Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.936

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 31 de maio de 1999 pola que se establecen axudas para a educación ambiental e para a xestión e conservación da biodiversidade para o ano 1999.

O artigo 149.1º 23 da Constitución, así como o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia facultan a nosa Comunidade Autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e a paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomenta-la conciencia de que o ambiente galego é un patrimonio e un ben no que tódolos estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente correspondéndolle o exercicio das competencias e funcións en materia de ambiente e conservación da natureza.

O ambiente constitúe un aspecto positivo do contorno do home, exposto a alteracións polo uso abusivo e indiscriminado. En Galicia a protección e conservación do solo, da flora, dos seus hábitats e dos espacios naturais require unha acción ampla e aberta de tódolos sectores sociais e económicos tanto públicos como privados.

Por todo isto, a Consellería de Medio Ambiente promove un réxime de axudas destinadas á:

1. Xestión e conservación da biodiversidade naqueles lugares onde a súa dispoñibilidade non fai viable o investimento directo e, nembargantes, o interese xeral e a utilidade pública das actuacións emprendidas fai preciso estimular iniciativas en favor da conservación do noso patrimonio natural, así como facilita-lo acceso ó seu coñecemento.

2. Formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental. Estas accións desenvólvense, mediante diversos plans, entre os que destaca o plan de difusión ambiental.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Coa finalidade de favorece-las accións de xestión e conservación da flora e fauna silvestre, así como o coñecemento e divulgación dos espacios naturais protexidos da Comunidade Autónoma de Galicia, establécese un réxime de axudas para as persoas físicas e entidades como subvención a fondo perdido sobre investimentos feitos en proxectos, estudios, obras, traballos e actividades que teñan estas finalidades.

Establécense, así mesmo, axudas para a adquisición de materiais para a realización de cursos, publicacións, exposicións, conferencias e outras

actividades divulgativas relacionadas coa educación ambiental e o ambiente.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) As persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos de investigación dirixidos por persoas coa mencionada titulación que pretendan realizar proxectos, estudios ou traballos sobre xestión ou divulgación dos espacios naturais protexidos, así como conservación da flora e fauna silvestre, sempre que estas persoas estean avaladas por un centro de carácter público que desenvolva actividades de investigación relacionadas co medio natural.

b) As asociacións e entidades non lucrativas que emprendan accións de mellora, restauración do medio e conservación da flora e fauna silvestre ou divulgación dos espacios naturais protexidos e outras actividades de educación e divulgación ambiental, que dispoñan da capacidade necesaria e suficiente para levalas a cabo e que se atopen inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

c) Os titulares e propietarios de terreos con aptitude para lograr unha mellora de calidade do medio natural e dos seus compoñentes, augas, solos, paisaxes, flora e fauna silvestre.

d) Os centros docentes públicos ou concertados que queiran promociona-lo coñecemento do ambiente mediante a programación e realización de actividades de educación ambiental e outras actuacións que contribúan a este labor.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

As actuacións susceptibles de seren subvencionadas serán:

Con carácter xeral, calquera estudio, proxecto ou actuación que teña aplicación inmediata no ámbito da educación ambiental e a xestión e conservación da biodiversidade.

Con carácter especial:

1. A mellora de hábitats da fauna e da flora, así como de arboedos, xardíns botánicos, conxuntos paisaxísticos ou elementos singulares.

2. A restauración e eliminación de impactos negativos sobre o medio natural e os seus elementos.

3. Accións de recuperación de especies de flora e fauna silvestre.

4. Cursos, publicacións, exposicións, conferencias e outras actividades de educación e divulgación ambiental.

Artigo 4º.-Porcentaxes e importe máximo das axudas.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que leven a cabo accións relacio

nadas no artigo anterior segundo as seguintes contías máximas para cada actuación:

1. Estudios aplicados para a xestión do medio natural e os seus elementos, ata o 50% do orzamento aprobado; deberán vir avalados por un centro de carácter público que desenvolva actividades de investigación relacionadas co medio natural.

2. Mellora de hábitats de fauna e flora silvestres, arboedos, xardíns botánicos, conxuntos paisaxísticos e elementos singulares, ata o 90% do orzamento aprobado.

3. Restauración e eliminación de impactos ambientais negativos sobre a paisaxe natural e os seus elementos, ata o 70% do orzamento aprobado.

4. Accións de recuperación de especies de flora e fauna silvestres, ata o 100%.

5. Cursos, publicacións, exposicións, conferencias e outras actividades de educación e divulgación ambiental: ata o 50% do orzamento aprobado.

En todo caso, o importe máximo da subvención para cada actuación non superará o importe de 1.000.000 de pesetas.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes para acollerse ás axudas citadas deberán dirixirse ó conselleiro de Medio Ambiente, e conterán a documentación que se requira debidamente cuberta e asinada.

1. Tódolos solicitantes presentarán a seguinte documentación:

-Solicitude segundo o modelo do anexo I.

-Certificación bancaria segundo anexo II.

-Fotocopia do DNI e NIF do solicitante, debidamente compulsada.

-Memoria explicativa das accións concretas que se queiran emprender. No caso de que se trate dunha actividade das do número 4 do artigo 3º, deberá conter, alomenos, os seguintes extremos:

a) Programación, que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, calendario, lugar, temas a tratar, relatores e títulos dos relatorios, medios materiais e humanos cos que se conta e calquera outro aspecto que se considere de interese.

b) Persoas ás que vai dirixido e número de participantes previstos.

c) Breve memoria dos actos celebrados nos tres últimos anos pola entidade organizadora e certificado dos que foran recoñecidos de interese ambiental.

-Orzamento detallado que se precisa.

