Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 17 de xuño de 1999 Páx. 7.703

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de liña de alta tensión a 220 kV entre a subestación de Albarellos e o parque eólico de Cando, nos concellos de Boborás, Beariz e Leiro (Ourense) e Forcarei (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 9 de abril de 1999 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do proxecto de liña eléctrica de alta tensión (220 kV), entre a subestación de Albarellos e o parque eólico de Cando, nos concellos de Boborás, Beariz e Leiro (Ourense)

e Forcarei (Pontevedra), promovido pola empresa Gamesa Promoción Eólica, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

Declaración de impacto ambiental

Examinado o proxecto e os antecedentes expostos, estímase, só para os efectos ambientais, a posibilidade de realiza-lo proxecto, sempre de xeito que asegure a minimización dos posibles impactos ambientais negativos. De acordo co previsto no Decreto 442/1990, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable, terán que cumprirse, ademais das especificacións

contidas no estudio de impacto ambiental, o seguinte condicionado:

1. Condicións xerais.

1.1. Ámbito da declaración.

O proxecto refírese en exclusiva á instalación dunha liña eléctrica de alta tensión (220 kV), aérea en simple circuíto con partida proxectada na subestación de Albarellos e remate no parque eólico de Cando, cunha lonxitude total de 21.829 m e 55 apoios metálicos de celosía sobre zapatas de formigón, con illadores de vidro temperado e conductores de terra e fibra óptica, discorrendo polos concellos de Boborás, Leiro, Beariz e Forcarei.

1.2. Protección de augas e leitos fluviais.

1.2.1. En todo momento, durante a construcción e a explotación, teranse en conta as medidas protectoras de non alteración dos leitos fluviais e a prohibición de vertido neles dos entullos, e de limpeza de ferramenta e maquinaria de traballo, xa que elementos como o cemento, aditivos e demais productos empregados na fase de construcción son altamente tóxicos en especial para o mantemento da vida piscícola afectando plenamente o espacio natural das carballeiras do tramo alto do río Verdugo, situado augas abaixo.

1.2.2. A calidade das augas manterase en todo momento en niveis óptimos.

1.2.3. No suposto de que as vías que se constrúan precisasen cruzar leitos fluviais, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, precisando a autorización de Augas de Galicia.

1.2.4. É indispensable que se realice unha correcta construcción das vías relacionadas coa instalación, de xeito que a afección á rede hidrolóxica sexa mínima e se evite o vertido de substancias contaminantes.

1.2.5. De producírense vertidos, consecuencia da construcción ou explotación da LAT, o promotor obterá a preceptiva autorización de vertido, de acordo coa lexislación vixente, e cumprindo as directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

1.3. Protección do solo.

As vías de acceso e cimentacións executaranse tendo en conta os efectos da pluviometría da zona e a natureza do solo, co fin de diminuí-los arrastres e perdas de solo. Na medida do posible, aproveitaranse ó máximo as vías existentes.

Nos movementos de terras procurarase equilibrar ó máximo o volume de terras procedentes de desmonte cos terrapléns instalándose mallas para evitar escorregamentos nos casos necesarios.

E en calquera caso os materiais sobrantes das escavacións serán levados e depositados en vertedoiros autorizados e axeitados para tal fin.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será separada durante as escavacións para ser empregada posteriormente na recuperación das superficies alte

radas. Esta capa edáfica disporase en montóns que non superen os dous metros de altura para que non perda a súa calidade, e poida ser empregada para restaurar zonas afectadas polas obras. Se o seu emprego non vai ser inmediato, deberase sementar cunha mestura de sementes de pratenses nunha dose mínima de 50 Kg/ha.

Tódolos residuos xerados tanto na fase de construcción como de funcionamento serán tratados conforme a súa natureza, quedando expresamente prohibido o depósito tanto definitivo como temporal de residuos, incluídos RSU, no interior dos límites definidos pola LAT.

1.4. Protección de fauna e flora.

1.4.1. Sobre a avifauna.

Para minimiza-la colisión da avifauna coa LAT procederase ó sinalamento do cable de terra nas zonas definidas como de impacto moderada, de acordo co indicado no EsIA.

