Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.921

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 164/1999, do 27 de maio, polo que se establecen as competencias e funcións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, no seu artigo 23 sinala que a Administración autonómica prestará asistencia científica e técnica para a elaboración de estudios básicos da contaminación e o medio físico, o establecemento de laboratorios homologados, a determinación da tecnoloxía máis adecuada en cada momento para o ambiente, asesoramento no establecemento de redes de control, programas, medidas estándares de calidade e métodos de análise, entre outros.

Por outra banda, a normativa ambiental esixe en pluralidade de preceptos a execución de probas, análises ou mostraxes que sirvan de presuposto para o establecemento de medidas correctoras, como contrastación na esixencia ou o cumprimento das condicións impostas na autorización, actuación inspectora etc., o que obriga a dispor dunha unidade administrativa que poida prestar apoio técnico ós órganos afectados.

É conveniente ter en conta, así mesmo, que a Directiva Europea 96/61 relativa á prevención e ó control integrado da contaminación, nun dos seus considerandos establece que o tratamento por separado do control de emisións á atmosfera, á auga ou ó solo poden potencia-la transferencia de contaminantes entre os diferentes ámbitos do ambiente, en lugar de protexe-lo ambiente no seu conxunto.

O Decreto 482/1997, do 30 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e se definen as competencias dos diferentes órganos administrativos inclúe, no artigo 7.3º.2, o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia como unidade adscrita ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental pero sen encomendarlle funcións específicas.

Con base nos principios de coordinación administrativa, eficacia e eficiencia que deben guia-las actuacións da Administración pública e de acordo coas orientacións que no campo medioambiental marcan as directivas europeas, parece oportuno dotar esta unidade administrativa de funcións e competencias que servirán de apoio técnico ó cumprimento da normativa vixente nas materias medioambientais enunciadas e permitirán á Administración pública galega dispoñer dun laboratorio homologado e de referencia.

Procede, así mesmo, colocar nesta unidade administrativa as funcións de información e asesoramento tecnolóxico das mellores técnicas dispoñibles (MTD) nos procesos productivos, o que promoverá a reducción tanto da utilización de recursos naturais non renovables coma da producción de residuos.

Polo exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello de la Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Competencias.

1. Corresponderá ó Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia a realización de estudios, análises e informes técnicos sobre establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas medio ambientais, coas particularidades que establece este decreto e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos administrativos pola súa normativa sectorial.

2. A realización de labor investigador das técnicas, metodoloxías e modelos de analítica en consonancia cos avances científicos e disposicións normativas aplicables.

Artigo 2º.-Funcións.

Serán funcións do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia:

1. A realización de estudios, informes técnicos e análises físicas, químicas, biolóxicas e edáficas sobre tódolos procesos que xeren degradación ambiental, xa sexan á atmosfera, ó medio acuático ou a xeración de residuos sólidos e a contaminación de solos.

2. A caracterización de vertidos urbanos e industriais, inmisións e emisións de acordo coa normativa vixente.

3. Comprobar e supervisa-los sensores en continuo e en tempo real de que dispoñan as instalacións industriais para o control das súas emisións e inmisións e a verificación e validación dos patróns utilizados na rede de medición de Galicia.

4. A coordinación, seguimento e analítica da Rede de Vixilancia e Control da Calidade do Aire e as actuais redes de Calidade de Augas, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros organismos públicos.

5. O contraste analítico e de referencia para a aplicación dos tributos ambientais nos casos que lle sexan solicitados polos órganos substantivos con competencias sectoriais na xestión dos devanditos tributos.

6. A información e asesoramento das mellores técnicas dispoñibles (MTD) nos procesos productivos coa finalidade de reducir e, se é o caso, elimina-los efectos ambientais.

7. Cantos estudios, dictames ou análises lle encargue a Consellería de Medio Ambiente relacionados coa problemática e a normativa ambiental.

Artigo 3º.-Coordinación.

1. O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia será centro de referencia para as incidencias ambientais na Comunidade Autónoma nos seus

aspectos de avaliación e seguimento analítico, e para tales efectos:

a) Programará probas periódicas de axuste e intercomparación de resultados con aquelas empresas ou entidades que se dediquen a realizar controis nos diferentes focos potencialmente contaminantes establecidos.

b) Prestará apoio técnico e analítico a calquera outro órgano administrativo da Xunta de Galicia en temas de incidencia sobre o ambiente.

c) Establecerá protocolos de toma de mostras para que sexan aplicados polos distintos axentes de inspección e vixilancia, nos casos que se requira a intervención do Laboratorio de Medio Ambiente.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. O laboratorio de Medio Ambiente de Galicia actuará baixo a responsabilidade dun director, sen prexuízo de que os diferentes estudios, análises e informes técnicos emitidos sexan asinados polo técnico facultativo competente.

O seu protocolo de funcionamento que incluirá os seguintes puntos: activación, actuación, seguimento e emisión de informes, establecerase por orde da Consellería de Medio Ambiente.

2. Estableceranse as quendas pertinentes para prestar asistencia a posibles incidentes ambientais e atende-la obtención de datos puntuais ou procedentes das redes de Vixilancia Ambiental.

3. Disporá de protocolos homologados de análises seguindo os estándares de calidade precisos para a validez dos seus resultados.

Artigo 5º.-Tipoloxía analítica.

As análises que se realicen no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia poderán ser das seguintes clases:

a) Oficiais: as realizadas sobre mostras tomadas en inspección con acta de funcionario competente e seguindo a metodoloxía e protocolo adecuado ó tratamento que se lle dará a cada tipo de mostra.

Os seus resultados serán reflectidos no informe ou certificado debidamente asinado e entregados ás partes afectadas e á autoridade competente para o trámite administrativo que proceda.

b) Informativas: as realizadas sobre calquera mostra que non proceda dunha inspección ou toma de mostra por causa ou sospeita de unha incidencia ambiental. Realizaranse por demanda de particulares ou da propia Administración.

c) Científicas: son as análises que se realizarán en función da actividade investigadora do laboratorio para os seus propios fins ou derivados de convenios ou proxectos de investigación coordinados ou non con outras institucións.

Disposición transitoria

No prazo dun ano a partir da entrada en vigor deste decreto, a Consellería de Medio Ambiente elaborará un inventario de procedementos competenciais, medios humanos e materiais que actualmente están dedicados á analítica ambiental co fin de determinar criterios de actuación ambiental.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente a dictar cantas normas sexan precisas para a execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente