Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 05 de xullo de 1999 Páx. 8.580

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de xuño de 1999 pola que se dan instruccións para o cumprimento do establecido na do 18 de febreiro de 1999, pola que se dispón a execución de sentencias dictadas pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nos recursos 1/234/1995 e 1/203/1995.

Pola Orde do 4 de xaneiro de 1995 dictábanse instruccións en relación coas condicións de cobertura de distintos postos de traballo por funcionarios do corpo de mestres.

Contra a dita orde presentáronse ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia os recursos 1/234/1995 e 1/203/1995, dictando a Sala do Contencioso-Administrativo as sentencias 525/1998 e 635/1998, respectivamente, estimando os ditos recursos.

Pola orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 18 de febreiro de 1999, disponse a execución das citadas sentencias.

Na súa virtude, ó se-las devanditas sentencias firmes,

DISPOÑO:

Primeiro.-O profesorado afectado pola execución das sentencias que anulan a Orde do 4 de xaneiro de 1995 perde o destino provisional ou definitivo acadado en virtude desta, recuperando o destino, se é o caso, definitivo que tiña antes da citada orde, agás que efectúe a opción de quedar na situación de suprimido del.

Segundo.-O profesorado que opte por volver ó destino definitivo que tiña con anterioridade á Orde do 4 de xaneiro de 1995 farao mantendo a antigüidade que tivera naquel momento, acumulándoselle o tempo transcorrido desde que perdeu o seu destino definitivo á data da efectividade desta orde.

Terceiro.-Aqueles mestres, dos comprendidos no punto primeiro desta orde, que desexen quedar suprimidos, deberán presenta-la súa solicitude na delegación provincial correspondente, no prazo de dez días contados desde a publicación desta orde.

Cuarto.-Aqueles mestres, acollidos á citada orde, que opten por quedaren suprimidos, terán dereito preferente na localidade ou zona na que estea situado o centro no que quedou suprimido.

Quinto.-Esta orde terá efectividade do un de setembro de 1999.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria