Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 03 de xuño de 1999 Páx. 6.849

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 163/1999, do 14 de maio, polo que se modifica o Decreto 38/1999, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A dinámica actual de funcionamento da consellería está a provocar disfuncionalidades na distribución do traballo entre as unidades actualmente existentes na secretaría xeral.

En consecuencia, faise necesario modifica-la estructura orgánica da consellería, distribuíndo axeitadamente a carga de traballo entre as distintas unidades.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 5 do Decreto 38/1999, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 5º

Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades.

1. Servicio de Coordinación Técnica e Inspección.

Terá como obxectivo velar polo correcto funcionamento dos diferentes servicios e obras da consellería, tanto na súa esfera central coma periférica, informando sobre o grao de cumprimento e eficacia na súa prestación, e o adecuado emprego dos medios, tanto persoais coma materiais.

Proporá, se é o caso, as medidas para a corrección das deficiencias que se observen.

2. Servicio Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

a) Estudio e tramitación de tódolos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería.

b) Estudio, tramitación, e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións dictados polos distintos órganos da consellería cando non lle estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A coordinación para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia

das disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia, polo secretario xeral.

3. Servicio de Apoio Técnico Administrativo.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

a) Efectua-los estudios e informes que lle sexan encomendados polo secretario xeral, ademais do estudio, preparación e informe dos asuntos que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

b) Coordinación das publicacións editadas pola consellería, así como as funcións relativas á representación desta na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

c) Rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia, polo secretario xeral.

3. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

Exercerá as funcións de xestión do persoal, coordinación da confección do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control interno, así como a organización do rexistro, arquivo e demais aspectos relacionados co réxime interior.

Encargarase do sistema de informatización e proceso de datos, así como da racionalización administrativa de tódolos servicios da consellería.

Contará cos seguintes servicios:

3.1. Servicio de Xestión Económica e Control Orzamentario.

3.2. Servicio de Persoal e Réxime Interior.

Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de Subdirección Xeral, existirán as seguintes unidades:

4. Asesoría Xurídica.

5. Intervención Delegada.».

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da modificación da estructura orgánica que se establece neste decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros

de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición un cambio de residencia. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda