Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 01 de xullo de 1999 Páx. 8.425

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de maio de 1999 pola que se regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica, en réxime ordinario e para as persoas adultas.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, define no seu capítulo IV do título primeiro a configuración da nova ordenación académica da formación profesional. Así mesmo, no seu artigo 41.2º, atribúelle ó Goberno do Estado a fixación dos elementos básicos do currículo das distintas ensinanzas, co fin de garantir unha formación común para tódolos alumnos e alumnas e para darlles validez ós títulos correspondentes en todo o territorio español.

En aplicación desta lei, o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, estableceu os aspectos básicos do currículo, que constituirán as ensinanzas mínimas da formación profesional específica de grao medio e superior, para cada título profesional no correspondente real decreto que as promulga.

En correspondencia coas disposicións citadas, establécese polo Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, polo que se modifica e completa o Real Decreto 986/1991, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, determina que a formación específica de grao medio implantarase progresivamente ó longo do calendario da implantación da reforma, debendo completarse a súa xeneralización no ano académico 2000-2001.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación profesional no ámbito do sistema educativo, vén modificar e completa-lo marco establecido, polo que cómpre adecua-lo funcionamento dos ciclos formativos ó establecido neste real decreto.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas dos ciclos formativos ás peculiaridades e características das persoas adultas, e que regula en particular a forma en que os centros debidamente autorizados poderán oferta-los ciclos formativos de forma presencial, preferentemente en horario vespertino, e a distancia.

Os procedementos de acceso e admisión a ciclos formativos están regulados para a Comunidade Autó

noma de Galicia polo Decreto 87/1995, do 10 de marzo (DOG do 28 de marzo), de admisión de alumnos en centros sostidos con fondos públicos; pola Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio), que regula o procedemento para admisión do alumnado no bacharelato e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos; pola Orde do 22 de maio de 1998 (DOG do 1 de xullo), que regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos, e pola Orde do 23 de maio de 1998 (DOG do 1 de xullo), que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de graos medio e superior.

A implantación anticipada dos ciclos formativos de formación profesional específica estivo regulada por disposicións de carácter anual que permitían perfilar todos aqueles aspectos que, para mellora-lo seu funcionamento, se ían recollendo da experiencia da súa aplicación en cada curso. O tempo transcorrido desde o inicio da implantación anticipada e a experiencia acumulada aconsellan establecer un marco normativo para que os centros autorizados a imparti-la nova formación profesional poidan desenvolve-las ensinanzas previstas na LOXSE, e posibilitar un modelo organizativo que permita a oferta de forma parcial dos ciclos formativos para as persoas adultas.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-la organización das ensinanzas dos ciclos formativos de formación profesional específica, establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación nos centros educativos autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de formación profesional específica, polo réxime ordinario ou polo réxime para as persoas adultas.

Artigo 3º.-Oferta das ensinanzas de ciclos formativos.

As ensinanzas de ciclos formativos poderán cursarse:

1. Polo réxime ordinario, por ciclo completo.

2. Polo réxime para as persoas adultas, naqueles centros autorizados para o efecto:

-Por ciclo completo.

-De forma parcial por módulos.

3. Polo réxime de ensinanzas a distancia, nas condicións e cos requisitos que se establezan.

Artigo 4º.-Matrícula polo réxime ordinario.

1. De conformidade co establecido no artigo 221 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), os alumnos poderán realiza-la matrícula para un mesmo ciclo formativo un máximo de dúas veces.

2. A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo. Cando estas ensinanzas abrangan máis dun curso académico, o alumnado deberá aboa-lo importe do seguro escolar en cada un deles nos mesmos prazos establecidos para a matrícula.

3. A matrícula daralle dereito ó alumnado a realizar, por unha vez, as actividades programadas para cada módulo, sen prexuízo das actividades de recuperación que, no caso de non supera-lo módulo na avaliación ordinaria, lle poida propoñe-lo o equipo docente.

4. A matrícula en ciclos formativos polo réxime ordinario non poderá ser compatible coa matrícula en calquera ensinanza do mesmo réxime.

Artigo 5º.-Matrícula polo réxime das persoas adultas.

1. Poderán acceder a este réxime de ensinanzas as persoas adultas que, de conformidade co disposto nos artigos 81 e 91 do Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, reúnan os requisitos esixidos con carácter xeral para o acceso ós ciclos formativos e teñan cumpridos 18 anos ou os cumpran no ano natural no que comeza o curso escolar.

2. Excepcionalmente, a delegación provincial que corresponda, e logo do informe da inspección educativa, poderáselles autoriza-lo acceso ás ensinanzas de ciclos formativos de grao medio a aquelas persoas que, con menos de dezaoito anos e a partir de dezaseis anos no momento de realiza-la matrícula, acrediten a súa condición de traballadores ou aleguen circunstancias excepcionais que lles impidan realiza-los estudios de formación profesional específica polo réxime ordinario.

3. Tendo en conta as características e necesidades das persoas adultas e para atende-las demandas de cualificación do sistema productivo, poderán, á hora de face-la matrícula e sempre que a organización do centro o permita, optar porque esta sexa por módulos, adecuando o itinerario formativo ás súas características e necesidades. Neste suposto, as persoas adultas poderán matricularse tanto de módulos que pertenzan ó primeiro ano do ciclo, como ó segundo ou ós dous á vez. En todo caso, a matrícula parcial realizarase para un mesmo ciclo formativo, e non poderá supera-la carga lectiva anual de 960 horas.

4. Ós alumnos matriculados polo réxime para as persoas adultas non lles será de aplicación a limitación de realiza-las actividades programadas para os distintos módulos dun ciclo formativo un máximo de dúas veces. Neste sentido, as persoas que esgotaran as posibilidades de matrícula polo réxime ordinario, poderán acceder a este réxime para as persoas adultas.

5. De forma excepcional, cando un alumno que estea cursando estudios presenciais de formación profesional específica por este réxime para as persoas adultas non poida asistir a algún módulo, logo do informe da inspección educativa, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizalo a seguir esas ensinanzas en réximes distintos: ordinario ou a distancia.

Artigo 6º.-Renuncia á matrícula do ciclo.

1. Coa finalidade de non esgota-las dúas posibilidades de matrícula previstas para o réxime ordinario no artigo 41.1º desta orde, o alumnado poderá renunciar á matrícula do ciclo, cando concorran circunstancias de enfermidade prolongada de carácter físico ou psíquico, incorporación laboral, servicio militar ou prestación social substitutoria, obrigas de tipo familiar que impidan a normal dedicación ós estudios ou calquera outra de carácter análogo que a dirección do centro estime pertinente por proposta do equipo docente. Esta renuncia afectará unicamente a aqueles módulos pendentes de superación.

2. As solicitudes deberán presentarse perante o director do centro nun prazo de, cando menos, dous meses antes da avaliación final dos módulos correspondentes. No caso de centros públicos, o director resolverá no prazo máximo de 10 días. No caso de centros privados, resolverá o director do centro público ó que estean adscritos no mesmo prazo, a partir da data da recepción da solicitude.

Artigo 7º.-Constitución de grupos.

O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e recursos de cada ciclo e centro en particular, e non deberá ser superior a 30. Excepcionalmente, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda poderá modifica-lo límite establecido.

Artigo 8º.-Horario do ciclo formativo.

1. A duración e distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo, tanto os que se desenvolven no centro educativo como os de formación en centros de traballo, será a que se dispón no decreto polo que se establece o currículo do ciclo formativo correspondente e a normativa que o desenvolve.

2. A duración dos períodos lectivos en que se organicen os módulos dos ciclos formativos, tanto polo réxime ordinario como polo das persoas adultas, non

será inferior a 50 minutos. En todo caso, o número de sesións deberá completa-lo número total de horas que se establece para cada módulo no currículo correspondente.

3. O horario de libre disposición do centro educativo será utilizado para reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades da formación profesional de base ou da formación profesional específica, para darlles resposta ás características dos alumnos e ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno productivo. Este horario de libre disposición utilizarase no primeiro ano.

4. Con carácter xeral, o horario lectivo destas ensinanzas polo réxime de adultos poderá establecerse entre as dezaseis horas e as vintedúas horas trinta minutos, de luns a venres.

Artigo 9º.-Profesorado.

1. O equipo docente do ciclo estará constituído polo conxunto de profesores que imparten docencia nos diferentes módulos que o integran.

2. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e será impartido, con carácter xeral, por un só profesor.

3. En todo caso e coa finalidade de favorece-la coordinación e a integración dos contidos dos diferentes módulos do ciclo formativo, o número de profesores que constitúa o equipo docente será o menor posible.

4. O profesorado que poderá impartir docencia nos diferentes módulos será o que se establece no Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro (BOE do 10 de outubro), polo que se adscribe o profesorado dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional ás especialidades propias da formación profesional específica, e no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da formación profesional específica.

No caso dos centros privados, haberá que se ater ó disposto na Orde do 23 de febreiro de 1998 (BOE do 27 de febreiro), pola que se regulan as titulacións mínimas e condicións que deben posuí-los profesores para impartir formación profesional específica nos centros privados e en determinados centros de titularidade pública; e na Orde do 30 de setembro de 1998 (DOG do 29 de outubro), pola que se regulan as titulacións mínimas e as condicións que deben posuí-los profesores para impartir formación profesional específica e a área de tecnoloxía da educación secundaria obrigatoria en centros privados e en determinados centros educativos de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Naqueles ciclos formativos impartidos nos centros públicos nos que, segundo o real decreto que establece as correspondentes ensinanzas mínimas, sexa necesario o concurso de profesorado especialista para a impartición dalgún módulo, contarase

en primeiro lugar cos docentes pertencentes ós corpos de profesores de ensino secundario ou de profesores técnicos de formación profesional que se encontren cualificados, ben mediante formación específica acreditada, ben mediante experiencia laboral. De non existir no centro profesorado co perfil idóneo, a dirección do centro comunicaraselle coa maior brevidade esta circunstancia á inspección educativa, que lle emitirá informe ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que adopte as medidas oportunas.

No caso dos centros privados, haberá que se ater ó disposto na Orde do 30 de setembro de 1998 (DOG do 29 de outubro).

6. O módulo de proxecto integrado ó que se refire o artigo 13º da presente orde deberá ser impartido polo profesorado con atribución docente para impartir módulos do ciclo formativo, preferentemente polo profesorado de corpo de profesores de ensino secundario.

No caso dos centros privados aterase ó disposto na Orde do 30 de setembro de 1998.

Artigo 10º.-Titoría.

1. Cada grupo de alumnos dun ciclo formativo terá un profesor titor que pertencerá ó equipo docente do ciclo. O titor desempeñará as súas funcións durante todo o proceso formativo, agás causas debidamente xustificadas.

2. Funcións do profesor titor.

O profesor titor, ademais das funcións establecidas no artigo 59 do Decreto 324/1996 (DOG do 9 de agosto), polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, desenvolverá as seguintes:

a) Proporlle ó coordinador da formación en centros de traballo (FCT), se é o caso, empresas coas que procede contactar para o desenvolvemento da FCT e realiza-lo seguimento e avaliación del.

b) Colaborar co xefe de departamento da familia profesional na elaboración e desenvolvemento das actividades de recuperación dos alumnos do seu grupo con módulos pendentes.

c) Redacta-lo informe final do ciclo formativo, previsto no artigo 151 desta orde, para a súa valoración e inclusión na memoria anual do departamento.

Artigo 11º.-Orientación profesional.

De acordo co Decreto 120/1998, do 23 de abril, nos institutos nos que se imparta formación profesional específica, incorporarase ó departamento de orientación un profesor que imparta a área de formación e orientación laboral designado polo director por proposta da comisión de coordinación pedagóxica.

O profesor de formación e orientación laboral desenvolverá, ademais das funcións que lle com

peten como membro do departamento de orientación, as seguintes:

a) Informa-lo alumnado sobre o marco legal de traballo e das relacións laborais.

b) Orientar sobre formas e procedementos de inserción profesional.

c) Dar a coñece-los recursos profesionais e laborais existentes.

d) Deseñar actividades ou programas para que o alumnado poida elabora-lo seu propio itinerario profesional de busca de emprego, facéndoo consciente da necesidade de formación permanente.

e) Potenciar estratexias encamiñadas á consecución, se é o caso, dunha reorientación profesional axustada ás demandas do mundo laboral.

f) Colaborar cos titores responsables da formación en centros de traballo na elaboración de programas para a realización de actividades formativo-productivas en centros de traballo.

g) Promover que o alumnado que accede a un programa de iniciación profesional interveña activamente no seu proceso de aprendizaxe e no deseño da súa traxectoria persoal e laboral.

h) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lle poida asignar referidas á orientación.

Artigo 12º.-Proxecto curricular do ciclo formativo.

1. Os centros educativos desenvolverán o currículo das ensinanzas profesionais mediante a elaboración do proxecto curricular. Os seus obxectivos, contidos, organización, metodoloxía e criterios de avaliación terán en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo, e responderán ás características do alumnado ó que van dirixidos.

2. O proxecto curricular tomará como referencia o proxecto educativo do centro. Nos casos en que un mesmo centro imparta varios ciclos formativos, o proxecto curricular abarcará todos eles e incorporará criterios homoxéneos, sen prexuízo das especificidades que cumprise establecer para as ensinanzas de cada profesión.

3. As programacións didácticas dos departamentos terán que aterse ó establecido nos artigos 95, 96 e 97 do Decreto 324/1996 e incluirán, en todo caso, actuacións, estratexias e instrumentos de avaliación para cada módulo.

4. No caso do módulo de formación en centros de traballo, o proxecto curricular do ciclo formativo incluirá tamén o perfil básico das empresas nas que se deba realiza-la formación e a relación das existentes no contorno do centro nas que sería posible realizala.

5. A inspección educativa asesorará os equipos docentes no proceso de elaboración do proxecto curricular do ciclo formativo e efectuará o oportuno seguimento do seu cumprimento.

Artigo 13º.-Módulo de proxecto integrado.

O módulo de proxecto integrado, que formará parte dos ciclos formativos de grao superior nos que se estableza no seu currículo ou na normativa que o desenvolva, contribuirá de forma específica ó logro das finalidades relacionadas no artigo 7.4º do Decreto 239/1995, do 28 de xullo. O seu desenvolvemento tomará como referencia un proceso productivo ou de servicios, real ou simulado.

Artigo 14º.-Formación en centros de traballo (FCT).

A formación en centros de traballo, na que se perseguirán as finalidades que se indican no artigo 7.3º do Decreto 239/1995, é de carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos e estructúrase a través do programa de formación en centros de traballo. Esta formación desenvolverase procurando aplica-las competencias profesionais adquiridas no centro educativo e complementándoas con aquelas previamente identificadas entre as actividades productivas do centro de traballo. A FCT posibilitará, así mesmo, a avaliación dos aspectos máis relevantes da competencia profesional do alumnado, razón pola que, con carácter xeral, constituirá a última fase da súa formación.

Artigo 15º.-Informe final do ciclo formativo.

Ó remate do ciclo formativo, o profesor titor elaborará un informe que describa a evolución da totalidade do proceso formativo do ciclo. Nel deberán figura-los seguintes puntos:

-Distribución dos diferentes módulos que integran o ciclo formativo entre o profesorado que o imparte.

-Datos sobre matrícula, promoción, titulacións e calquera outro dato de interese.

-Breve resumo das actividades de recuperación dos distintos módulos, valorando o resultado obtido.

-Actividades extraescolares e complementarias desenvolvidas.

IV.Valoración da medidas de atención á diversidade levadas a cabo.

-Programa de FCT, no que se indica as empresas e as seccións delas en que se desenvolveu a FCT, así como o número de alumnos que recibiu cada unha.

-Valoración do desenvolvemento do programa formativo nas diferentes empresas.

-Cantos outros aspectos se consideren de interese.

A dirección do centro remitiralle copia deste informe á inspección educativa no prazo máximo dun mes desde o remate da FCT.

Disposición adicional

Esta orde será de aplicación nos ciclos formativos de artes plásticas e deseño en todo aquilo que non contraveña a súa normativa específica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-lo contido da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria