Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 02 de xuño de 1999 Páx. 6.799

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 161/1999, do 14 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Forcarei (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento e pavimentación da rúa Alfredo González Barros, 2.

O Concello de Forcarei (Pontevedra), en sesión celebrada o día 30 de outubro de 1998, aprobou o proxecto de saneamento e pavimentación da rúa Alfredo González Barros, 2 e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, para evita-la situación de perigo na zona intermedia da rúa Alfredo González Barros, debido á actual estreiteza e ó desnivel existente respecto dos terreos que lindan e que carecen de protección e sostemento, e debido ó gran número de vehículos que circulan diariamente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Forcarei (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento e pavimentación na rúa Alfredo González Barros, 2.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais