Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.923

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 166/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Invernadeiro.

A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de adecua-la xestión dos espacios naturais protexidos e das especies que se van protexer ós principios inspiradores dela, para o cal se fai preciso a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acada-los obxectivos de conservación dos ecosistemas e dos hábitats naturais, e da problemática derivada do uso e desfrute público destes espacios.

No marco das novas orientacións e da política europea en materia de ambiente, xorden en 1992, O Convenio sobre a Diversidade Biolóxica e o V Programa Comunitario de Medio Ambiente, que se converterán en guía e instrumento esencial das actuacións ambientais institucionais como resposta a unha nova concepción social da conservación e uso da natureza.

Neste contexto aparece un novo concepto globalizador e dinámico de conservación e desenvolvemento, establecendo un uso racional e utilización sostible dos recursos biolóxicos no seu máis amplo sentido, é dicir, conseguir un uso dos recursos que satisfaga as necesidades das xeracións presentes sen poñer en perigo a satisfacción das necesidades das xeracións vindeiras.

Outras ideas fundamentais aparecidas fundaméntanse na transversalidade política dos conceptos medioambientais, así como a cooperación e o consenso entre tódolos axentes e sectores sociais e económicos.

Neste contexto apróbase a Directiva 92/43/CEE, de conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres. O obxectivo desta directiva e o de contribuír e garanti-la biodiversidade mediante a adopción de medidas para a conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres no territorio da Unión Europea, indicando a necesidade de establecer unha rede ecolóxica coherente de zonas de especial conservación, denominada Rede Natura 2000.

Deste xeito unha política pública eficaz de conservación da biodiversidade require un instrumentos de planificación que integren e actualicen criterios de sostibilidade, a responsabilidade de garanti-los os seus obxectivos debe ser asumida polo conxunto da sociedade.

Por estes motivos, o plan de ordenación dos recursos naturais do Invernadeiro, nutrirase destas directrices e estratexias, poñendo en acción aqueles mecanismos e normativa necesarios para acadar unha xestión sostible do territorio.

O procedemento de elaboración do Plan de Ordenación do Parque Natural do Invernadeiro incluíu os trámites de audiencia ós interesados e información pública mediante publicación no DOG.

O Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo as accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espacios naturais, e das especies e elementos sin

gulares da fauna, flora e xea de Galicia que polo seu interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha atención especial.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no título II da Lei 4/1989, de conservación da flora e fauna silvestres, así como no Decreto 155/1997, do 5 de xuño (DOG nº 123), polo que se declara o parque natural do Invernadeiro, apróbase o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Invernadeiro, como instrumento de ordenación do espacio natural, as súas principais disposicións normativas figuran nos anexos do presente decreto.

Artigo 2º

1. O Parque Natural do Invernadeiro ocupa unha superficie de 5.722 hectáreas situadas na súa totalidade no termo municipal de Vilariño de Conso da provincia de Ourense e ten como límites os que se describen no anexo I deste decreto.

2. Para facer compatible no parque natural a conservación dos recursos naturais coas distintas actividades que se desenvolven nel, clasifícase o territorio en tres categorías:

-Zona de reserva integral.

-Zona de protección especial.

-Zona de uso público restrinxido.

Os límites xeográficos que abrangue cada categoría zonal, así como a regulación das actividades e usos de cada unha , descríbense no anexo II e III, respectivamente deste decreto.

Artigo 3º

1. Para o desenvolvemento deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e dos criterios e obxectivos que hai que ter en conta na posta en marcha das distintas accións de conservación e de uso do espacio observaransen ó disposto no contido do documento do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais que se aproba polo presente decreto.

2. Este Plan de Ordenación dos Recursos Naturais será obrigatorio e executivo nas materias reguladas pola Lei 4/1989, do 27 de marzo, dos espacios naturais e fauna e flora silvestre, constituíndo as súas disposicións un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física, e as súas determinacións non poderán alterar ou modifica-los as mencionadas disposicións. Os instrumentos de ordenación territorial ou física existentes que resulten contradictorios con este Plan de Ordenación dos Recursos Naturais deberán adaptarse a estes. Mentres a mencionada adaptación non teña

lugar, as súas determinacións aplicaranse, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación territorial ou física existentes.

Así mesmo, os citados instrumentos de ordenación territorial ou física terán carácter indicativo respecto de calquera outras actuacións, plan ou programa sectorial e as súas determinacións aplicaranse subsidiariamente, sen prexuízo do establecido no punto anterior.

Artigo 4º

A infracción do réxime de protección establecido para o parque natural ou a non observancia da normativa específica establecida neste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres ou nas normas, que se é o caso, poidan substituíla e demais disposicións que a teor da natureza da infracción resulten aplicables, e das que se deriven dos plans de uso e xestión que se desenvolvan.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións, de igual ou inferior categoría, se opoñan ó disposto no presente decreto, no ámbito da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Alamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Límites do Parque Natural do Invernadeiro:

Norte: monte comunal de Camba (concello de Laza), Serra Mixta de Queixa (concello de Chandrexa de Queixa) e montes comunais de Vilariño de Conso.

Leste: divisoria das bacías dos ríos Ribeira Grande e Conso no concello de Vilariño de Conso.

Sur: encoro das Portas e monte comunal de Campobecerros (concello de Castrelo do Val).

Oeste: monte comunal de Camba (concello de Laza).

ANEXO II

Zonificación do parque natural

O Parque Natural do Invernadeiro queda dividido para efectos do presente Plan de Ordenación dos Recursos Naturais en tres grandes áreas das cales a norte é zona de reserva integral e a sur a zona de uso público restrinxido, quedando a área intermedia entre ámbalas dúas

anteriores como zona de protección especial. Estas tres grandes zonas delimítanse por dúas liñas que cortan tanxencialmente no sentido leste-oeste o parque natural.

Liña divisoria entre a zona de reserva integral e a zona de protección especial:

Desde o alto de Cabeza de Veiga do Fial, límite do parque natural polo oeste e cota de 1.552 metros seguindo a divisoria de augas entre a Corga de Teixeiroá e a Veiga do Rocín ata a cota de 1.113 metros, segue en liña recta ata a desembocadura da Corga de Cenzoá, e subindo por esta corga chégase ata o alto das Pozas cota de 1.544 metros no límite leste do parque natural.

Liña divisoria entre a zona de protección especial e a zona de uso público restrinxido:

Desde o alto do Birlauto, cota de 1.359 metros no límite oeste do parque natural, baixa pola corga do Bidueiral ata o río Ribeira Pequena, que segue augas abaixo ata a desembocadura da corga do Conso, sobe por esta corga ata o alto de Cabeza do Brozo, cota de 1.352 metros, segue logo a divisoria de augas entre as dúas ribeiras en dirección sur-leste ata o Alto de Picas da Veiga de Meda de 1.289 metros, baixa cara o leste polo regato do Lobo ata o río da Ribeira Grande que segue augas abaixo ata a desembocadura da corga das Cembas pola que sobe ata o alto de Cenzoá, cota de 1.555 metros e límite leste do parque natural.

ANEXO III

1. Sen prexuízo do previsto neste decreto e no desenvolvemento posterior do Plan Rector de Uso e Xestión, establécense como normas xerais as seguintes prohibicións no ámbito do parque natural:

-A introducción de especies vexetais e animais alóctonas.

-O exercicio da caza e da pesca, agás para a control e mantemento das poboacións.

-Os vertidos contaminantes ás augas superficiais e subterráneos.

-A contaminación dos solos.

-Os vertidos de residuos sólidos, lixo e entullos.

-A acampada e o vivaqueo.

-A apertura de novas pistas para vehículos motorizados e a pavimentación das existentes, excepto as necesarias para a xestión do parque natural.

-A navegación con calquera tipo de embarcación agás para a vixilancia e defensa do parque natural.

-Facer lume fóra dos edificios e instalacións habilitadas para iso.

-O acceso con motocicletas de trial ou desprovistas de silenciador, así como os radios e aparellos de audición fóra dos lugares habilitados.

-A destrucción ou deterioración de calquera instalación, edificio ou material do parque natural.

2. Establécense de acordo coa zonificación adoptada as seguintes normas particulares:

Zona de reserva integral:

a) Queda prohibida a circulación de vehículos de motor, agás para o persoal propio do parque natural

ou naqueles casos nos que sexa de necesidade para a salvagarda dos valores naturais do parque.

b) O acceso a pé queda permitido unicamente ó persoal propio do parque natural e ós investigadores, ou en casos de evidente necesidade para a súa defensa. Sen prexuízo do establecido neste decreto, o Plan Rector de Uso e Xestión poderá establecer outras determinacións diferentes ás sinaladas neste alínea.

c) Poderanse desenvolver actividades de investigación baixo a autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente.

d) Non estará permitida a colleita de material biótico ou abiótico. No caso de actividades de investigación, a colleita quedará sometida á autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente.

e) Cando sexa necesario, poderase mellora-la pista existente denominada do Figueiro e a devasa perimetral, sempre e cando non supoña ningún cambio no trazado, dimensionamento ou capa de rodadura orixinal, quitado as necesidades derivadas da defensa contra incendios forestais.

Zona de protección especial:

a) A circulación de vehículos de motor do persoal do parque a través desta zona farase unicamente pola pista existente na actualidade. Excepcionalmente poderán acceder a outras áreas, aqueles ou outros vehículos diferentes, en casos de forzada necesidade como para a extinción de incendios forestais.

b) O acceso a pé queda prohibido, agás para persoal propio do parque e investigadores autorizados. Para actividades de educación ambiental queda restrinxido ós camiños e pistas existentes, e baixo supervisión do persoal do parque natural.

c) Permítese a mellora das pistas e das devasas existentes, sempre que non supoña modificacións no trazado, dimensionamento ou capa de rodadura orixinal, a non se-las necesidades derivadas da defensa contra incendios forestais.

d) A permanencia de cercados de fauna cinexética quedará supeditada á existencia dun plan.

e) Permítese a reintroducción de especies de fauna e a mellora dos seus hábitats cando se trate de especies moi minguadas nas súas poboacións ou que tendo desaparecido se teña constancia da súa existencia nestes territorios na antigüidade.

f) Permítense labores de restauración forestal e de tratamentos selvícolas en atención á preservación das masas arbóreas existentes e á preservación do solo.

g) Permítese a retirada de material vexetal que quedará a disposición da Consellería de Medio Ambiente para plans de restauración forestal, preferentemente no ámbito do parque ou no territorio contiguo do Macizo Central Ourensán.

Zona de uso público restrinxido:

a) A permanencia de cercados de fauna cinexética quedará supeditada á existencia dun plan, mentres que

a ceiba de animais procedentes dos cercados quedará supeditada á existencia dun plan de reintroducción.

b) Permítense as repoboacións forestais, os tratamentos selvícolas, e os aproveitamentos con criterios para masas protectoras tendentes á restauración do bosque autóctono, do bosque mixto e, en último caso, á persistencia das masas arbóreas existentes.

c) Permítese o funcionamento da estación de desova sita na Ribeira Grande e a obtención de crías e ovos embrionados para o programa de mellora xenética e incremento da calidade dos salmónidos con destino á repoboación dos ríos da nosa comunidade.

d) Permítese a apertura de novas sendas exclusivamente para uso a pé como rutas de sendeirismo e de interpretación da natureza, quedará supeditada esta acción ás recomendacións que establezan os estudios específicos realizados para este fin.

e) A circulación a pé por persoal alleo ó parque natural permítese unicamente polos camiños e pistas sinalados como rutas de sendeirismo, logo de autorización.

f) O acceso de vehículos motorizados permítese ata as casas existentes na Ribeira Pequena e tan só en turismos ata a Aula da Natureza na Ribeira Grande.

3. Para os efectos da realización de actividades de investigación e de educación ambiental aplicarase ó disposto no artigo 5 puntos 3º e 4º do Decreto 155/1997, do 5 de xuño, polo que se declara o Parque Natural do Invernadeiro.