Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 07 de xuño de 1999 Páx. 7.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 1 de xuño de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal do Servicio de Urxencias do Hospital do Meixoeiro durante a folga que se levará a efecto con carácter indefinido desde ás 8 horas do día 7 de xuño de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal do Servicio de Urxencias do Hospital do Meixoeiro, que se levará a efecto con carácter indefinido desde as 8 horas do día 7 de xuño de 1999, oído o comité de folga, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada con carácter indefinido desde as 8 horas do día 7 de xuño de 1999, que afecta o persoal do Servicio de Urxencias do Hospital do Meixoeiro enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos, establécense os criterios rectores de deter

minación destes. Dada a necesidade de que quede garantida a actividade dun servicio de indubidable transcendencia na sanidade como son as urxencias hospitalarias, e na procura de conciliar ó máximo posible o dereito de folga dos traballadores coa atención urxente ós usuarios do servicio que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos dadas as características do servicio dispensado, tanto no que se refire á súa organización coma ás peculiaridades da demanda asistencial, os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura da atención urxente ós usuarios.

Os ditos criterios rectores explicítanse do seguinte xeito:

-Persoal facultativo:

-O 75% na quenda de mañá e o 100% nas quendas de tarde e noite.

-Persoal sanitario non facultativo:

-ATS/DUE, o 80% na quenda de mañá e tarde e o 100% na quenda de noite.

-Auxiliares de enfermería, ó 100% na quenda de mañá e un 80% na quenda de tarde.

-Persoal non sanitario:

-Celadores, o 80% na quenda de mañá e tarde e o 100% na quenda de noite.

-Auxiliares administrativos: 1 efectivo na quenda de mañá, 2 na quenda de tarde e 1 na quenda de noite.

-Azafata, 1 efectivo na quenda de mañá e 1 na de tarde.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinado polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE, nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Servicios mínimos

CategoríaMañáTardeNoite

FEA332
ATS/DUE444
Aux. Enfer.333
Celador444
Aux. Adtvo.121
Azafata110