Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 24 de xuño de 1999 Páx. 8.119

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico de Sotavento, nos concellos de Monfero e Xermade, promovido pola empresa Sotavento Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 14 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do proxecto de parque eólico de Sotavento, nos concellos de Monfero e Xermade, promovido pola empresa Sotavento Galicia, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o proxecto e os antecedentes expostos, estímase, só para os efectos ambientais, a posibilidade de realiza-lo proxecto, sempre de maneira que asegure a minimización dos posibles impactos ambientais negativos. De acordo co previsto no Decreto 442/1990, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable, terán que cumprirse, ademais das especificacións contidas no estudio de impacto ambiental, o seguinte condicionado:

1. Condicións xerais.

1.1. Ámbito territorial de actuación.

A presente declaración refírese, en exclusiva, á instalación e explotación dun parque eólico de carácter experimental, con instalación prevista para 24 aeroxeradores de 750 kW de potencia, tal e como veñen representados no plano 03 «Posición das máquinas: replanteo 2 (definitivas)» da documentación adicional, cunha potencia total instalada de 18 MW, nunha aliñación de norte a sur, nos lugares coñecidos como Serrón de Lobo e Serra do Candieiro. As coordenadas perimetrais do parque están definidas na siguiente táboa.

Vértice X Vértice Y

590.0004.803.000

591.0004.803.000

591.0004.799.000

590.0004.799.000

1.2. Protección da atmosfera.

1.2.1. Sobre a emisión de po e gases.

En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, especialmente durante a fase de construcción, debidas á acción da maquinaria e ós movementos de terra, procederase á rega suficiente das zonas de explanación nos períodos de seca, co fin de evita-la dita emisión. En todo caso, ó longo destes períodos, non se poderá

comeza-los movementos de terra sen que se atopen dispostos a pé de obra os medios materiais necesarios para proceder á humectación do solo.

Posto que non se pode elimina-la emisión de gases procedentes dos motores de combustión interna dos camións e maquinaria para reducir no posible os seus efectos, será responsabilidade do promotor a correcta posta a punto de tódolos motores, antes do incio das obras, levada a cabo por servicio autorizado, do que terá que existir oportuna certificación.

1.3. Protección de augas e leitos fluviais.

En ningún caso se modificará ou se afectará a rede hidrolóxica da zona de actuación, agás que se dispoña de autorización expresa por parte do correspondente organismo de cunca.

No movemento de terras e demais dispositivos de obra civil teranse en conta no seu deseño e execución que non se impida o libre fluxo de auga, e evitando a formación de encharcamentos ou outras formas que dificulten a circulación de auga.

Evitarase a elaboración de formigón na propia obra, procurando adquirilo xa preparado de plantas autorizadas, con obxecto de evita-lo consumo, e especialmente, a contaminación das augas.

As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria móbil faranse fóra da zona do parque en instalacións axeitadas para tal fin. A xestión dos aceites provenientes destes equipos e maquinaria, ó longo da obra ou na fase de explotación, deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado.

As aguas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser levadas a unha fosa séptica tal e como consta no proxecto.

Contarase coa preceptiva autorización do organismo de cunca para a captación de auga e tamén para o vertido das residuais, así como calquera ocupación do dominio público hidráulico.

1.4. Protección do solo.

O promotor realizará un control topográfico preciso dos límites da escavación e depósito, axustándose ós sinalados no proxecto. Realizarase unha delimitación exacta das zonas da obra, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos.

As vías de acceso, canalizacións e cimentacións executaranse tendo en conta os efectos da pluviometría da zona e da natureza do solo. Na medida do posible, aproveitaranse ó máximo as vías existentes.

Nos movementos de terras procurarase equilibrar ó máximo o volume de terras procedentes de desmonte cos terrapléns. E en calquera caso, os materiais sobrantes das escavacións serán levados e depositados en vertedoiros autorizados e axeitados para tal fin, reducíndose ó mínimo o uso de terras de recheo.

Nos desmontes e terrapléns, a pendente dos noiros será a axeitada para evita-la posibilidade de erosión de ladeiras ou de movemento de masas, así como para evitar, especialmente, a perda de solo nestas. Se as pendentes pronunciadas fosen inevitables, realizaríanse bermas intermedias. Ademais, instalaranse mallas nos casos necesarios, para evitar escorregamentos.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será separada durante as escavacións para ser empregada posteriormente na recuperación das superficies alteradas. Esta capa edáfica disporase en montóns que non superen os dous metros de altura para que non perda a súa calidade, e poida ser empregada para restaurar zonas afectadas polas obras. Se o seu emprego non vai ser inmediato, deberase sementar cunha mestura de sementes de pratenses nunha dose mínima de 50 kg/ha.

Tódolos residuos xerados, tanto na fase de construcción como de funcionamento, serán tratados conforme a súa natureza, e quedará expresamente prohibido o depósito tanto definitivo como temporal de residuos, incluídos RSU, no interior do perímetro do parque eólico.

1.5. Protección de fauna, flora e espacios naturais.

1.5.1. Sobre a avifauna.

Evitarase a instalación de aeroxeradores en zonas nas que existan hábitats e rutas migratorias importantes das aves. No caso de que se comprobase un impacto grave sobre a fauna, o órgano ambiental, a través do órgano substantivo poderá requirir do promotor as medidas oportunas para corrixi-la situación, entre as que mesmo poderá esta-la relocalización dos aeroxeradores afectados.

1.5.2. Sobre a vexetación.

Manterase a vexetación nativa e empregaranse técnicas de roza axeitadas que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas diferentes zonas afectadas polas obras.

Os terreos afectados, deteriorados ou deforestados, deberán ser tratados mediante unha revexetación axeitada que restitúa a orde orixinal ó inicio das obras. Estableceranse as distintos vías de acceso de xeito que non se afecte en ningún caso a zonas definidas no propio estudio como de Fragas.

Aquelas pistas que posteriormente sexan abandonadas deberanse reintegrar na paisaxe revexetándoas axeitadamente en toda a súa extensión.

De xeito xeral, para as masas de vexetación, independentemente da súa localización e calidade ecolóxica, e tendo en conta os inmensos prexuízos ecolóxicos e económicos que a acción devastadora do lume ten no ámbito galego, a promotora farase responsable de que as cortas, rareos de superficies de instalacións accesorias, etcétera, non se leven a cabo mediante incendios controlados. Este proceso de rareo deberase realizar mediante os procedementos técnicos existentes de eliminación da vexetación.

1.5.3. Sobre espacios naturais.

Procurarase en todo momento minimiza-la posible afección que a instalación dos aeroxeradores e da infraestructura precisa lle puidesen ocasionar ó parque natural das Fragas do Eume, procedendo á aproximación máxima posible dos aeroxeradores ó límite do parque natural, presentándose planos nos que se amose a localización exacta en coordenadas U.T.M. dos aeroxeradores e infraestructuras conforme o solicitado neste punto.

1.6. Protección de valores arqueolóxicos e etnográficos.

1.6.1. De cara a evitar posibles afeccións, estableceranse unhas áreas de exclusión de 25 m medidos desde o límite exterior no contorno dos bens do patrimonio cultural inventariados. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

1.6.2. En relación co impacto severo sobre o xacigo PU980427T03, realizarase como medida correctora o desprazamento da vía 25 m ó oeste medidos desde o perímetro exterior do túmulo, pola zona por onde discorre a gabia da conducción eléctrica.

1.6.3. En relación ó impacto severo sobre o xacigo PU981026T01, desprazarase o aeroxerador un mínimo de 25 m ó sudeste do xacigo, medidos desde o perímetro exterior do túmulo, desprazando así mesmo as gabias que conectan o aeroxerador 14 y 15 á subestación.

1.6.4. Previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá:

-Sinalización na fase previa ó inicio das obras de tódolos elementos do patrimonio cultural recollidos no EsIA.

-O control e seguimiento arqueolóxico das obras durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos en todo o ámbito do parque eólico, de acordo coas medidas correctoras recollidas no EsIA.

-Como anexo ó proxecto arqueolóxico, recollerase na cartografía empregada polo persoal da obra, un plano de riscos arqueolóxicos, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto de seguimento e control arqueolóxico).

Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como órgano competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos tenán que ser levados a cabo por técnicos competentes, de acordo coa Lei 8/95, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

1.7. Protección de valores paisaxísticos.

O conxunto dos elementos que configuran o parque deberá estar integrado paisaxisticamente, de xeito especial naqueles que supoñen unha aliñación vertical, horizontal ou cromática que represente unha ruptura brusca do continuo da paisaxe.

Para minimiza-los impactos paisaxísticos dos aeroxeradores, empregaranse cores pouco rechamantes no seu acabado.

Tódalas liñas eléctricas previstas no interior do parque eólico, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, serán sempre subterráneas.

As bases arquitectónicas de toda edificación relacionada co parque e as vías de acceso deberán ser concordantes coa tipología constructiva da zona onde se vai realiza-la acción. En concreto, os paramentos dos edificios deberán levar acabado de pedra e as cubertas serán de tella ou lousa. Os cerramentos perimetrais deberán contar con apantallamento vexetal, formado por especies autóctonas axeitadas, de xeito que se diminúa o impacto paisaxístico do conxunto.

1.8. Outras medidas.

Co fin de evita-las posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores do parque, deberanse instalar torretas con balizas de acordo coa normativa OACI de tal xeito que delimiten e definan os aliñamentos de aeroxeradores.

1.9. Recuperación situación orixinal tras fase de explotación.

Ó longo da fase de abandono, unha vez finalizadas as diferentes operacións durante a vida útil do parque, procederase, con carácter xeral á desmontaxe e retirada dos aeroxeradores, retirada dos transformadores eléctricos e de calquera tipo de susbtancia ou aparello susceptible de provocar contaminación por derrame do seu contido, sendo transportados todos estes elementos a centro autorizado para o seu tratamento.

2. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras presentes no Estudio de Impacto Ambiental (EsIA) e do condicionado xeral e específico da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

2.1. Condicións xerais (PVSA).

O programa de vixilancia que se expón ten carácter troncal respecto ó proposto, se é o caso, no EsIA. Divídese en catro grupos de informes: de inicio de obras, de seguimento das obras, de seguimento da explotación e de abandono destas. O seu obxectivo é o de procurar incorporar, na maior medida os procedementos de autocontrol por parte do promotor. Así mesmo, os catro grupos de informes subdivídense, de acordo co exposto a continuación, e neles quedará reflectidos, pola súa banda, a periodicidade que han de ter na súa remisión ó órgano competente.

O PVSA, con carácter xeral, estructúrase como segue: 1) Previamente ó inicio das obras; 2) Durante a execución das obras; 3) Ó final das obras; 4) Seguimento ambiental, de carácter semestral, durante dous primeiros anos de explotación; 5) Seguimento ambiental, de carácter anual, durante a explotación; 6) Informe ambiental previo ó abandono; 7) Informe de abandono e clausura de instalacións.

Os contidos básicos da documentación, sen prexuízo dos complementos que se poidan incorporar no punto 2.2 (Condicións específicas do PVSA), e do propio plan de vixilancia ambiental do EsIA, serán:

1. Previamente ó inicio das obras: a) calendario das obras con tódalas actividades e salientando as críticas, debéndose incluí-las medidas protectoras ou correctoras de carácter ambiental (este calendario presentarase polo menos 48 horas antes de comeza-los traballos e corresponderá a calendario real). Ademais, presentarase polo menos un mes antes do inicio dos traballos: b) cartografía a escala 1:5.000 ou maior detalle en que aparezan tódolos elementos que se vaian construír e as medidas correctoras e protectoras previstas; c) reportaxe fotográfica das zonas nas que se implantarán os distintos elementos; d) certificación de posta a punto de motores de camións e da maquinaria que se empregarán durante as obras; e) copia da autorización do proxecto arqueolóxico; f) estudio valorativo e cuantificado das poboacións de aves, tanto residentes como migratorias, na zona de futura instalación do parque eólico, como de estudio base ou campaña cero tal e como o promotor propón no documento:

Plan de Vixilancia Ambiental, aves, presentado nesta dirección xeral.

Previamente á presentación destas condicións informarase a esta dirección xeral da data prevista de comezo das obras, quedando supeditado este inicio á existencia dunha resolución favorable desta dirección xeral para proceder ó seu comezo.

2. Durante a execución das obras: a) mensualmente, en relación á alínea a) do parágrafo anterior, presentarase o correspondente plan actualizado; b) informe acompañado dunha reportaxe fotográfica en que se reflicta o desenvolvemento dos traballos, e no que se recolla, así mesmo, as incidencias, imprevistos e continxencias acontecidas; d) cartografía a escala 1:5.000 en que se recollan os avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras res

pecto ó total, referido ós distintos elementos que a conforman.

3. Ó final das obras: presentarase antes de dous meses desde a finalización dos traballos, comprendendo, polo menos: a) cartografía a escala: 1: 5.000 ou maior detalle en que aparezan os elementos construídos e as zonas en que se realizaron medidas protectoras ou correctoras; b) reportaxe fotográfica das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos; c) certificación da calidade dos elementos dos materiais empregados para as operacións de protección e corrección ambiental; d) informe sobre os traballos arqueolóxicos realizados conforme o proxecto arqueolóxico; e) definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras.

4. Seguimento ambiental (tipo A): presentarase con periodicidade semestral contada a partir do inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Conterá, como mínimo e ademais do exposto no propio EsIA, os seguintes elementos: a) reportaxe fotográfica de avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal ou protección paisaxística; b) seguimento de posibles colisións da avifauna cos aeroxeradores e do comportamento das aves no interior do parque; c) resultado da vixilancia sobre posibles perdas de aceite dos aeroxeradores; d) estado e taxas de desenvolvemento nas superficies revexetadas.

5. Seguimento ambiental (tipo B): presentarase con periodicidade anual, a partir do segundo ano da explotación e terá os mesmos contidos que o informe tipo A descrito anteriormente.

6. Informe ambiental previo ó abandono: presentarase nun prazo de seis meses previos á finalización da explotación da infraestructura que conteña as accións previstas polo promotor para o cumprimento do punto 1.9 da presente declaración de impacto ambiental.

7. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento da instalación, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións de desmantelamento que teñan carácter ambiental, especialmente no relativo a residuos perigosos, e elementos paisaxísticos.

Tódolos informes mencionados presentaranse perante o órgano substantivo para a súa remisión ó órgano ambiental que procederá á súa aprobación.

2.2. Condicións específicas (PVSA).

As condicións específicas do Plan de Vixilancia e Seguimento responden a aspectos moi concretos e particulares que deben incorporarse no presente caso ó Plan Xeral de Vixilancia Ambiental, polo que se presentarán, na forma e cos contidos recollidos a continuación, nun prazo máximo dun (1) mes de ser notificada a presente declaración. Será necesaria a conformidade e aprobación dos estudios e informes incluídos neste punto por parte desta

dirección xeral, quen consultará cos organismos competentes sobre a adecuación dos mesmos. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o resultado dela quen non poderá proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte con esta notificación.

2.2.1. Realizaranse novas medicións do nivel do ruído, ademais das xa realizadas nos puntos propostos polo promotor, nas seguintes coordenadas:

Coordenadas X Coordenadas Y

589.000 4.804.000

589.000 4.802.000

589.000 4.800.000

591.000 4.798.000

592.000 4.803.000

592.000 4.801.000

592.000 4.798.000

Completando así o documento: plan de seguimento do nivel de ruídos.

2.2.2. Para avalia-lo impacto paisaxístico sobre o parque natural, xerado pola instalación deste parque eólico, realizarase unha modelización infográfica do terreo no que se amose o parque eólico con tódalas instalacións proxectadas de acordo co establecido na presente DIA.

A avaliación desta documentación será obxecto dunha resolución, que lle será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

Ademais, presentaranse planos nos se mostre localización exacta en coordenadas U.T.M. dos aeroxeradores e infraestructuras en coherencia co indicado no punto 1.5.3. Sobre os espacios naturais, e o punto 1.6. Protección dos valores arqueolóxicos, da presente DIA.

3. Condiciones adicionais.

As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarallo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun mes, despois de ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, e comunicarlle o acordo adoptado ó promotor.

O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo por propia iniciativa ou pola solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que se corrixan estas.

Previamente ó comezo das obras, o promotor deberá depositar un aval para lle facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio e que ascende á cantidade de cinco millóns oitocentas corenta e nove mil corenta e seis (5.849.046) pesetas.

O presente acordo, adoptado por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificación nela.

O proxecto respectará o disposto na Lei 4/1994, de estradas de Galicia, e deberá obter autorización expresa do órgano competente da administración titular da estrada no caso de a afectar ou de afectar terreos comprendidos na súa área de influencia.

O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O futuro parque eólico de Sotavento localízase nos municipios de Monfero e Xermade, nas provincias da Coruña e Lugo respectivamente. Parte das instalacións previstas atopánse en terreos do parque natural das Fragas do Eume.

Inicialmente, prevíase a instalación de 28 aeroxeradores, tal e como se recollía na cartografía presentada no estudio, proxectándose na documentación definitiva presentada 24 aeroxeradores, de carácter experimental procedentes de seis tecnólogos diferentes. O aliñamento sitúase nos lugares coñecidos como Serrón de Lobo e Serra do Candieiro.

As características básicas do proxecto son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 24.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW (media estimada). Potencia total instalada 24 MW.

-Altura das torres (de 750 kW): 45 m.

-Diámetro das pas (de 750 kW): 44 m.

A superficie afectada indícase a continuación mediante as súas coordenadas poligonais:

Vértice X Vértice Y

590.000 4.803.000

591.000 4.803.000

591.000 4.799.000

590.000 4.799.000

As medidas correctoras propostas no estudio son: evitar formación de poeiras; calquera corta de especies arbóreas será reposta con especies seriais; as instalacións estarán dotadas de sistemas de depuración de augas residuais; rexeración das zonas afectadas pola construcción do parque; abastos de terras vexetal; recollida das augas de curado das zapatas en construcción; e como plan de vixilancia ambiental propoñen o seguimento da afección sobre as aves; xestión dos residuos perigosos; control dos niveis de ruídos; control da posible afección de ondas electromagnéticas.

Así mesmo, presentouse como documentación adicional un plan específico de seguimento das posibles afeccións ambientais sobre as aves, de seguimento do nivel de ruídos e plan de restauración e revexetación das superficies afectadas.

ANEXO II

Consultas a organismos

-Dirección Xeral de Obras Públicas emite informe no que indica que o proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso de defensa destas. Así mesmo, as obras, edificacións, cerramentos ou accesos que afectan os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da administración titular da estrada.

-Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa que o parque eólico proxectado se atopa parcialmente incluído no parque natural das Fragas do Eume. Así mesmo, indican que a interconexión da liña de saída do parque eólico coa rede xeral, que será obxecto dun proxecto independente, estaría sometido ó procedemento establecido polo Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, de afecta-lo parque natural. Destacan no informe que na identificación e valoración de impactos merecen especial atención os relativos ó ruído e á paisaxe, non concordando coa valoración realizada no estudio ó respecto destes dous factores.

Así para o ruído, indican que a valoración feita no estudio parece inadecuada e de cuantificación baixa en canto ós efectos producidos, ó se-la área de instalación unha zona de tránsito habitual de especies sensibles e ameazadas.

No que se refire á paisaxe, indican que os aeroxeradores xerarán intervisibilidades de magnitude elevada por outra parte a alta accesibilidad ocasionará un impacto paisaxístico severo, máxime tendo en conta que a paisaxe constitúe un recurso prioritario e un valor fundamental, e en consecuencia é obxecto de medidas de protección e conservación nos obxec

tivos sinaladas no Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORN).

Indican ademais que se deberán considera-lo conxunto de externalidades como acumulación de valores ecolóxicos, culturais, paisaxísticos e patrimoniais que constitúen no seu conxunto a base económica do desenvolvemento da zona e serán o eixe sobre o que se van a desenvolve-las iniciativas económicas sostibles abarcando os obxectivos e estratexias de futuro sinalados no PORN.

A xeito de conclusión, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural indica que a instalación desta actividade no seo do parque natural supón o establecemento dun impacto permanente que ten consecuencias moi negativas sobre a paisaxe, previsiblemente unha agresión importante sobre a fauna, e así mesmo, mingua o conxunto de externalidades e potencialidades que son base da economía e da calidade de vida da zona, procedendo en consecuencia a desaconsella-la localización da instalación eólica no parque natural.

A resultas da nova documentación presentada polo promotor, a Dirección Xeral de Montes informa que se modifica a localización de varios aeroxeradores, pero de todos modos os números 1, 4, 15, 16, 17, 18 e 19, seguen situándose no interior do parque natural das Fraguas do Eume, polo que mantén o primeiro informe no que respecta a estes aeroxeradores.

-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre o estudio e acepta as medidas correctoras, cos conseguintes condicionantes:

1. De cara a evitar posibles afeccións, estableceranse unhas áreas de exclusión de 25 m medidos desde o límite exterior no contorno dos bens do patrimonio cultural inventariados. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

2. En relación ó impacto severo sobre o xacigo PU980427T03, realizarase como medida correctora o desprazamento da vía 25 m ó oeste medidos desde o perímetro exterior do túmulo, pola zona pola que discorre a gabia da conducción eléctrica.

3. En relación ó impacto severo sobre o xacigo PU981026T01, desprazarase o aeroxerador un mínimo de 25 m ó sudeste do xacigo, medidos desde o perímetro exterior do túmulo, desprazando así mesmo as gabias que conectan os aeroxeradores á subestación respectivamente.

4. Previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá:

-Sinalización na fase previa ó inicio das obras de tódolos elementos do patrimonio cultural recollidos no EsIA.

-O control e seguimiento arqueolóxico das obras durante as fases de replanteo, de execución de obra

e de restitución dos terreos en todo ámbito do parque eólico, de acordo coas medidas correctoras recollidas no EsIA.

-Como anexo ó anexo arqueológico, recollerase na cartografía empregada polo persoal da obra, un plano de riscos arqueolóxicos, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto de seguimento e control arqueolóxico).

5. Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas para cada fase, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outra medida de protección.

6. Os traballos serán realizados por técnico competente, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

-O Departamento de Xestión do Domino Público Hidráulico de Aguas de Galicia emite informe no que se indica que a instalación do parque non produce ninguna alteración importante en relación á planificación hidrolóxica da zona e indica que o estudio nos especifica o lugar de captación de augas nin de vertido da fosa séptica, nin se especifica se existen encrucilladas con vías ou algún tipo de canalización dos cursos fluviais, que precisarían da perceptiva autorización do organismo de cunca. Así mesmo, indica que tanto nas fases de construcción como de explotación a calidade das augas terá que ser óptima.

Xa que a explotación do parque eólico ten previsto o vertido á rede hidrográfica, cómpre que o promotor tramite a preceptiva autorización de vertido diante do organismo de cunca, en aplicación da lexislación vixente.

-A Dirección General de Industria informa que a traza da liña de alta tensión de saída do parque eólico non afecta o parque natural, e que os aeroxeradores situados no parque se atopan en áreas descritas como matogueiras e pasteiros no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, e propón como condicionado da DIA que se teña en conta as condicións pluviométricas na execución das canalizacións, vías de acceso e cimentacións, a instalación de mallas contra os escorregamentos de terras e reducción do uso de terras de recheo, a axeitada xestión dos residuos, especialmente dos perigosos, evitando o vertido accidental de substancias contaminantes á rede hidrolóxica; manténdose a vexetación nativa e empregando técnicas de roza axeitadas que permitan a revexetación das zonas afectadas polas obras, para minimización dos impactos visuais, empregaranse cores pouco rechamantes nos aeroxedores, o proxecto tramitarase como Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, de acordo co previsto en la Lei

10/1995, de Ordenación do territorio de Galicia; dentro do programa de vixilancia ambiental propoñen a medición periódica dos niveis de ruído no parque e nas entidades de poboación próximas e o seguimento exhaustivo das posibles colisións da avifauna cos aeroxeradores.