Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 21 de xuño de 1999 Páx. 7.817

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 10 de xuño de 1999 pola que se regula a Comisión Asesora de Información Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O contorno sanitario está sometido a unha constante evolución, debida ós avances das ciencias biomédicas, ó desenvolvemento das tecnoloxías e ó perfeccionamento das fórmulas organizativas, de cara a unha mellora continua do nivel de saúde da poboación e da calidade da asistencia.

A dispoñibilidade de información actualizada é un elemento fundamental de comunicación e posta ó día de coñecementos dos profesionais sanitarios. Así mesmo, é necesario informa-lo cidadán, co obxecto de promover hábitos de vida saudables, de evita-los principais riscos para a saúde e de facilita-lo acceso ós servicios asistenciais.

A actividade informativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, do Sergas e das súas entidades dependentes é moi intensa, e cómpre o establecemento de órganos que aseguren unha estreita coordinación entre tódalas unidades e o correcto deseño e mantemento das canles de información.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Constitúese a Comisión Asesora de Información Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º

A Comisión Asesora de Información Sanitaria terá as seguintes funcións:

a) Aprobar criterios comúns ós que se axustará a circulación de información xerada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, do Sergas e das súas entidades dependentes.

b) Aproba-las características xerais dos circuítos de información da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Normaliza-los contidos informativos que se incorporen nos circuítos.

Artigo 3º

A Comisión Asesora de Información Sanitaria estará constituída polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que actuará de presidente; polo subdirector xeral de Información Sanitaria, que será o seu vicepresidente; por un repre

sentante con nivel orgánico igual ou superior a xefe de servicio de cada unha das direccións xerais e divisións dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas, mailas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e direccións provinciais do Sergas; polo xefe do Servicio de Informática da Área Asistencial; polo xefe do Servicio de Informática da Área Administrativa e polo xefe do Servicio de Avaliación, que actuará como secretario.

Artigo 4º

Créase a Comisión Permanente de Información Sanitaria como organismo integrado na Comisión Asesora de Información Sanitaria, que actuará por delegación dela.

Artigo 5º

Serán membros fixos da Comisión Permanente de Información Sanitaria o subdirector xeral de Información Sanitaria, quen a presidirá, o xefe do Servicio de Avaliación, que actuará como secretario; o xefe do Servicio de Informática da Área Asistencial e o xefe do Servicio de Informática da Área Administrativa. Ademais poderán formar parte como membros variables da Comisión Permanente de Información Sanitaria, en función dos temas que se vaian tratar, unha persoa por cada dirección xeral ou división da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas, así como das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, direccións provinciais do Sergas e dos seus centros asistenciais. Tamén poderán ser convocados ás reunións da Comisión Permanente de Información Sanitaria, por decisión do seu presidente ou dos responsables dos centros directivos, como asesores, aquelas persoas a presencia das cales se considere necesaria.

Artigo 6º

As funcións da Comisión Permanente de Información Sanitaria serán as seguintes:

a) Aproba-los circuítos de información da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Aproba-los contidos informativos que se incorporen nos circuítos.

c) Calquera función que lle encomende a Comisión Asesora de Información Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 7º

Para a aprobación dos circuítos de información e contidos informativos, as unidades poderán formula-las súas propostas por escrito ó presidente da Comisión Permanente de Información Sanitaria, quen notificará a resolución adoptada dentro dos dez días seguintes ó da súa recepción. En caso de non responder no prazo estipulado a proposta considerarase aprobada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan total ou parcialmente ó disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais