Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Martes, 08 de xuño de 1999 Páx. 7.081

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de maio de 1999 pola que se actualiza a do 10 de marzo de 1999, pola que se regula o proceso de incorporación para o curso 1999-2000 dos estudiantes ó nivel universitario do ensino nos centros das tres universidades galegas.

O Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño) modificado polo 1060//1992, do 4 de setembro, dictado en aplicación das previsións do artigo 26.1º da Lei orgánica 11/1991, do 25 de agosto, de reforma universitaria, regulou o procedemento para o ingreso nos centros universitarios.

A disposición adicional primeira do citado Real decreto 1005/1991, subliñaba que aquelas comunidades autónomas que tiveran asumidas as competencias en materia de ensino superior poderían modificar, de acordo coas universidades afectadas, o establecido no seu artigo 3 a) e poderían adoptar procedementos para a distribución de estudiantes no ingreso nas universidades.

No caso concreto da Comunidade Autónoma de Galicia publicouse unha Orde do 10 de marzo de 1999 (Diario Oficial de Galicia do 26 de marzo), pola que se regula o porceso de incorporación para o curso 1999-2000 dos estudiantes ó nivel universitario do ensino nos centros das tres univesidades galegas.

Con posterioridade publícase o Real decreto 704/1999, do 30 de abril (BOE do 1 de maio), polo que se regulan os procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios dos estudiantes que reúnan os requisitos legais necesarios para o acceso á universidade, e queda derrogado o Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño, que regulaba o procedemento de selección para o ingreso nos centros universitarios, así como o Real decreto 1060/1992, do 4 de setembro.

De acordo co establecido na disposición derradeira terceira do citado Real decreto 704/1999, do 30 de abril (BOE do 1 de maio), e feita a consulta ás tres universidades de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Posponse a entrada en vigor do Real decreto 704/1999, do 30 de abril, polo que se regulan os procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios dos estudiantes que reúnan os requisitos legais necesarios para o acceso á universidade, nas universidades do sistema universitario de Galicia ata o curso académico 2000-2001, agás o estipulado no punto 2 do artigo 2º do Real decreto 704/1999, do 30 de abril, que será de aplicación para o curso 1999-2000. O citado artigo di:

«Os estudiantes que teñan superado as probas de acceso á universidade poderán volver a realizalas tantas veces como desexen en calquera outra convocatoria, co fin de mellora-la súa cualificación e acceder ó primeiro ciclo duns estudios determinados.

As novas probas deberán realizarse na mesma universidade, a non ser que se xustifique debidamente un cambio de residencia.

A posibilidade de repetición das probas non será obstáculo para que o estudiante poida formaliza-la súa matrícula na universidade no ano académico en curso no que por primeira vez realice as ditas probas.

Ós estudiantes que volvan realiza-las probas de acceso teráselles en conta a cualificación obtida nesa convocatoria, sempre que a dita cualificación sexa superior á anterior».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria