Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 18 de xuño de 1999 Páx. 7.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de xuño de 1999 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap).

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap), con domicilio en r/ Ramón y Cajal , 2 , 1º, Lugo.

Supostos de feito

1. Isidro López Rodríguez, en escrito do 29 de marzo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o día 15 de marzo de 1999, ante o notario Francisco-Manuel López Sánchez, baixo o número 708 de protocolo por Antonio Asensi Pernas, María Luisa Zapata Medín, Isidro López Rodríguez, José-Antonio Méndez Fernández, Isidro Luis Álvarez Chorén, Miguel Sánchez de Enciso Ruiz, María del Pilar Rodríguez Ledo e Áurea Mejuto Rodríguez, intervindo no seu nome e dereito, sendo modificada por outra de emenda, do 26 de abril de 1999 perante o mesmo notario e co número 1130 de protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é promove-la investigación na atención de primeiro nivel e fomenta-la formación de tódolos que traballan neste nivel, en especial do colectivo que traballa en atención primaria. Igualmente o estudio de formas de xestión e eficacia da Atención do citado primeiro nivel.

4. O padroado da fundación estará constituído por Isidro López Rodríguez como presidente, María del Pilar Rodríguez Ledo como vicepresidenta, Isidro-Luis Álvarez Chorén como secretario, e Antonio Asensi Pernas como tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap) dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 31 de maio de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap) e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública