Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 10 de xuño de 1999 Páx. 7.289

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 172/1999, do 27 de maio, polo que se autoriza a constitución da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A Lei 15/1997, do 25 de abril (BOE do 26 de abril), establece que a xestión e administración dos centros, servicios e establecementos sanitarios poderán levarse a cabo directamente ou indirectamente a través da constitución de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.

Tendo en conta as melloras de xestión producidas noutros servicios e establecementos sanitarios do Sergas incluso con anterioridade á citada lei utilizando a fundación como forma de xestión, considérase conveniente dotar de maior flexibilidade e autonomía a Central de Coordinación de Urxencias Médicas regulada na Orde do 9 de outubro de 1995 (DOG nº 199, do 17 de outubro), constituíndoa como fundación pública.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase a constitución da fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e apróbanse os seus estatutos que se xuntan ó presente decreto como anexo.

Artigo 2º

Corresponderalle á fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a xestión en réxime de concerto da Central de Coordinación de Urxencias Médicas, regulada na Orde do 9 de outubro de 1995 (DOG nº 199, do 17 de outubro), con suxeición á coordinación e ás directrices de carácter funcional emanadas dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase o Servicio Galego de Saúde para achegar ó patrimonio fundaciónal a cantidade de 25.000.000 de ptas. e ó seu presidente para o outorgamento da carta fundaciónal e para a realización de tódolos trámites necesarios para a constitución da dita fundación.

Segunda.-Quedarán adscritos á fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 os bens que, sendo titularidade do Servicio Galego de Saúde ou tendo que reverter neste estean afectos actualmente á Central de Coordinación de Urxencias Médicas.

Terceira.-A fundación asumirá mediante os correspondentes instrumentos xurídicos e nos termos admitidos pola normativa de aplicación a posición xurídica do Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A., nas relacións laborais derivadas da prestación de servicios de asistencia ás emerxencias médicas na Comunidade Autónoma de Galicia e nas demais relacións xurídicas, especialmente as de tipo contractual, acordadas pola dita sociedade con tal motivo.

Cuarta.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para a modificación dos concertos, actualmente en vigor, subscritos co Instituto Galego de Medicina Técnica para a xestión da Central de Coordinación de Urxencias Médicas-061 e servicios dependentes dela.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

Estatutos da fundación Pública Urxencias

Sanitarias de Galicia-061

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación, natureza, nacionalidade, ámbito e enderezo.

1. Baixo a denominación fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia (en diante, a fundación), a Comunidade Autónoma de Galicia constitúe unha fundación pública de interese galego, como entidade con personalidade xurídica propia que afecta o seu patrimonio á realización, de xeito duradeiro e sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral de carácter sanitario, asistencial, docente e investigador que se detallan nestes estatutos.

2. O ámbito territorial no que desenvolverá principalmente as súas actividades será a Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O enderezo da fundación radica en Santiago de Compostela (A Coruña), Edificio de Usos Múltiples, San Marcos, s/n.

O enderezo poderá ser trasladado mediante acordo do padroado da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten de aplicación. De igual modo poderá crear, trasladar ou suprimir centros, delegacións ou outros recursos que o mellor desempeño das actividades da fundación aconsellen.

Artigo 2º.-Duración e capacidade xurídica.

1. A fundación constitúese por tempo indefinido considerándose validamente constituída desde o outorgamento da carta fundaciónal en escritura pública unha vez inscrita no Rexistro de fundacións,

sen prexuízo da validez das actuacións imprescindibles realizadas durante a súa formación, conforme o disposto no artigo 9 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991.

2. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos seus intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar sen máis limitacións que as establecidas polo ordenamento xurídico. En consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; subscribir contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos que foran oportunos; exerce-las accións, excepcións e recursos que segundo a lei lle correspondan perante toda clase de tribunais, organismos, corporacións, autoridades competentes e entidades tanto de dereito público como de dereito privado e, en xeral, tódolos actos necesarios para conseguir, de acordo coa lexislación aplicable a cada suposto, os obxectivos establecidos nestes estatutos.

Artigo 3º.-Réxime normativo.

1. A fundación rexerase polos presentes estatutos, polos regulamentos que regulen a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que teñan participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou normativa que as substitúa.

2. Así mesmo, rexerase tamén polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de incentivos fiscais a participación privada en actividades de interese xeral, do Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de competencia estatal ou disposicións que as substitúan.

3. A fundación someterá as súas actuacións ás normas de dereito civil, mercantil, laboral ou administrativo que lle sexan de aplicación.

Artigo 4º.-Obxecto.

1. A fundación ten xenericamente por obxecto a realización de actividades de xestión, coordinación, consultoría, docencia e investigación prioritariamente en materia de atención extrahospitalaria en caso de emerxencia e urxencia sanitaria, así como no campo dos coidados críticos e na atención sociosanitaria, promovendo a eficacia, eficiencia e seguridade do sistema sanitario.

Para tal fin xestionará a Central de Coordinación de Urxencias Médicas regulada na Orde do 9 de outubro de 1995.

2. Tódalas actividades que constitúan o obxecto fundaciónal desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas competencias.

3. Na realización do obxecto fundaciónal considerarase o usuario como o eixe de tódalas actividades da fundación, promovendo a súa satisfacción tanto nos aspectos técnicos como humanos e respectando en todo caso os dereitos dos beneficiarios ou usuarios dos seus servicios e en particular os dereitos dos doentes.

Artigo 5º.-Finalidade.

1. Os fins da fundación serán sempre de interese xeral, consistirán a título orientativo:

a) Na xestión e coordinación das demandas de asistencia sanitaria en casos de emerxencia ou urxencia.

b) Na xestión e coordinación da atención e transporte sanitario urxente de soporte vital básico e avanzado.

c) Na coordinación do transporte interhospitalario.

d) Na coordinación do transporte en transplantes, tanto de órganos como de doentes.

e) No asesoramento médico telefónico e a información orientativa (infosalud) sobre servicios sanitarios.

f) Na organización e asesoría en materia de dispositivos sanitarios preventivos e asistenciais ante eventos de concorrencia pública.

g) Na asesoría e consultoría no desenvolvemento de plans organizativos relativos ó obxecto da fundación.

h) Na colaboración coas administracións, corporacións, entidades ou particulares do que sexa a súa competencia ou actividade e teña incidencia ou sexan de interese para a consecución dos obxectivos da fundación.

i) Na formación e investigación en materia de coordinación e asistencia sanitaria urxente, tanto do seu persoal como da poboación e os profesionais.

2. A fundación para a consecución dos seus fins, estará obrigada a dar publicidade suficiente ós seus obxectivos e actividades; poderá realizalas directamente ou a través de contratos, concertos ou convenios con entidades públicas ou privadas, así como mediante a creación de calquera entidade xurídica admitida en dereito.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios da fundación, tódalas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que demandan os servicios que poida presta-la fundación e estean dentro dos fins fundaciónais.

Artigo 7º.-Protectorado.

1. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado; as facultades deste serán exercidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública no relativo o Rexistro das fundacións de Interese Galego.

2. O protectorado, no exercicio da función tuitiva que lle corresponde sobre a fundación, terá as facultades que lle atribúa a lexislación vixente na materia.

Capítulo II

Órganos da fundación

Artigo 8º.-Órganos da fundación.

1. Órgano de goberno: a fundación estará rexida polo seu padroado, órgano de goberno, integrado polo presidente, vicepresidente, os vocais e o secretario.

2. Órganos de xestión: serán o director e os demais cargos directivos de primeiro nivel da fundación.

Sección primeira

O padroado

Artigo 9º.-Composición.

1. O padroado é o órgano de goberno da fundación que asume a súa dirección, control e representación.

2. O padroado compoñerase dos seguintes membros:

a) Patróns natos: exercen esa función por razón dos seus cargos, perdendo a súa condición no momento do cesamento naqueles, sendo substituídos por quen os suceda neles:

1. Presidente: o presidente do Sergas.

2. Vicepresidente: o secretario xeral do Sergas.

3. Vocais:

-Os directores xerais de cada división do Sergas.

-O director da fundación.

b) Patróns electivos: son designados por períodos de dous anos, cesando ó concluí-lo seu mandato se este non é prorrogado. Son os seguintes:

-Unha persoa designada polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

-Unha persoa designada polo presidente do Servicio Galego de Saúde.

c) Secretario: será designado polo padroado entre o persoal que preste os seus servicios na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou o Sergas, que pertenza ó grupo A e sexa licenciado en dereito.

O secretario fará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias por orde do presidente.

Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaraas co visto e prace do presidente. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.

Artigo 10º.-Funcións do padroado.

Con estricta suxeición á normativa vixente, ós criterios de planificación, coordinación e ás directrices de carácter xeral da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, serán funcións do padroado as seguintes:

a) Determina-los criterios de actuación da fundación dentro do marco fixado polos estatutos.

b) Adopta-las medidas e disposicións convenientes que garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.

c) Aprobación dos plans xerais, económicos, financeiros, operativos, de obras e investimentos e a súa periodificación anual, que deben recollerse nos orzamentos anuais que tamén aprobará.

d) Aprobar periodicamente os plans docentes e de investigación e os seus resultados.

e) Aproba-lo inventario-balance anual, a liquidación do orzamento e a conta de resultados consecuencia da xestión asistencial e económica da entidade no período anterior.

f) Nomea-lo director da fundación e fixa-las relacións contractuais. Por proposta do director, nomea-los cargos directivos de primeiro nivel e fixa-las súas atribucións.

g) Autoriza-la política de persoal e réxime retributivo dentro dos límites legais e, en particular, a aprobación do cadro de persoal fixando os criterios de selección do mesmo.

h) Adopta-los acordos de disposición e gravame sobre os bens mobles e inmobles que constitúen o patrimonio da fundación.

i) Aproba-los contratos de obras, servicios e subministracións da fundación. Esta función poderá ser delegada no director ata o límite fixado polo padroado.

j) Aproba-lo plan anual de actividades e a memoria da fundación.

k) Aproba-los acordos e/ou convenios que considere de interese para o mellor logro dos seus fins.

l) Aproba-los criterios de ordenación de pagamentos e facturación propostos polo director.

m) Adopta-lo logotipo e a imaxe representativa da fundación, e autoriza-lo seu uso na forma que considere oportuno.

n) Acorda-lo exercicio das accións e excepcións que considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e administrativos, en defensa dos dereitos e intereses da fundación.

o) Aceptar doazóns cando leven aparellada algunha condición ou modalidade onerosa, así como legados e herdanzas a beneficio do inventario; non obstante, para repudialos necesitaríase a autorización expresa do Protectorado.

p) Con suxeición á normativa vixente, o padroado poderá conferir apoderamentos ou delega-las súas funcións no director, comisións ou comités que se constitúan e cargos directivos da fundación, así como encomendar a entidades aspectos concretos da xestión.

q) Calquera outra función non asignada expresamente a outro órgano.

Artigo 11º.-Funcionamento, convocatoria e acordos.

1. Periodicidade das sesións:

O padroado reunirase en sesión ordinaria alomenos dúas veces ó ano, nas cales haberán de aprobarse, respectivamente, os orzamentos e as contas anuais da fundación.

O presidente poderá convoca-lo padroado a reunións extraordinarias cando o considere oportuno e, en todo caso, sempre que así o soliciten por escrito alomenos a metade máis un dos patróns nomeados. A solicitude dos patróns deberá especifica-los asuntos que deberán ser incluídos na orde do día. Esta reunión deberá celebrarse dentro dos quince días seguintes á recepción polo presidente da solicitude escrita da convocatoria.

2. Convocatoria:

Para a válida constitución das sesións requírese convocatoria por escrito dirixida a cada vocal na que se expresará a orde do día, lugar e hora da sesión, con cinco días de antelación. No caso de sesión extraordinaria a convocatoria poderá realizarse con vintecatro horas de antelación por un medio que permita deixar constancia. Así mesmo, considerarase constituído o padroado en sesión extraordinaria, cando estando presentes a totalidade dos seus membros así o acorden. En tal caso o padroado quedará validamente constituído para trata-los temas que unanimemente decidisen os membros con dereito a voto incluír na orde do día.

3. Acordos:

Para que quede validamente constituído o padroado requírese a concorrencia, presentes ou representados por outros membros do padroado, da metade máis un dos membros.

Os acordos, se a lei non esixe un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día, salvo que unanimemente o padroado lle engada algún punto que ampare a adopción do acordo.

Das sesións e dos acordos adoptados nelas, levantarase a acta correspondente.

Artigo 12º.-Presidente.

Corresponden o presidente do padroado as seguintes funcións:

a) Exerce-la representación da fundación e do seu padroado.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, arbitra-las deliberacións do padroado e desface-los empates co seu voto de calidade.

c) Autoriza-la asistencia de outras persoas ás reunións do padroado, en calidade de acompañantes dos membros, se a súa presencia se xulga conveniente pola natureza das cuestións que se van debater.

d) Supervisa-las operacións da fundación, e presentarlle ó padroado os informes que considere oportunos.

e) Exercer en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións, e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da fundación, dando conta disto na primeira sesión que se celebre do padroado.

f) Calquera outra función que lle sexa validamente encomendada ou delegada polo padroado.

Artigo 13º.-Vicepresidente.

Son funcións do vicepresidente:

a) Substituí-lo presidente e exerce-las súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente. A delegación das funcións do artigo 12º f) requirirá previa autorización do padroado.

Sección segunda

O director

Artigo 14º.-O director.

O padroado nomeará un director, que será o órgano superior unipersoal de xestión da fundación.

2. O director da fundación poderá ser persoal funcionario, estatutario, ou ben a fundación poderá formalizar con el un contrato laboral axeitado ó seu cometido funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as disposicións aplicables na materia.

Artigo 15º.-Funcións do director.

Corresponderanlle ó director as seguintes funcións:

a) Executar e facer cumpri-los acordos do padroado e as instruccións do presidente impartidas no marco das súas atribucións.

b) Representa-la fundación, por delegación do presidente, sen prexuízo da representación que lle corresponde ó vicepresidente nos supostos de ausencia do presidente.

c) Dirixir, xestionar e inspeccionar, de acordo coas directrices do padroado, a organización e actividades da fundación que conduzan á consecución e mantemento dos seus fins.

d) Establecer, aprobar e facer cumpri-las normas de funcionamento interno da fundación, globais e en cada unha das súas unidades organizativas.

e) Elaborar e propoñerlle ó padroado o orzamento anual de gastos e ingresos e, se é o caso, modificacións.

f) Administra-lo patrimonio e bens adscritos á fundación de acordo coas leis e as atribucións conferidas polo padroado.

g) Ordea-los pagamentos e a xestión da Tesourería de acordo cos criterios aprobados polo padroado.

h) Dentro dos límites establecidos polo padroado, a adquisición de bens e servicios, así como a contratación de obras.

i) Propoñerlle ó padroado o nomeamento e cesamento dos cargos directivos de primeiro nivel da fundación.

j) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo padroado e para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relacións laborais, acordar sancións e executa-los acordos do padroado sobre o réxime retributivo.

k) Informar regularmente ó padroado dos resultados da xestión, clínicos, operativos e financeiros e, especialmente, prepara-la memoria do exercicio e balance da situación.

l) Exercer no caso de urxencia, por delegación do presidente, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e intereses da fundación, dando conta ó padroado na primeira sesión que se celebre.

m) Calquera outra función que lle delegue o padroado.

Capítulo III

Réxime patrimonial, financeiro e contable

Artigo 16º.-O patrimonio.

1. O patrimonio da fundación poderá estar constituído por bens e dereitos de calquera clase. A súa adquisición, administración e disposición corresponde ós órganos da fundación de acordo cos seus estatutos e ca suxeición ás normas establecidas na lei.

2. O patrimonio da fundación quedará recollido no inventario que revisará e aprobará anualmente o padroado. Os bens que sexan susceptibles de inscrición, inscribiranse nos rexistros correspondentes. Os fondos públicos e valores mobiliarios deberán depositarse ó seu nome nos establecementos financeiros ou na Caixa Xeral de Depósitos.

3. Poderán adscribirse á fundación bens e dereitos sen que iso implique a transmisión do dominio. Esta clase de bens e dereitos deberán figurar no balance da entidade polo seu valor de cesión e debidamente separados daqueles que foran adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade da fundación e, polo tanto, deban estar incorporados ó seu patrimonio.

As melloras, reparacións, conservación e mantemento destes bens serán por conta da fundación.

A fundación non poderá allear nin dar de baixa ningún elemento, ben ou equipo que figure en réxime de cesión, sen obter, previamente, a autorización dos órganos competentes para iso.

4. Os bens que integran o patrimonio fundaciónal, sen prexuízo, dos actos necesarios para a súa xestión e administración, quedan vinculados exclusivamente ó cumprimento directo ou indirecto dos fins fundaciónais.

Artigo 17º.-Réxime e recursos económicos.

1. Os recursos económicos da fundación, compóñense:

a) Da dotación inicial.

b) Dos bens e dereitos que poida adquirir por calquera título.

c) Dos derivados de contratos, concertos e convenios con persoas físicas ou xurídicas, ou entidades públicas ou privadas de calquera tipo, así como da facturación dos seus servicios.

d) Dos ingresos procedentes das entidades xurídicas que constitúan ou nas que participe.

e) Dos rendementos do seu patrimonio.

f) Das subvencións, axudas, donativos ou legados e herdanzas aceptadas.

g) Dos créditos e préstamos que lle sexan concedidos.

h) Calquera outro, no marco legal de aplicación.

2. A fundación só poderá dispoñer dos seus bens con obxecto de dar cumprimento ós fins fundaciónais e con suxeición ó disposto nas disposicións que lle sexan de aplicación.

3. O padroado formulará anualmente un inventario, o balance da situación e a conta de resultados, que recollerán a situación económica, financeira e patrimonial da fundación, elaborará unha memoria da actividade que permitirá coñecer e xustifica-lo cumprimento dos fins fundaciónais e aprobará o orzamento de ingresos e gastos da fundación e a súa liquidación e todo isto de acordo co establecido na Lei 3/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, e o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, ou normativa que o substitúa.

4. O proxecto de orzamento anual elaborado conforme a estructura e contido esixidas pola normativa sinalada no punto anterior, será presentado ó padroado antes do 1 de xuño de cada ano previo ó exercicio económico, para a súa aprobación por este, antes do 20 de xuño, e remitiráselle, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, á Consellería de Economía e Facenda antes do 1 de xullo para a elaboración do anteproxecto da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. En todo caso a devandita aprobación no relativo ás achegas que se vaian percibir con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, considerarase condicionada ás resultantes de tramitación e definitiva aprobación destes.

5. Sen prexuízo do previsto nos parágrafos anteriores, en canto ó réxime financeiro e orzamentario haberá que aterse ó que prevexa a Lei 11/1992,

do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia para as sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12.1º a) da dita lei.

6. A fundación só poderá concertar operacións de crédito por necesidades de Tesourería por un período de amortización de capital e xuro inferior a un ano, e sempre que se destine o seu importe ós fins da fundación, sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se establece na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

7. Na contratación, a fundación someterase ás normas do dereito privado. En todo caso, a adquisición de bens e servicios e a execución de obras someterase ós principios de publicidade, libre concorrencia e obrigatoriedade, de acordo co establecido na Lei 10/1996, do 5 de novembro.

Artigo 18º.-Réxime contable e control financeiro.

1. Na xestión e rexistro de actividades económicas e patrimoniais seralle de aplicación o Plan Xeral de Contabilidade.

2. De acordo cos termos establecidos na Lei 10/1996, do 5 de novembro, a fundación está suxeita ó control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

De igual xeito debe remitir, independentemente da conta xeral da Comunidade Autónoma, as súas contas ó Consello de Contas para a súa fiscalización.

Capítulo IV

Réxime de persoal

Artigo 19º.-Réxime de persoal.

1. O réxime xurídico do persoal da fundación será de carácter laboral, coas garantías que establece para este efecto o Estatuto dos traballadores e demais normas laborais.

2. A fundación deberá aplicar, en todo caso, ós sistemas de selección de persoal ó seu servicio os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade de acordo co establecido na Lei 10/1996, do 5 de novembro.

Capítulo V

Extinción e liquidación

Artigo 20º.-Extinción e liquidación.

1. A disolución da fundación realizarase por acordo dos membros do padroado ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los seus obxectivos. No caso de acordo de disolución, este requirirá maioría reforzada (2/3 do número legal dos membros) e a ratificación do Protectorado.

Así mesmo, a fundación extinguirase nos outros supostos legalmente previstos.

2. O acordo de disolución determinará a forma na que se procederá á liquidación dos bens pertencentes á fundación, que en todo caso pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Consello da Xunta de Galicia designará unha comisión liquidadora, constituída por tres peritos de recoñecida profesionalidade, non vinculados á fundación nos cinco anos anteriores o seu nomeamento, que elevarán ó Consello unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución.