Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 02 de xullo de 1999 Páx. 8.484

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 188/1999, do 17 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento da rúa do Outeiro.

O Concello de Barro (Pontevedra), en sesión celebrada o día 28 de maio de 1998, aprobou o proxecto de saneamento rúa do Outeiro e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de marzo de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de maio de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras son necesarias para garanti-lo acceso dos vehículos e autobuses ó novo centro de ensino secundario obrigatorio así como a seguridade de viandantes, a maioría escolares, e dota-lo centro da rede de saneamento e abastecemento de auga que permita a súa entrada en funcionamento o vindeiro mes se setembro.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente admi

nistrativo instruído o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento rúa do Outeiro.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais