Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 02 de xullo de 1999 Páx. 8.486

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de xuño de 1999 pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo vacantes das escalas de estatística da Xunta de Galicia.

Segundo establece o artigo 27 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, o concurso constitúe o sistema normal de provisión de postos de traballo vacantes na Administración.

Esta consellería, de conformidade co establecido na citada lei, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, o artigo 18 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública modificado pola Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, e demais normas concordantes, acorda convoca-lo presente concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes das escalas de estatística da Xunta de Galicia dotados orzamentariamente que se relacionan

no anexo I da presente orde de conformidade coas seguintes

BASES

I. Requisitos de participación.

I.1. Só poderán participar no presente concurso os funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatística da Xunta de Galicia que na data da convocatoria reúnan os requisitos esixidos para desempeña-los postos ós que se opta conforme o especificado en cada caso no anexo I da presente convocatoria, salvo aqueles que leven menos de dous anos desempeñando un posto definitivo obtido por concurso.

I.2. Están obrigados a participar no presente concurso os funcionarios das escalas de estatística da Xunta de Galicia que estean en situación de destino provisional nela e reúnan os requisitos esixibles na presente convocatoria e anexos correspondentes, debendo solicitar tódolos postos de traballo ós que poidan acceder, todo iso de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril. No suposto de incumprimento do anterior serán declarados de oficio en situación de excedencia voluntaria.

1.3. Poderán solicitarse por orde de preferencia as vacantes que se inclúen no anexo I desta orde, sempre que se reúnan as condicións esixidas nel.

Os erros manifestos que se puidesen advertir poderán ser emendados de oficio ou por petición da parte interesada, e serán apreciados libremente por parte da comisión de valoración á que se fai referencia na base VI.

I.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de finaliza-lo prazo de toma de posesión.

II. Valoración de méritos:

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

II.1. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo.

Os méritos específicos que se expresan para cada posto de traballo no anexo I a esta orde valoraranse do seguinte xeito:

a) Por posuí-la titulación que especificamente se menciona no citado anexo I: 2 puntos.

b) Por posuí-los coñecemtos que se mencionan no citado anexo I, acreditados mediante cursos: 0,15 puntos por curso.

No caso de non especificarse o curso en concreto no anexo I só se terán en conta aqueles organizados

e impartidos directamente polos organismos ós que se fai referencia na base II.4.

A puntuación da alínea b) non poderá supera-lo máximo de 1,5 puntos.

Puntuación máxima desta alínea: 3,5 puntos.

II.2. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 16 de grao consolidado: 1,90 puntos.

Por cada unidade de nivel que exceda de 16: 0,15 puntos.

Puntuación máxima deste número: 4 puntos.

Nos supostos en que os funcionarios non teñan consolidado ningún grao persoal ou este sexa inferior a 16 computarase, para os efectos de puntuación na presente alínea, o nivel mínimo correspondente ó intervalo de niveis do grupo do corpo ou da escala á que pertenza o funcionario.

II.3. Valoración do traballo desenvolvido.

A valoración do traballo desenvolvido efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos cinco anos como funcionario de carreira nos distintos grupos.

A valoración efectuarase da seguinte forma:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,60 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado ata dous niveis: 0,40 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ó desempeñado: 0,20 puntos.

Para os efectos anteriores, os servicios prestados na situación de comisión de servicios puntuaranse como realizados no posto de orixe do funcionario.

Puntuación máxima desta alínea: 3 puntos.

II.4. Cursos de formación e perfeccionamento.

Por cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidade e Inem, así como os cursos informados favorablemente pola EGAP ou homologados por esta ou polo INAP, todos eles relacionados coas funcións propias do posto ó que se opte.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Por cada curso de aproveitamento igual ou superior a 40 horas lectivas: 0,40 puntos.

b) Por cada curso de aproveitamento inferior a 40 horas: 0,25 puntos.

c) Por cada curso con diploma de asistencia: 0,15 puntos.

Puntuación máxima desta alínea: 3 puntos.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposiums e similares.

II.5 Grao de coñecemento do idioma galego.

Iniciación ó galego: 1,5 puntos.

Perfeccionamento de galego: 2,5 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lles concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, ós cursos, estudios ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

II.6. Antigüidade:

1. Servicios prestados na Administración da Xunta de Galicia:

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servicios como funcionario de carreira: 0,20 puntos, ata o tope de 4 puntos.

2. Servicios prestados noutras administracións públicas:

Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servicios como funcionario de carreira:

0,15 puntos, ata o tope de 2,5 puntos.

Puntuación máxima deste número: 6,5 puntos.

Para estes efectos computaranse os recoñecidos polo órgano competente que se prestasen con anterioridade á condición de funcionario.

II.7. Polo grupo ó que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos.

Por pertencer ó grupo A: 2,5 puntos.

Por pertencer ó grupo B: 1,3 puntos.

II.8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes puntos desta base.

Tódolos méritos determinados nesta base computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

De persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 23 de febreiro de 1999 (Diario Oficial de Galicia nº 43, do 3 de marzo).

III. Documentación.

III.1. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas dos concursantes, así como os concernentes ós méritos que aduzan acreditaranse debidamente e deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de instancias.

III.2. Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se xuntará coa instancia que se presente, segundo o modelo que figura como anexo III, debendo xunta-la dita certificación o funcionario competente que certifique as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e presentaranse cotexadas fidedignamente debendo numerarse de acordo co indicado modelo, significando que non se valorarán aqueles méritos que para a/as comisión/s non estivesen suficientemente acreditados. Estas certificacións serán expedidas polas unidades seguintes, de acordo co destino de cada funcionario.

-Servicios centrais: secretario xeral, subdirector xeral ou xefes de servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos: secretarios ou, se é o caso, funcionario responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

IV. Solicitudes.

IV.1. As solicitudes para tomar parte no presente concurso dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta orde, nos rexistros xerais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria e dos seus anexos no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de setembro de 1999.

IV.2. Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar, no caso de que lles fora adxudicado algún dos postos solicitados, a adaptación de medios materiais para o desempeño do dito posto, e a comisión de valoración poderá reclamarlle ó interesado, mediante entrevista, a información que considere precisa para a adaptación aducida, e igualmente, se é o caso, de consideralo oportuno, o dictame correspondente.

IV.3. Se por razóns de convivencia familiar, estiveran interesados nas vacantes que se anuncian para este concurso para unha mesma localidade dous funcionarios, se reúnen os requisitos esixidos, aínda

que pertenzan a distintos corpos ou escalas, poderán condiciona-la súa petición ó feito de que ámbolos dous obteñan destino na mesma localidade, entendéndose en caso contrario anulada a petición efectuada por ámbolos dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional deberán concretalo na súa instancia e xuntar unha fotocopia da petición do outro funcionario.

IV.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias non poderá renunciarse ás solicitudes formuladas e estas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, tanto no que se refiere á base I.4 como á I.5, salvo que se obteña outro destino mediante convocatoria pública antes de remata-lo prazo de toma de posesión.

V. Lista de admitidos e excluídos.

V.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral da Función Pública dictará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos con indicación do lugar no que se atopan expostas.

V.2. Os excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá inpugnala directamente perante, á súa elección, o xulgado do contencioso-administrativo da circunscrición na que teña o seu enderezo ou o da Coruña, no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

VI. Comisión de valoración.

VI.1. A valoración dos méritos alegados polos concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada polas comisións de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna coa composición establecida nel. Estas comisións terán a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, e serán nomeadas polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

VI.2. Poderá nomearse máis dunha comisión de valoración cando iso fose necesario polo número de solicitantes.

Neste suposto corresponderalle á comisión de valoración número un resolver cantas consultas, interpretacións, criterios de valoración e de unificación poidan presentarse nas comisións sobre as normas que rexen o concurso, así como a coordinación das restantes comisións e recibi-los expedientes destas relativos ás correspondentes valoracións do concurso, e eleva-la proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

VI.3. A/as comisións poderán dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores, para aquelas tarefas que o requirisen. A proposta de designación destes faraa a comisión número un, procedendo ó seu nomeamento o órgano convocante.

VI.4. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá en todo caso sobre o concursante que obtivera maior puntuación conforme o baremo establecido na base II, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base II.7.

VI.5. Unha vez efectuada a proposta provisional da comisión de valoración para a adxudicación dos destinos farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública. Os concursantes poderán formula-las oportunas reclamacións, se é o caso, contra a dita proposta ante esta dirección xeral no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ó da publicación, que se presentarán no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas delegacións provinciais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

VI.6. Examinadas e resoltas pola comisión/s as reclamacións, se é o caso presentadas, procederase a elevar proposta definitiva de resolución do concurso, que será resolta por unha orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na que figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na citada orde.

VII. Adxudicación de destinos.

VII.1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderán optar por un dos dous, estando obrigados a comunicar por escrito nos 3 días seguintes a opción realizada á Dirección Xeral da Función Pública.

VII.2. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia non xerarán dereito á indemnización.

VIII. Toma de posesión.

VIII.1. A toma de posesión en tódolos postos adxudicados como consecuencia da celebración do presente concurso realizarase a partir da data que se faga constar na orde de resolución deste, desde a que se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

VIII.2. Contra a presente orde poderase interpoñer recurso postestativo de reposición, perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública,

no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnala directamente perante, á súa elección, o xulgado do contencioso-administrativo da circunscrición na que teña o seu enderezo ou o da Coruña, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e

Administración Pública