-Calendario de actuacións e remate previsto das actuacións, que deberá ser anterior ó 15 de outubro de 1999, agás se a natureza da actividade xustifica a concesión dunha prórroga por parte da Consellería de Medio Ambiente.

-E, se é o caso, as autorizacións administrativas que se requiran para a realización das obras ou actuacións.

2. Segundo as características dos beneficiarios, terán que acompañar ademais, a seguinte documentación complementaria:

-No caso de proxectos, estudios ou traballos realizados por persoas físicas con titulación académica universitaria ou equipos dirixidos por persoal con igual titulación, deberán acredita-las citadas titulacións e presenta-lo aval do centro de carácter público correspondente.

-No caso de titulares e propietarios de terreos terán que acredita-la titularidade sobre os terreos onde se vai desenvolve-la actividade, así como a presentación do proxecto para o convenio de regulación de acceso de terceiras persoas.

-Os centros docentes públicos ou concertados deberán presenta-lo acordo do órgano competente para solicita-la subvención.

-No caso de publicacións terá que presentarse un avance da súa maqueta, co obxecto de supervisión e aprobación.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación.

A documentación deberá presentarse na Consellería de Medio Ambiente, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (LRJAP e PAC).

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación e concesión.

Unha vez recibidas as solicitudes, a Consellería de Medio Ambiente poderá solicita-la ampliación de datos ou informes que considere necesarios. A seguir, a dirección xeral correspondente (Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental no caso do parágrafo 4 do artigo 3º e a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, nos demais casos), logo do informe, se é o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, proporalle ó conselleiro a súa aprobación.

A dirección xeral correspondente comunicará os interesados a aprobación ou denegación da súa solicitude no prazo máximo de tres meses a partir da publicación da presente convocatoria, coas condicións particulares que en cada caso procedan e contía da axuda aprobada.

Transcorrido o prazo máximo para emitir resolución sen que a Administración adoptase, os interesados poderán entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo.

Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude de subvención poderá interporse recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar direc

tamente o acto ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativo.

As solicitudes baremaranse conforme os seguintes criterios:

1. Investimentos a realizar: 0-10 puntos.

2. Alcance das accións que se van desenvolver: 0-10 puntos.

3. Medios humanos e materiais que se van utilizar: 0-10 puntos.

4. Calendario de actuacións: 0-10 puntos.

Recibida a comunicación de aprobación, o solicitante deberá notificar nun prazo de 10 días hábiles á dirección xeral correspondente a aceptación das condicións da subvención. Se o solicitante fose unha asociación, centro docente ou entidade non lucrativa, presentará o acordo do órgano competente desta.

Ata que se reciba a aprobación definitiva, a consellería non se responsabilizará de actividades iniciadas ou desenvolvidas.

Artigo 8º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

Os beneficiarios de axudas con importe superior a 250.000 pesetas, antes de proceder ó seu cobro, terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Para o pagamento das axudas será preciso xustifica-la execución das accións aprobadas mediante proba documental correspondente, é dicir, facturas, contratos, convenios, ou se fose necesario, certificación por parte da Administración, da realización das accións subvencionadas unha vez efectuada a inspección final.

Cando a axuda se destine a melloras en terreos de carácter privado, establecerase un convenio entre o titular e a Consellería de Medio Ambiente con obxecto de regula-lo acceso controlado de terceiras persoas ás zonas ou lugares obxecto das melloras cun prazo de acceso durante a realización das actuacións que figurarán no convenio.

En toda a documentación pública relacionada coas actividades subvencionadas, farase constatar que estas se realizan en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, empregando os logotipos de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Poderán efectuarse pagamentos parciais ou anticipos de pagamento nas condicións establecidas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Artigo 9º.-Estudios e publicacións.

No caso de subvencións concedidas a publicacións, a maqueta final terá que ser aprobada antes da súa publicación, ademais, deberá facerse entrega do 10% dos exemplares editados na Consellería de Medio Ambiente.

No caso de estudios os beneficiarios terán que presentar cinco exemplares do traballo subvencionado na Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 10º.-Actividades educativas e divulgativas.

As actividades de cursos, publicacións, exposicións, conferencias e outras actividades de educación e divulgación ambiental deberán ser deseñadas e realizadas de maneira que estean en condicións de seren recoñecidas de interese ambiental segundo a Orde do 24 de marzo de 1998 pola que se regula o recoñecemento de interese ambiental para actos de carácter educativo ou científico.

Artigo 11º.-Prazo de finalización das actuacións.

Os investimentos obxecto da subvención deberán estar terminados e xustificados antes do 15 de outubro de 1999, agás que a natureza das accións subvencionadas leven á consellería á concesión dunha prórroga, logo de solicitude do beneficiario.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da subvención.

A consellería de Medio Ambiente reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, para verifica-lo cumprimento da finalidade da axuda.

Disposicións adicionais

Primeira.-O financiamento das axudas correspondentes ós puntos 1, 2 e 3 do artigo 3º realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342A.780.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 (axudas para a conservación da biodiversidade) cunha dotación inicial de 63.282.000 pesetas.

O financiamento das axudas correspondentes ó punto 4 do artigo 3º realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A.780.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 cunha dotación inicial de 15.000.000 de pesetas.

En ámbolos dous casos poderán ser incrementadas a través das necesarias modificacións orzamentarias de cada partida.

Segunda.-A percepción desta subvención será incompatible coa doutras procedentes das diferentes administracións para os mesmos fins.

Procederá o reintegro da axuda recibida e os intereses de demora nos casos recollidos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e ó do director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental para dicta-las disposicións necesarias con obxecto de desenvolve-la presente orde, que entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 1999.

José Carlos Del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente