahospitalaria que fai imprescindible a súa cobertura coa colaboración de dous médicos residentes da especialidade de medicina interna. Os mínimos que se propoñen son os seguintes:

Un médico residente no servicio de urxencias. Un médico residente da especialidade de cirurxía xeral de apoio a urxencias; un médico residente de apoio a pediatría; un médico residente de apoio a xine

coloxía, e dous médicos residentes de apoio a medicina interna nos días que se detallan: días 8, 9, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo de 1999.