Para minimiza-la posible morte da avifauna por electrocución, realizarase a instalación de acordo co indicado no punto 6.1.14 de EsIA, de medidas de illamento adicional de cables e cruceta realizando os apoios aliñados con illadores suspendidos nas zonas non arboradas e mediante illamento reforzado da cruceta e o illador ríxido nas zonas de contacto.

1.4.2. Sobre a vexetación.

Manterase a vexetación nativa e empregaranse técnicas de raza axeitadas que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas diferentes zonas afectadas polas obras.

Os terreos afectados, deteriorados ou deforestados, deberán ser tratados mediante unha revexetación axeitada que restitúa a orde orixinal ó inicio das obras.

Estableceranse as distintas vías de acceso de xeito que se minimice o seu trazado e non se afecte a áreas de vexetación climácica.

Aquelas pistas que posteriormente sexan abandonadas deberanse reintegrar na paisaxe revexetándoas axeitadamente en toda a súa extensión.

De xeito xeral para as masas de vexetación, independentemente da súa localización e calidade ecolóxica, e tendo en conta os inmensos prexuízos ecolóxicos e económicos que a acción devastadora do lume ten no ámbito galego, a promotora farase responsable de que as cortas, rareos de superficies de instalacións accesorias, etcétera, non se leven a cabo mediante incendios controlados. Este proceso de rareo deberase realizar mediante os procedementos técnicos existentes de eliminación da vexetación.

Os residuos xerados na roza serán triturados e estendidos no solo afectado.

1.5. Protección de valores arqueolóxicos e etnográficos.

1.5.1. De acordo co punto 6.15º do EsIA, elaborarase un proxecto de accesos. O dito proxecto

deberá contar cun estudio arqueolóxico do impacto dos devanditos accesos e del deberá emitir informe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

1.5.2. De cara a evitar posibles afeccións, establecerase unha área de exclusión de 25 m medidos desde o límite exterior no contorno dos bens do patrimonio cultural inventariados. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará o informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e evitarase o tránsito de maquinaria por estas zonas.

1.5.3. Previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se incluirá:

-Sinalamento na fase previa ó inicio das obras de tódolos elementos do patrimonio cultural recollidos no EsIA.

-O control e seguimento arqueolóxico das obras de acordo coas medidas correctoras recollidas no EsIA.

-Como anexo ó anexo arqueolóxico, recollerase na cartografía empregada polo persoal da obra, un plano de riscos arqueolóxicos, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto de seguimento e control arqueolóxico).

1.5.4. Baseándose nos resultados das actuacións arqueolóxicas para cada fase, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección, téndose en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

1.5.5. Os traballos serán realizados por técnico competente, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

1.6. Protección de valores paisaxísticos.

Para minimiza-las afeccións visuais na ermida de San Domingos, realizarase o apantallamento visual, do xeito proposto no EsIA, pero que para o caso das especies arbóreas deberán ter un porte mínimo de tres metros de alto.

1.7. Sobre a saúde humana e os campos electromagnéticos.

Aínda que non existe consenso na comunidade científica internacional sobre a afección que este tipo de instalacións poden ter sobre a saúde humana, o replanteo da traza será tal que permita manter un corredor de 100 m de largo no que non se atope ningunha vivenda.

1.8. Outras medidas.

Co fin de evita-las posibles colisións de aeronaves cos elementos da estructura, deberanse instalar balizas nas torretas de acordo coa normativa OACI de tal maneira que delimiten e definan a traza da LAT.

1.9. Recuperación situación orixinal tras fase de explotación.

Ó longo da fase de abandono, unha vez rematadas as diferentes operacións durante a vida útil da LAT, procederase, con carácter xeral á desmontaxe e reti

rada das torres e dos restantes elementos constituíntes da LAT, sendo transportados estes elementos a centro autorizado para a súa xestión.

2. Condicións específicas.

A instalación declarada deberase ater, ademais de ás condicións xerais expostas anteriormente, ás seguintes condicións específicas.

2.1. Alternativa de trazado.

Para minimiza-la afección de elementos singulares de vexetación xerada pola instalación da LAT dos apoios números 30 ó 34 ambos incluídos, (segundo os planos do EsIA), como o son as carballeiras próximas ós lugares de Garfián e A Bouza, concello de Beariz polo seu bo estado de conservación e a súa escaseza, proporase unha alternativa para o trazado entre os apoios 25 á 35, que non afecte estes elementos ambientalmente singulares.

2.2. Control topográfico.

O promotor realizará un control topográfico preciso dos límites da escavación e depósito axustándose ós sinalados no proxecto. Realizarase unha delimitación exacta das zonas da obra, e estará prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos.

3. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras presentes no estudio de impacto ambiental (EsIA) e do condicionado xeral e específico da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

3.1. Condicións xerais (PVSA).

O programa de vixilancia que se expón ten carácter troncal respecto ó proposto no EsIA. Divídese en catro grupos de informes: de inicio de obras, de seguimento das obras, de seguimento da explotación e de abandono delas. O seu obxectivo é o de procurar incorporar, na maior medida os procedementos de autocontrol por parte do promotor. Ó tempo, os catro grupos de informes, subdivídense, de acordo co exposto a continuación, no cal queda reflectida así mesmo, a periodicidade que han de ter na súa remisión ó órgano competente.

O PVSA, con carácter xeral, estructúrarase como segue: 1) Previamente ó inicio das obras; 2) Durante a execución das obras; 3) Ó final das obras; 4) Seguimento ambiental primeiro ano de explotación; 5) Informe ambiental previo ó abandono; 6) Informe de abandono e clausura de instalacións.

Os contidos básicos da documentación, sen prexuízo dos complementos que se poidan incorporar no punto 3.2 (condicións específicas do PVSA), serán:

1) Previamente ó inicio das obras: a) cronograma das obras con tódalas actividades e resaltando as

críticas, debéndose incluí-las medidas protectoras ou correctoras de carácter ambiental (este cronograma presentarase polo menos 48 horas antes de comeza-los traballos e corresponderá a calendario real). Ademais, presentarase polo menos un mes antes do inicio dos traballos; b) cartografía a escala 1:5.000 ou maior detalle no cal aparezan tódolos elementos que se van construír e as medidas correctoras e protectoras previstas; c) reportaxe fotográfica das zonas nas que se implantarán os distintos elementos; d) estudio específico das cortas de vexetación afectadas pola traza; e) certificación de posta a punto de motores de camións e da maquinaria que se empregará durante as obras; f) copia da autorización do proxecto arqueolóxico.

Simultaneamente á presentación destas condicións informarase a esta dirección xeral da data de comezo das obras.

2) Durante a execución das obras: a) mensualmente, en relación coa alínea a) do número anterior, presentarase o correspondente plan actualizado; b) informe acompañado dunha reportaxe fotográfica no que se reflicta o desenvolvemento dos traballos, e no que se recolla, así mesmo, as incidencias, imprevistos e continxencias acontecidas; d) cartografía a escala 1:5.000 na que se recollan os avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referido ós distintos elementos que a conforman.

3) Ó final das obras: presentarase antes de dous meses desde o remate dos traballos, comprendendo, polo menos: a) cartografía a escala 1: 5.000 ou maior detalle no que aparezan os elementos construídos e as zonas en que se realizaron medidas protectoras ou correctoras; b) reportaxe fotográfica das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos; c) certificación da calidade dos elementos e dos matenais empregados para as operacións de protección e corrección ambiental; d) informe sobre os traballos arqueolóxicos realizados conforme o proxecto arqueolóxico; e) definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras.

4) Seguimento ambiental: presentarase con periodicidade trimestral contado a partir do inicio do funcionamento da instalación, durante o primeiro ano dela. Conterá, como mínimo, os seguintes elementos: a) reportaxe fotográfica de avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal ou protección paisaxística; b) seguimento de posibles colisións e electrocucións da avifauna coa LAT; c) estado e taxas de desenvolvemento nas superficies revexetadas. Á vista dos resultados obtidos indicarase neste momento a periodicidade e contidos do seguimento ambiental. Ademais presentaranse no primeiro seguimento trimestral os informes que segundo o programa de vixilancia do EsIA son puntuais, especialmente o de control da intensidade e potencia do campo eléctrico e magnético nas vivendas máis próximas á LAT.

5) Informe ambiental previo ó abandono: presentarase nun prazo de seis meses previos á finalización da explotación da infraestructura que conteña as

accións previstas polo promotor para o cumprimento do punto 1.9 da presente declaración de impacto ambiental.

6) Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous meses, contados desde a fin das accións para o desmantelamento da instalación, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións de desmantelamento que teñan carácter ambiental, especialmente no relativo a residuos perigosos, e elementos paisaxísticos.

Tódolos informes anteditos presentaranse por triplicado exemplar, ante o órgano substantivo para a súa remisión ó órgano ambiental que procederá a aprobación deles.

3.2. Condicións específicas (PVSA).

As condicións específicas do Plan de Vixilancia e Seguimento responden a aspectos moi concretos e particulares que deben incorporarse no presente caso ó Plan Xeral de Vixilancia Ambiental, polo que se presentarán, na forma e cos contidos recollidos a continuación, nun prazo máximo dun (1) mes, excepto a prospección arqueolóxica que será nun prazo máximo de tres (3) meses, de ser notificada a presente declaración, e por cuadriplicado exemplar. Será necesaria a conformidade e aprobación dos estudios e informes incluídos neste punto por parte desta dirección xeral, quen consultará cos organismos competentes sobre a adecuación deles. Unha vez feita esta avaliación remitiráselle ó promotor o seu resultado, quen non poderá proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte con esta notificación.

3.2.1. Proxecto modificado atendendo ó condicionado 2.1. da presente declaración ambiental.

3.2.2. Proxecto de accesos, en coherencia co especificado no punto 6.1.5. do EsIA.

3.2.3. Prospección arqueolóxica superficial intensiva, tanto dos accesos como da modificación da traza indicada no punto 2.1. de acordo co indicado na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio de Galicia.

3.2.4. Estudio de revexetación das zonas afectadas polos movementos de terras, no que se especificarán a maquinaria, número e especies que se van empregar, planificación, calendario de actuacións e valoración económica da restauración dos terreos, en coherencia co EsIA e o condicionado da presente DIA.

A avaliación desta documentación será obxecto dunha resolución, que lle será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

4. Condicións adicionais.

As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Sen embargo, o promotor poderalle solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importan

tes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitaralle á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes, despois de ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e a documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, e comunicaralle o acordo adoptado ó promotor.

O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non recollido actualmente.

Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico, sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que se corrixan estas.

Previamente ó comezo das obras, o promotor deberá depositar un aval para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio. Proponse como importe provisional do aval o 4% do investimento que se vai realizar. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento das medidas correctoras e plan de restauración do proxecto.

O presente acordo, adoptado por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela.

O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO

RESUMO DO PROXECTO

O proxecto consiste na instalación dunha liña eléctrica de alta tensión (220 kV), aérea en simple circuíto con partida proxectada na subestación de Albarellos e remate no parque eólico de Cando, cunha lonxitude total de 21.829 m, sobre 55 apoios metálicos de celosía sobre zapatas de formigón, con illadores de vidro temperado e conductores de terra e fibra óptica, que discorrerá polos concellos de Boborás, Leiro, Beariz e Forcarei.

Como medidas correctoras o EsIA propón entre outras: boas prácticas de obra; plan de xestión de residuos e vertidos; estudio de intervención sobre a vexetación para a apertura e mantemento do corredor baixo a liña; tendido mediante helicóptero;

proxecto de accesos; asistencia técnica arqueolóxica na fase de replanteo; apoios con patas desiguais; recrecido dos apoios; restauración das superficies afectadas; balizado de cables; reposición e/ou indemnización por danos; apantallamentos vexetais en lugares concretos; instalación de salvapaxaros e medidas antielectrocución; balizamento previo dos elementos que se vai protexer; axeitada posta a terra como prevención de procesos electrolíticos; información veciñal; incorporación do plan de vixilancia ambiental nos pregos do proxecto.