Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 28 de xuño de 1999 Páx. 8.212

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 183/1999, do 17 de xuño, polo que se acorda a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela situada no porto de Celeiro, termo municipal de Viveiro (Lugo), a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O porto de Celeiro está integrado no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo (BOE nº 285, do 27 de novembro) e adscrito ó ente público Portos de Galicia, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do dito ente.

Con datas do 22 de marzo e 30 de abril de 1999, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitou a iniciación dos trámites para a afectación secundaria dunha parcela de 1.500 m no antedito porto para unha nave de almacenamento de bens

incautados por aplicación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimos-pesqueiros.

Logo de solicitude da Secretaría Xeral e do Patrimonio, con data do 7 de xuño de 1999, o ente público Portos de Galicia informou favorablemente a afectación secundaria solicitada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Á vista do establecido nos artigos 12 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da antedita lei, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo de instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acórdase a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 1.500 m, integrada no porto de Celeiro, termo municipal de Viveiro (Lugo) e delimitada segundo o plano incorporado ó expediente, a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, con destino a instalación dunha nave de almacenamento de bens incautados por aplicación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimos-pesqueiros.

Artigo 2º.-A Consellería de Economía e Facenda, a través do Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda