Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 1999 pola que se convocan unhas xornadas de estudio sobre a contratación pública no dereito comunitario.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1999 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas de estudio sobre a contratación pública no dereito comunitario, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Transmitirlles ós funcionarios que interveñen nos procedementos de contratación pública, profesionais e estudiosos en xeral, os coñecementos necesarios sobre o contorno supranacional no que se encadra a normativa de aplicación, para permitirlles deste xeito comprende-los condicionantes da mens legis e do limitado campo de acción do que dispoñen os lexisladores estatal e autonómico, así como as obrigas contraídas ó respecto.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Evolución da contratación pública en España e as súas adaptacións trala adhesión ás comunidades europeas.

-Doutrina do Tribunal de Xustiza de Luxemburgo sobre contratación pública.

-As directivas sobre contratación pública e a súa trasposición ó dereito español.

-Normativa comunitaria sobre coordinación dos procedementos de adxudicación de contratos públicos de subministración e de obras.

-O sistema de recursos na normativa comunitaria de contratación pública.

-Normas internacionais sobre contratación pública e aplicación do dereito comunitario.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela) os días 28 e 29 de xuño de 1999.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 24 de xuño de 1999.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 25 de xuño, por teléfono, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública